Opinión

Cando o horizonte é unha cor azul

Azul Monforte é un diario con forma de poemario no que Antón Lopo enfronta o sempre complexo camiño de mirar cara a un mesmo. Unha vida que comeza a fuxir dun mesmo, coa perda dos seres queridos, da familia e dos amores, deixando un tinteiro co que enchoupar a alma.
Antón Lopo. EP
photo_camera Antón Lopo. EP

Nunca deixan de sorprender as propostas literarias e mesmo as editoriais que saen da actividade creativa e promotora de Antón Lopo (Monforte de Lemos, 1961). Libros que saen dun prelo íntimo cheo de confianza na palabra poética, na acción vital e no compromiso co ser humano, quizais como a derradeira barreira fronte ao desacougo. Neste libro semella que Antón Lopo quixo aumentarlle unhas cantas alturas a esa barreira de resistencia, como é a que xorde deste Azul Monforte, unha primeira parte dos seus Diarios que agardamos teñan continuidade nun futuro, e co que se proclamou gañador do XXII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño e que vén de publicar a editora Espiral Maior.

E como todo compromiso real este debe saír dun mesmo, da esculca no interior para cada certo tempo tentar calibrar cal é a nosa situación no devir da existencia. Azul Monforte é un horizonte que se albisca dende a fiestra do fogar a carón dunha nai que se apaga. Ese azul será unha rede cando as cores da vida comecen a debilitarse, cando entre o lusco e fusco Antón Lopo entenda da realidade do que somos, pero do que si paga a pena recuperar certos momentos, lóstregos que nos acompañarán no resto do camiño e que agora compoñen este libro no que, como feito poético, o autor deslumbra dende a súa capacidade para facernos  asomarnos a esa fiestra que nos levará a diferentes xeografías. A súa terra natal de Monforte; á Illa de Ons, ao outro lado do mundo; ou esa India cuxas leccións de espírito non deixan nunca de apagarse. Tamén conseguirá que nos acheguemos a unha serie de persoas que forman parte do ronsel humano de Lopo ao longo dos anos: familiares, parellas, amantes, amizades, autores e, sobre todo, unha nai que lle dá senso a todo o que acontece, e que ao tempo que a súa memoria esmorece, medran os recordos dun Antón Lopo que non deixa de espirse unha e outra vez, abofé como a única maneira de que todo isto que se contén nestas páxinas teña sentido.

"As veces lembro o que non sucede", escribe o autor nunha páxina que amosa o resto da súa superficie en branco. Concentrémonos nesa liña para entender o que supón todo exercicio de memoria, todo aquilo que supón procurar auga nun pozo que cada vez aumenta a súa profundidade. Antón Lopo converte cada cubo que sae dalí nun manancial íntimo que lle permite atopar novos significados a todo o vivido, a aquelas descubertas do pasado, aqueles novos vieiros dende os que explorar a existencia, a vida, o sexo, o amor, a amizade, as ensinanzas... en definitiva, todo aquilo que nos conforma, pero que adoitamos deixar no fondo dese pozo, sabedores de que non sempre o que xorde ao quitalo á superficie nos vai gustar ou deixarnos nunha situación que non agardamos.

Hai, polo tanto, nesta proposta do gañador en 2018 do Premio da Crítica Española coa súa novela Extraordinario, un innegable exercicio de valentía, ese abrir os ollos onde tantos adoitan facer da escuridade o peche dun tempo pasado ao que non ven preciso volver. Mais Antón Lopo cando afronta esta situación, este exercicio literario memorialístico, non fai máis que outorgarlle o valor preciso a todo o acontecido, isto é, taxar os aloumiños, cifrar os desalentos, pousar as dores, avaliar as descubertas, e todo para que as páxinas da vida se sucedan no relato que cada un somos.

O paso dos anos transforma as nosas miradas, muda as sensacións e as diferentes recepcións que tivemos ao longo da vida. Voltar a elas tería que ser un exercicio obrigado para todos, pero que no caso dalguén que se adique á escrita, se converte nun dos máis fecundos espazos nos que atopar aquilo que prenda a faísca da escrita. Lopo asoma a carón da súa nai a unha fiestra dende a que ollar ben alá dese horizonte azul da infancia e o hábitat familiar, abríndose a novas latitudes, a diferentes contextos humanos que nos sirvan para saber de que material estamos feitos.

Comentarios