lunes. 06.07.2020 |
El tiempo
lunes. 06.07.2020
El tiempo

O futuro das librarías

Leo nun informe empresarial italiano que na cidade de Roma, entre os anos 2007 e 2017, pecharon 223 librarías. E isto lévame a pensar no futuro deste sector. E no futuro da lectura. Hai quen di que o libro en papel, a medio prazo, non ten un futuro doado, mais tamén existe quen afirma que o libro tal como o coñecemos aínda terá unha longa vida e que coexistirá cos dispositivos tecnolóxicos. Juan Carlos Onetti dixo no seu día que a televisión acabaría por tragar os libros, mais na actualidade a propia televisión está a ser engulida, aos poucos, por diversos formatos que ofrecen as computadoras e outros aparellos semellantes. 

Resulta verdadeiramente preocupante o futuro das librarías e, o que produce máis alarma, o futuro da lectura

Entre nós, manexándomos datos da Federación de Librarías de Galicia, podemos afirmar que na actualidade por unha libraría que abre as súas portas son tres as que as cerran. E un recente estudo (2018) da Confederación Española de Gremios e Asociacións de Libreiros, realizado conxuntamente co Ministerio de Cultura, conclúe que o sector libreiro vive o seu peor momento dende a época máis dura da última crise económica. O descenso na venda de libros segue a rexistrar a día de hoxe datos nada optimistas: un 15% de caída continuada a partir do ano 2016 até hoxe. E tal realidade leva ao presidente da Cegal a afirmar que a situación actual "é extrema" e que estamos á beira mesmo dun abismo, porque "a metade das librarías —3.556 no conxunto do Estado español— factura menos de 90.000 euros ao ano e así non se pode subsistir". Súas son as palabras e os datos. 

Contemplando este panorama resulta verdadeiramente preocupante o futuro das librarías e, o que produce máis alarma, o futuro da lectura. Porque semella que o homo videns triunfou de vez sobre o homo verbum. Xa no ano 2000 o escritor costarriqueño Campos Gamboa avanzaba que a lectura se vía ameazada basicamente por catro frontes: os novos medios de culturización, a actitude cómoda dos novos lectores que só procuran divertirse con textos (e imaxes) banais, a precariedade e a pobreza crecente e un rexeitamento a ultranza do coñecemento. ¿Interésalles realmente aos poderes políticos existentes a promoción da lectura? A día de hoxe o 20% da humanidade non sabe ler e centos de millóns de persoas que aprenderon a ler non teñen acceso a ningún tipo de lectura. O Walter Benjamin que dixo que "en todo acto de civilización hai un acto de barbarie", aínda acertando, foi moi cauto.

O futuro das librarías
comentarios