Opinión

Mascar xeo

Pasei Zamora nun tren con destino á estación de Chamartín e nun paso a nivel quedaba un coche agardando. De seguro, o piloto do automóbil observou a máquina e os vagóns como eu ollei para o turismo. É curioso. Ambos puidemos ver o caparazón do outro, pero ningún saberá nunca como era o que agardaba ou o que atravesaba Castela a 200 kilómetros por hora. De cantas historias formamos parte nun instante?
Anohni. EFE
photo_camera Anohni. EFE

Proseguín pensando nisto durante os vindeiros días, en todas frases soltas que entran en contacto con todos nós, neses roces durante o paseo porque alguén non cede oco, nas filas do supermercado, nas consecuencias de encontros fortuitos. Á cantante británica Anohni pasoulle na vida que fixo amizade con Lou Reed, que medrou co soul de Marvin Gaye e brevemente coñeceu á activista polos dereitos trans, Marsha P. Johnson. Todo iso de xeito illado non tería sentido. Non o tiña, de feito, ata que comezou a grabar ‘My Back Was A Bridge For You To Cross’, o seu retorno musical logo de sete anos de silencio en soitario e más dunha década sen publicar coa súa banda, The Johnsons, coa quen saltou á fama como Anthony and The Johnsons.

Todo foi froito dunha chamada. Anohni atopouse desalentada ante o tráxico camiño que toma o mundo. Por unha banda, o ecoloxismo e a alerta climática levan anos cargando as letras da autora británica case tanto como a súa conciencia. Pola outra, Anohni sabe que está baixo ameaza polo crecemento do odio cara as persoas trans como ela. No medio da tensión por ambas situacións, a discográfica descolgou o teléfono e aceptou a idea da cantante. Quería facer soul, quería canalizar o son que a inspirou desde nena e quería a súa banda.

Nunha primeira escoita de My Back Was A Bridge For You To Cross é fácil e normal atopar similitudes nas guitarras coas de Lou Reed e The Velvet Underground, paralelismos no fraseo e na pronunciación perfecta de cada palabra co de Nina Simone e un esquema rítmico próximo ao soul reivindicativo. E, pese a todo, a orixinalidade do álbum elimina calquera preconcepción, permitindo á mente sorprenderse co que acontece a cada segundo.

A voz de Anohni permanece exactamente igual, cando non moito máis aberta e capaz de chegar a recovecos da alma, á que apareceu no ano 2000 co disco debut da reformada banda Anthony and The Johnsons, agora co nome real da cantante inglesa á fronte. Cinco anos despois daquel debut, Anohni e compañía gañaron o premio Mercury ao disco do ano por I Am A Bird Now, no que se inclúe o himno existencial Hope There’s Someone.

Aquel exitazo de Anohni levouna a pasar do posto 136 de vendas ao 16 nunha soa semana, o récord histórico no caso dunha gañadora do premio Mercury, e amosou o interese da británica por cubrir os seus traballos con imaxes especiais. Aquel I Am A Bird Now amosa na súa capa á icona trans e musa de Warhol, Candy Sterling, no seu leito de morte, nunha imaxe de Peter Hujar.

No caso de My Back Was A Bridge For You To Cross, é Marsha P. Johnson quen mira directamente ao ouvinte mentres escoita un dos manifestos musicais máis íntimos, desgarrados e políticos dos últimos tempos. A inocencia na mirada, a simpleza no sorriso e a absoluta inocuidade do posado permiten que a famosa activista trans sexa unha porta de entrada amable, imposible de xulgar por moito odio que se cargue e arrastre.

Pese á década e media transcurrida desde o anterior traballo xunto a The Jonhsons, hai un continuismo orgánico no son e na composición que non admite dúbida sobre o acontecido no medio. É como unha desas amizades que quedan suspensas no aire, acotadas a cando se comparte un espazo fisico e na que nada muda pese á distancia ou a falta de tempo compartido. Sentarse con ese amigo é, de feito, como se o tiveras feito o día anterior e en realidade levase anos se acontecer.

No medio, Anohni permitiuse en solitario que toda a ansia de experimentación que levaba aparellada ao estourido público da súa identidade tomase forma e son. Así apareceron Hopelessness e Paradise, dous traballos intimamente vencellados ao seu novo disco, xa que aquí son explícitas as críticas á xestión bélica de Obama, ao quecemento e ascenso das temperaturas globais, aos asasinatos de nenos por parte de drons ou ao que supón ser unha persoa trans no contemporáneo. Por isto, ten sentido que agora unha frase tan dura e lapidaria como "Ninguén vai saír daquí, por isto todo é tan triste", que pecha a canción It Must Change do novo disco, poida existir e resoar con todas as capas de significado que contén.

Anohni é unha desas artistas que permanece subterránea e, polo contrario, é fonte de consulta de nomes moito máis famosos. Ela é herdeira do traballo realizado por Kate Bush, a súa ídolo; Boy George e Klaus Nomi; pero pasado por un tamiz sosegado. Nunha das súas moitas conversas con Lou Reed, o mítico rockeiro confesoulle á británica que o éxito radica en facer música que sexa como mascar xeo, unha experiencia de certo perigo que resulte refrescante e sorprenda polas súas moitas texturas. Con Anohni, a experiencia é como mascar un glaciar ao completo.

Comentarios