Opinión

Raios e feromonas

Aínda que exista en nós un espírito impulsivo de querer ser comparados co mellor, de competir de facto co mellor, en non poucas ocasións falta determinar ese outro obxecto de comparación. O mellor, como grupo, é un imaxinario abstracto ao que ninguén lle preguntou como está. Logo de ver Poor Things, quixera eu ser comparado máis co monstro de Frankestein que con calquera supermodelo.
2024021916322174770
photo_camera Bella Baxter en 'Poor Things'. INTERNET

A PERSONAXE de Bella Baxter, creada na novela orixinal de Alasdair Gray e agora retratada polo cineasta Yorgos Lanthimos, é unha actualización e se cadra mellora da clásica obra de Mary Shelley. Aquel monstro de Frankenstein, ou aquel moderno Prometeo, ten unha pasaxe inverosímil e preciosa pechado nunha cabana, onde reflexiona sobre o sentido da vida. Aí queda patente que esta criatura garda un mundo interior á altura dos grandes filósofos gregos, pese ao silencio que mantén.

No caso de Bella Baxter, este mundo interior desenvólvese ante o espectador coa curiosidade e innovación que supón sempre ver medrar a un cativo ata chegar a un insoportable adolescente e, con sorte, un irreverente adulto. A ira que provoca a mocidade en quen observa é froito dunha mistura de envexa e rexeitamento cara un comportamento audaz, augerrido e transgresor, a mal ou a ben. A mocidade é o tempo de falar sen saber de cousas moito máis grandes que un mesmo e deixar sempre a sensación de que todo podía ser doutro xeito, para disgusto de quen escoita.

Presenciar iso en pantalla é expoñerse voluntariamente a un xuízo e á burla das normas sociais que, de xeito resignado ou forzoso, a ampla maioría adopta por unha convivencia máis pacífica. Ao gozar coas sexuais, desmedidas e cínicas aventuras de Bella Baxter en Poor Things, ao atoparme rindo xenuinamente no cinema; algo en min volveu latexar como se fose un outro monstro de Frankenstein ao recibir un raio, coas miñas propias cicatrices e transplantes.

Confeso que quizais o maior acto de rebelión e transformación sexual que vivín na miña vida non tivo nada que ver coa persoa con quen compartía a intimidade, senón conmigo mesmo. O xeito de resultar atractivo e formar parte das fantasías alleas colisionou coas transitorias ideas que gardaba sobre min mesmo. Poucas cousas resultaron tan decisivas no meu futuro afectivo e sexual como asimilar que eu por min mesmo son digno de paixón, de desexo, de recibir formas de amor sen ter que esforzarme como un mendicante, que son apto e válido para formar parte do soño húmido doutra persoa.

Nada disto é tan rápido e sinxelo como plasmalo en letras e sobre papel. O proceso de comprensión e aceptación desta realidade vai en paralelo ao goce co descubrimento, polo que é un concepto que acostuma chegar para quedarse unha vez remata a paixón, cando o oco baleiro da persoa amante medra ata xerar o interrogante: cal é o motivo de botar de menos?  "Ah, claro, porque me sentía querido, comprendido, amparado, válido, desexado". Pensar que somos moi distintos de Bella Baxter, que descobre o mundo ao tempo que o transita, é pura desconexión do vivido. A vida, certamente, é unha escola na que rara vez se aproba.

A velocidade para asumir esta realidade, como tantas outras, ten que ver coas feridas e cicatrices que cada un carga polo mero feito de transitar este planeta. As marcas que as ciruxías deixan no corpo de Frankenstein e as mínimas que garda Bella Baxter no seu son tan evidentes como as de calquera persoa que coñece as marabillas da anestesia, pero tan persoais como esoutras que non se poden apreciar ata moito tempo despois.

De feito, as cicatrices da alma e dos sentimentos son difíciles de mirar e de mostrar. O corpo dun mesmo non deixa de ser un mapa de ausencias, de lugares onde bicaban ou de petroglifos que o tacto dun amante non correspondido deixa para visitantes futuros.

Por iso, cando saímos ao mundo, somos máis monstro de Frankestein do que unha supermodelo. Onde outros ollan con desexo, nos vemos o vulto de carne e fío quirúrxico que logramos rescatar logo dunha ruptura ou desengano. Non só iso. Nos corpos tamén se acumulan os xuízos e prexuízos de quen olla e, en mal momento, tamén opina. Son outra forma de cicatriz, se cadra que se infecta e rara vez deixa de supurar un fedorento pus moral. As normas e o canon arruinan a fantasía e desmembran o desexo innato de cada persoa para darlle unha forma semellante e industrial, un só frasco no que collen as únicas feromonas que han de excitarte. Amor e sexo dentro dunha norma.

Cando o doutor Frankenstein e o doutor Godwin Baxter crearon os seus dous monstros, fixeron o mesmo que os nosos pais, aínda que dun xeito menos ortodoxo e católico. Traen ao mundo á máis bela das criaturas, segundo os seus ollos. Pero cando o liberan en sociedade, deben aceptar que as súas feridas e as novas que lle causen poden estropear todo o seu traballo. É inevitable que a vida pase deste xeito.

A esperanza é vivir atopando esas miradas que atravesan a pel e chegan a revitalizar as vísceras que morren de cada pouco, cando o xuízo alleo cae como plomo. E neses instantes onde o amor e o desexo se converten en manta coa que taparse, sentir de novo un raio no peito para cando volvas á soidade poder saber que, en cada momento da túa vida e baixo calquera condición, ti es digno sempre de ser querido por ti mesmo e por quen teña o gusto de mirarte.

Comentarios