miércoles. 28.07.2021 |
El tiempo
miércoles. 28.07.2021
El tiempo

Cando a rúa nos fala

Street Poems' é o novo libro de Fran Alonso. Un manifesto poético sobre a realidade do espazo público como xerador de mensaxes. Tamén como inspiración para a poesía que o autor emprega non só para nomear a cidade, senón para tentar empatizar coa mocidade na poesía

Ilustración de 'Street Poems'. AEP
Ilustración de 'Street Poems'. AEP

SEMELLA QUE a poesía está a baixar os chanzos das elites culturais e se aproxima cada vez máis á pel do cidadán. Unha poesía que dende diferentes territorios, dende espazos como o mundo virtual ou o musical, tenta captar fieis entre os máis novos. É certo que moitas desas propostas amosan unha arrepiante febleza, pero ao mellor non son tantas como as que se travisten de elevada literatura e logo fracasan nas súas intencións.

Fran Alonso leva nos seus últimos libros de poesía facendo da cidade berce e acubillo para as súas palabras. E así, tanto co seu anterior poemario, Terraza, como con o recente Street Poems (Xerais), a cidade convértese en xerador de metáforas, en habitáculo para compoñer a poesía como reflexión, pero tamén como fío co que conectar coa mocidade. Inxerida na colección Sopa de Libros e dirixido a mozos maiores de doce anos, Fran Alonso afronta así un valente xeito de tentar chegar aos máis novos coa poesía como sacudida, como elo coa sociedade e a súa contorna dende a palabra.

As súas propias fotografías realizadas ao longo de varios anos e en diferentes escenarios compoñen un percorrido polos espazos públicos de diferentes cidades, por valos cheos de graffitis, por pintadas e propostas artísticas ligadas á urbanidade e a un universo alternativo ao que moitas veces, as máis delas, non lle prestamos a suficiente atención ou consideración. O poeta, esculca aí unha nova territorialidade da acción, do diálogo do ser humano coa súa contorna e que a el lle serve para propiciar a súa propia poética. "O verso do graffiti/ ten a beleza/ sorprendente e salvaxe/ dun elefante que nunca se deixa/ dominar.", escribe Fran Alonso nunha das páxinas deste libro que baixo a súa apariencia acolle todo un manifesto poético de primeira orde nas que hai moito dese existencialismo do ser, da individualidade fronte ao colectivo. Unha indagación da persoa ante aquilo que o acosa, ante unha sociedade que na cidade se atopa nun hábitat que resulta agresivo e teimudo en tentar poñernos contra as cordas.

Abraia a capacidade que amosa Fran Alonso por facer un falar ben próximo ao que poden manexar esas xeracións máis novas

A poesía emerxe aquí como liberación, como vento que seguir. "A liberdade é un aerosol de pintura", graffitea o poeta nunha das páxinas. Abraia a capacidade que amosa Fran Alonso por facer unha linguaxe de síntese, un falar ben próximo ao que poden manexar esas xeracións máis novas ás que vai dirixido, nun primeiro paso, o libro, aínda que canto máis se mergulla un nel atopa que baixo esa lingua directa hai moito máis. Baixo esa idea de compoñer directamente sobre a parede, de que a palabra xurda de xeito rápido e á vez teña o seu peso, a palabra constrúese como un prodixio, tal e como a nomea o poeta nun dos seus versos. Ese prodixio é quen de engaiolarnos, de provocar a emoción precisa para entender que esa poesía ten o mesmo valor que calquera outra que a priori estableceuse dende unha maior carga literaria e cunha aspiración de eternidade.

Engádeselle a ese valor do literario o apartado artístico destas páxinas. O libro é tamén fermoso pola súa disposición, por un deseño moi estudado no que as palabras invaden as fotografías de diferentes maneiras, dende tipografías variadas. Unha mestizaxe que sobrevoa todo o contido, dende a palabra como cerna da escrita, pero tamén dende o graffiti como elemento artístico.

Dúas artes que se compoñen xuntas, que se enguedellan para valorizar a función da lectura, o desexo de construír a liberdade do individuo dende a creación. Unha confluencia na que o lector debe prepararse para gozar, e para sentir, como sentiu o poeta, que a cidade o reclama, que a cidade lle fala a través dunha rúa que, como liña escrita ou soporte artístico, quere facernos parte súa.

Cando a rúa nos fala
comentarios