Opinión

Certezas de Luís Seoane

Xosé Luís Méndez Ferrín, un dos grandes escritores galegos contemporáneos, dixo que Seoane era o intelectual galego de esquerdas máis importante dos que se cruzaran na súa vida
 

A MIN sempre me conmoveu a dedicatoria que Luís Seoane incluíu no seu libro Castelao artista, publicado na capital da Arxentina en 1969: "A Lorenzo Varela e Arturo Cuadrado, por todo canto fixemos xuntos en Buenos Aires, perdendo. Por canto soñamos en Galicia dende Buenos Aires, escribindo, pintando, loitando e perdendo. Soios". Interpreten vostedes as palabras do gran pintor, poeta, escritor, editor e intelectual que foi Luís Seoane.

Seoane, de profesión avogado na cidade da Coruña e comprometido politicamente coa esquerda, fuxiu clandestinamente a Lisboa en 1936 e na capital portuguesa embarcou con destino a Buenos Aires, salvando así a súa vida. E acabou sendo, no plano artístico e no plano cultural no sentido máis extenso, unha das grandes personalidades galegas e internacionais do século XX.

No ano 1959, xusto hai agora 60 anos, publicaba Luís Seoane na editorial Citania de Buenos Aires, por el mesmo fundada dous anos antes, un libro titulado Figurando recuerdos, que reunía 29 láminas do artista realizadas para a revista Galicia Emigrante. E a partir deste título, e en clara forma de homenaxe a el, Rosa Espiñeira Pan creou n'A Coruña a editora "figurandorecuerdo(s)edicións" (2009), un proxecto de edición de libros que rende culto, en primeira instancia, á figura e á obra de Luís Seoane.

Un dos últimos libros editados pola editora coruñesa leva por título Certezas Alumeadas e ofrécenos unha escolma de textos e poemas de Luís Seoane, publicados entre os anos 1935 e 1978, que se ven sumamente enriquecidos, ademais de por un limiar de Isidro Novo titulado "Lembranza dun gran facedor", por tres textos rigorosamente inéditos do propio Luís Seoane. E isto é todo un agasallo e un acontecemento cultural. Como é todo un agasallo o libro en si, ilustrado por 17 artistas plásticos e fotógrafos, entre os que eu celebro, particularmente, pola calidade que me ofrece a súa obra, a Omar Kessel, Xosé Vizoso, Carlos Lorenzo, Caxigueiro, Baldo Ramos, Calros Silvar e Edmond Baudoin.

Xosé Luís Méndez Ferrín, un dos grandes escritores galegos contemporáneos, candidato firme ao Premio Nobel de Literatura, dixo de Luís Seoane que era o intelectual galego de esquerdas máis importante dos que se cruzaran na súa vida. Aquel Luís Seoane, emigrante e exiliado, que aseguraba que, a pesar de todo, non estaba vencido, porque "o paxaro canta ceibe no noso peito".

Comentarios