Opinión

No agromar da palabra e a vida

Enxertos de Dores Tembrás convértese nun berro vital artellado dende a palabra e a súa posibilidade de construír beleza, dun ronsel polo que pescudar un itinerario vital cheo de ensinanzas, de botóns que, como nunha planta, sinalan o que somos.
Dores Tembrás. EP
photo_camera Dores Tembrás. EP

Volve a editora Apiario amosar o seu coidado polos produtos literarios, o seu amor por facer da escrita un motivo de orgullo colectivo a  partir das inquedanzas e revelacións dos seus autores. Desta vez é unha das responsables deste selo a que nos convoca ante un novo poemario de nome Enxertos o que xa nos sitúa ante unha palabra cun enorme potencial nos seus significados e que a medida que lemos os seus poemas amosa todo o seu sentido, o de cómo ao longo das nosas vidas xorden toda unha serie de gromos que configuran a nosa personalidade, explicando boa parte do que somos e daquilo no que nos convertemos co paso dos anos.

Palabras que prendan ou que ardan é a primeira idea que sitúa ante a nosa vista Dores Tembrás, sabedora de que na palabra reside todo. Tanto o feito de nomear como a maneira en que se nomea son a pedra angular desta exploración entre o vexetal e o vital que aquí se nos propón. Serán esas palabras as que sinalen os diferentes camiños ou as distintas situacións configuradas como vieiros polos que adentrarse, ou, se así fose, a que permita converter en cinzas aqueles camiños xa vedados onde non todo saiu como un pensaba pero que, do mesmo xeito que os rebentos serán fermosas polas ou flores, tamén forman parte do que aprendemos ao longo da vida.

Un libro, polo tanto, no que o senso de aprendizaxe está moi presente, tamén o saberse o elo dunha cadea que se enguedella ás diferentes persoas que nos rodean, que forman parte da nosa comunidade de afectos máis ou menos intensos, pero que todos xuntos son o substrato preciso para medrar, para valorar as cousas, para sentirse parte dunha comunidade que, ao fin e ao cabo, o que reflicte é o noso carácter vital e de que maneira ese proceso natural da existencia, no que se mergulla o poemario de Dores Tembrás, cumpre etapas.

Fronte a esas etapas a autora divide o seu libro en catro apartados: Padrón, Puga, Flor e Froito. Anacos dun proceso convertido, desta maneira, nunha valente cartografía vital coa palabra sempre como pulso, como latexo permanente no que Dores Tembrás séntese forte polo seu dominio dela, pola súa maneira de convocarnos ante a poesía e o verso como esa verdade á que non se pode enganar, xa que de facelo sería tamén un engano a si mesma e se algo transmiten estas páxinas é verdade, unha sinceridade que nos nutre co seu zume para que tamén nós sexamos quen de posicionarnos sobre ese pedrón ao que de tanto en tanto é bo que nos subamos para botarlle un ollo ao camiño percorrido e enfrontarnos así ao carrusel de preguntas que xorden desa sinceridade: "Como apartar a vista/ da póla tronzada?", escribe Dores Tembrás.

Está claro que en todo ese proceso hai moitas emocións, non todas elas felices, hai feridas que agora son cicatrices que nos recordan a dor, máis tamén hai amor e celebracións, en definitiva, derrotas e vitorias, pero todas elas falan dun mesmo valor á hora de enfrontarse á vida. Esa é a gran ensinanza, o gran froito deste libro, o situar o valor da vida como algo supremo, erixida dende unha multiplicidade de sentimentos e experiencias pero que dende ningún dos seus extremos, positivos ou negativos, deben levarnos á confusión, ao engano ou á rendición.

Enxertos, coa súa capa de flores e follas, é un sopro de aire calmo, unha airexa que nos acariña o rostro, que semella collernos pola man para levarnos ao amparo da beleza e da palabra, os dous grandes vectores deste poemario co que Dores Tembras chanta un fito na súa traxectoria poética elevando a súa obra sobre un deses pedróns dos que falabamos antes, enchéndoa de madureza e de novas posibilidades expresivas. "Escríbese por pasividade, por escoita, por atención/extrema de todos os sentidos ao que as palabras,/acaso, van dicir", estes versos de José Ángel Valente, enxertos no propio libro, amosan a necesidade de facer das palabras a visualización dos sentimentos, a necesidade de sentir como agroman en nós palabras que son vida.

Comentarios