sábado. 24.08.2019 |
El tiempo
sábado. 24.08.2019
El tiempo

Políticos e psicópatas

CAE NAS miñas mans un texto do doutor Alberto Soler no que reflexiona sobre os políticos e os psicópatas, e di que estas dúas categorías fundidas producen un tipo, o político psicópata, que se caracteriza por ser mentiroso e narcisista e manipulador con grande encanto en aparencia, "aínda que por dentro sexan xélidos e alleos aos afectos que finxen". E engade o doutor Soler que os políticos con trazos psicopáticos son uns presuntos servidores públicos que só traballan para si mesmos (a pesar de finxir un interese social) e que se aferran patoloxicamente ao poder.

¿Políticos psicópatas? Unha amiga que é psiquiatra e psicanalista formada en París tenme comentado que na Asemblea Nacional francesa, que consta de 577 deputados, existe unha maioría de psicópatas, o cal me leva a concluír (e así o levo constatado) que no Congreso dos Deputados español existe tamén, con diversas e variadas excepcións, un número elevado de psicópatas. E enténdaseme ben: un psicópata non é un enfermo mental, só é unha persoa cun afán desmedido de poder e de protagonismo, cun alto grao de insensibilidade e especialmente dotada para mentir e para manipular sempre no seu beneficio particular.

O certo é que sobre políticos e psicópatas teñen escrito moitos autores, dende o psiquiatra Hugo Marietán a David Owen, quen foi ademais ministro de Sanidade no Reino Unido. Owen explica que a experiencia de sentirse con poder pode ocasionar cambios no estado mental dos individuos, levándoos a un tipo de conduta arrogante e soberba. E, nos tempos que corremos, isto último, practicamente en todas as organizacións políticas, está á orde do día, e forma parte, no plano individual e nos núcleos de poder, da máis deplorábel paisaxe política.

Nunha época como a nosa na que a política vive desconectada da ética, as posicións egocentristas, manipuladoras e maquiavélicas, atopan un excelente caldo de cultivo. Psicópatas e sociópatas habitan con frecuencia o espazo da política. Procure vostede, lector ou lectora, detectalos. Son políticos fondamente individualistas e pragmáticos que se centran nos seus propios intereses e que se amosan indiferentes ás consecuencias dos seus actos, pois non reparan nunca nos medios utilizados para atinxir os seus obxectivos. Se vostede, lector, pensa na cuestión, axiña identificará, aquí e agora, formas e identidades varias de políticos psicópatas.

Políticos e psicópatas
Comentarios