sábado. 27.11.2021 |
El tiempo
sábado. 27.11.2021
El tiempo

Pasos tortos, ollada dereita

"Nací deforme y tengo que caminar torcido para ver la vida equilibrada". A Nieves Armendariz dixéronlle que a cirurxía no nervio óptico podía deixalo chosco a Enrique. "Mi madre prefirió que fuese torcido y tonto, y no torcido, tonto y tuerto", sinala El Drogas, que apertou con 17 anos o alcume  que lle puxo un veciño
El Dorgas
El Dorgas

"YO YA ERA muy feo, tenía mucho acné y ese pelo largo y lacio y mi vecino era muy gracioso", sinala. Uns meses despois deste segundo bautismo, a súa "socia", Mamen Irujo, antes mesmo de mocear os dous, chamaría por teléfono á casa dos Villarreal Armendariz: "¿Puede ponerse El Drogas?".

Enrique Villarreal Armendariz chega ao mundo en 1959, cando entran na Habana Camilo Cienfuegos e o Ché Guevara e estoupa a guerra aberta en Vietnam. Franco inaugura o Valle de los Caídos e un grupo de disidentes de Ekin forma Euskadi ta Askatasuna. Ese mesmo verán de 1959, Hemingway acode aos sanfermíns na Pamplona que servirá 62 anos como pano de fondo dos pasos tortos e a ollada dereita de El Drogas, líder de Barricada ata a súa expulsión do grupo en 2011. 

La Txantrea é un dos tantos barrios de ametencia que lles foron agromando ás cidades do Estado español co éxodo rural na ditadura. El Drogas tiña dous anos cando os seus pais chegaron a este distrito, onde "bandas" xogaban cos grises "al gato y al ratón”. Aos poucos, foise decatando de que se o aita (pai) chegaba cunha boa suada á casa ou con lama nos pantalóns non era porque caese nunha poza, senón porque estivera a correr diante da Policía. 

"En tus calles/ no hay sitio para ellos./ Que se vayan./ No los queremos ver". O retrouso de ‘Barrio conflictivo’, single do álbum homónimo de 1984 de Barricada, repite como unha ladaíña: "No nos vamos a dejar". Conta Isabel, a máis nova dos catro irmáns, que houbo un tempo, antes de que Enrique fose El Drogas, no que el non quería deixar «La Txan». Só viviu unha década fóra do barrio, no "monte", a uns quilómetros da capital navarra, xa coa súa socia Mamen, pero facían a compra e levaban os fillos á ikastola de La Txantrea. 

Enrique Villarreal resultaría fascinado polo glam: Slade, Suzy Quatro ou T-Rex e, sobre todo, o estilazo de Josetxo Ezponda de Los Bichos

Antes de Barricada viría Kafarnaún. Música tocha e sinfónica na estela do grupo Bloque. Na clase de Historia do instituto abórdase a bomba atómica e o mozo Enrique escribe Hiroshima, a súa primeira letra para unha canción. Disque foi maxia. Como cando de neno facía da man de seu pai "txipi txapa", que é como se expresa en euskara o feito de botar unha pedra chá sobre as augas mansas dun río.
El Drogas era heterodoxo para ser heavy. Despois de Kafarnaún chegaría Punk Sapos Band. Máis adiante, Enrique Villarreal resultaría fascinado polo glam: Slade, Suzy Quatro ou T-Rex e, sobre todo, o estilazo de Josetxo Ezponda de Los Bichos. "El glam es directo y melódico; entra como un supositorio". Xa desde os últimos tempos de Barricada, cando menos desde o Hombre mate hombre de 2004, El Drogas comparece sobre a tarima con traxes irisados e levitas de coiro, chapeus imposibles e zapatos Oxford de charol: unha estética alonxada dos vaqueiros básicos e as camisolas raiadas e raídas que foran o seu uniforme de escenario.

Aquela escena de La Txantrea, os concertos partillados con coros parroquiais, cantautores e bandas de voces mixtas influídas pola polifonía Mocedades, quedarían atrás. «La puñetera mili». A Enrique Villarreal fáiselle un esforzo grande de máis explicarlles a eses señores de verde caqui que é un baixo eléctrico e queda asignado á corneta. Naquel tempo de descuberta dos Sex Pistols e de Motörhead e de reverencia ao Leño de Rosendo Mercado, matina que quere montar unha banda que se chame Barricada. Polas barricadas de La Txantrea e por todas as barricadas que estaban por vir na Zona Especial Norte e na reconversión industrial.

A primeira fichaxe para a banda é un heavy que toca a guitarra no rastro de La Txantrea. Chámase Javier Hernández, pero dinlle Boni. "No teníamos ni que hablar. Yo escribía las letras, él hacía la música". Despois comparecería Mikel Astrain. Un frechazo. "Un batería zurdo y cojo". Outro tolleito. "Parecíamos hermanos".

O segundo guitarra da formación clásica, Alfredo Piedrafita, substitúe a Sergio Osés na presentación do primeiro disco. Noche de rock&roll  (1983) había ser producido por Ramoncín, pero sería Marino Goñi quen finalmente se encararía da mestura para a discográfica independente navarra Soñua. O propio Goñi e mais José Mari Blanco, naquela altura mánager de La Polla Records, darían ese mesmo ano coa etiqueta de Rock Radikal Vasco. Empezan a xirar pola comunidade autónoma vasca, Navarra e o País Vasco Francés. Colocan un dos seus temas, Esperando en un billar, en Barrio Sésamo. Unha noite, en Artajona, Mikel estombállase enriba da batería. Lévano a urxencias e morre poucas horas despois, dun derramo cerebral. Tiña 24 anos.

Os Barricada arrepóñense como poden e Fernando Coronado senta tras os bombos para darlle saída a Barrio conflictivo, un álbum que contou con Rosendo Mercado aos mandos e que serve de homenaxe a Mikel. En pouco tempo Barricada é algo importante: os sucesores naturais de Leño. "En 1984 ya llenaban pabellones; el oleaje los podía llevar por delante", cavila Marino Goñi.

Eran tempos nos que participaban en festas en discotecas de Ibiza co fillo de Bob Marley. Convertéronse en banda taleguera, a carón de  Los Chichos e Los Chunguitos

El Drogas sostén que Mamen, a a súa socia, estaba sempre aí para "pinchar el globo”; para lembrarlle que estaba a lavadora por tender. Bota de menos, sobre todo, fins de semana e as festas de gardar, cando os fillos, Gari e Araia, eran pequechos. "Yo estaba por ahí, haciendo feliz a todo el mundo, menos a los de casa". En 1986 sae No hay tregua, unha canción "monjil" na que Enrique Villarreal quere pensar que mesmo no terrorismo hai alguén que dubida, aínda que sexa unha vez. Os arranxos de violoncello que se escoitan no disco serán por conta dun "picoleto" que integraba a orquestra que estaba a gravar naquela altura un especial de Concha Velasco para Televisión Española.

Eran tempos nos que participaban en festas en discotecas de Ibiza co fillo de Bob Marley. Convertéronse en banda taleguera, a carón de  Los Chichos e Los Chunguitos. En decembro de 1989 rexistran na discoteca Young Play de Hernani (Gipuzkoa), o Palacio de los Deportes de Madrid e o Palau de Barcelona o Doble directo, un dos discos máis influíntes do rock en castelán de todos os tempos. Por instinto  (1991) e Balas blancas (1992) consolidarían a progresión: o disco de platino, a radiofórmula.

A Araia Villarreal o que máis a amola é que se lle acheguen señores cincuentóns a contarlle cantas raias teñen metido con seu pai. O alcume de El Drogas antecedeu o consumo. Hachís, ocasionalmente. Máis adiante, "de todo". Speed e, sobre todo, cocaína. "Yo también era de los gilipollas que pensaban que la cocaína era inocua. Era como Mimosín". Desde a distancia de quen leva sobrio tres lustros, rexeita o insubstancial da vida mediada polas substancias. "Las conversaciones se reducían a qué bueno este perico". Enrique e Mamen tomaron xuntos a decisión de desintoxicarse en 2006. Servíronse da axuda mutua e precisaron da externa. Hoxe están certos de que aquela escolla salvou a familia.

Unha noite devora La voz dormida, de Dulce Chacón, por recomendación da súa nai. Daquela consciencia xorde 'La tierra está sorda', un álbum temático sobre a resistencia antifascista,

A sobriedade sérvelle a Enrique Villarreal para recoñecer o seu «lado femenino». A literatura funciona como táboa de salvación. Le e tamén escribe, e non só letras de cancións. Unha noite devora La voz dormida, de Dulce Chacón, por recomendación da súa nai. Daquela consciencia xorde La tierra está sorda, un álbum temático sobre a resistencia antifascista, a represión e a memoria histórica que sairía cun libreto de 180 páxinas.

É 2009 e El Drogas non imaxina que ese había ser o seu derradeiro traballo con Barricada. Empezaran a barruntarse certos desaxustes, iso si, e pensa en resucitar Txarrena, unha banda paralela. A hostia chega uns meses despois. Fala cun coñecido por teléfono e pregúntalle: "¿Y tú qué haces?". A resposta: "Pues nada, de bajista en Barricada". Xa lle buscaran substituto.

A expulsión coincide no tempo co diagnóstico de alzhéimer de Nieves Armendariz. Envórcase nos coidados da amatxu (nai) e apóiase en Brigi, Flako e Txus, os seus lugartenentes de Txarrena, para seguir adiante. Agora aos concertos viaxa sempre acompañado por Mamen e aproveitan para ir xantar a tal lugar ou coñecer esoutro sitio.

Enrique Villarreal segue a ser El Drogas, pero é tamén un señor que se deita ás 22.30 horas. Con sorte, dorme cinco horas; nunca seguidas. Ás catro da madrugada comezan os cafés e a escrita. Desa rutina naceu en 2019 o quíntuplo libro disco Solo quiero brujas en esta noche sin compañía. Xa está vacinado, de covid e de tantas cousas.

Perdeu a súa nai en abril de 2020. Non foi coronavirus, mais o protocolo antipandémico non lle permitiu acompañala eses días derradeiros. En xaneiro deste ano morreu Javier Hernández, Boni, o amigo da alma. Fixeron por se atopar de novo, logo de dez anos, cando Boni soubo que tiña un cancro de larinxe que o deixaría sen voz. O reencontro produciuse no camerino do concerto de despedida de Rosendo, como se estivese inscrito nas estrelas. Choraron os dous. Nunca lles fixera falta falar: "Juntos éramos invencibles".

El Drogas de Natxo Leuza
El Drogas é un documental biográfico que explora, coma se dun río se tratase, todas as dimensións e vertentes da figura de Enrique Vilarreal. Un retrato humano onde a memoria individual conflúe coa colectiva achega un relato que profunda no percorrido histórico e vital dunha das figuras máis importantes do rocanrol  en castelán. A muller, os fillos e a irmá de Enrique Villarreal acompáñano neste camiño a carón de amigos como Rosendo Mercado, Kutxi Romero, Fito Cabrales, Christina Rosenvinge, Carlos Tarque, Gorka Urbizu, Marino Goñi ou Javier Gallego Crudo. A película estreouse na edición de 2020 do Festival de San Sebastián e foi candidata aos premios Forqué na categoría de documental.

Pasos tortos, ollada dereita
comentarios