Opinión

Cando o mito ordena o caos

O engaiolante vestíbulo do Pazo de Congresos Mar de Vigo acolle unha mostra de escultura de Sergio Portela na que se propón todo un feito contemplativo, aquel que motiva a procura da beleza e onde espido e milotoxía libran un duelo fronte ao océano.
Mostra de escultura de Sergio Portela no Pazo de Congresos Mar de Vigo
photo_camera Mostra de escultura de Sergio Portela no Pazo de Congresos Mar de Vigo

A espectacular arquitectura do Pazo de Congresos Mar de Vigo é o marco perfecto, non só pola súa oferta espacial; senón por estar aberto a un océano que nos conecta con culturas e tempos que proceden do carrusel da historia, para acoller e para que o visitante goce das esculturas que xorden do taller de Sergio Portela.

Non é sinxelo hoxe en día atopar unha proposta escultórica que tenda un fío directo co pasado, coa mellor tradición dunha disciplina artística que moitas, demasiadas veces, sucumbe a outras ofertas que adoitan estar faltas de emoción para o espectador, caendo nunha serie de linguaxes presuntamente modernas, pero que son incapaces de establecer unha conexión con quen as observa e que chegue a xerar ese arreguizo da contemplación dunha peza.

Sergio Portela converte ese pasado da escultura no que figura, sensualidade e unha compoñente mitolóxica crean unha liña única de traballo que é a dun clasicismo que en base a súa pureza e honestidade convértese en eterno, ao tempo que se amosa cheo de bondades plásticas. A capacidade técnica de Sergio Portela desafía a moitos materiais para tentar sacar deles aquilo que se agocha no seu interior, como ben sabía Miguel Ángel. Madeira, mármore, xeso ou bronce convócanse así para dende a súas diferentes sensacións achegarnos a un máxico exercicio contemplativo, porque iso é o que nun primeiro impacto acada a escultura de Sergio Portela, a necesidade da contemplación, de gozar coas formas, co recoñecemento dunha serie de corpos nos que a beleza é o que marca a súa radical modernidade e o xurdir como un berro de angustia fronte a un mundo cada vez máis noxento, como o que entre todos estamos a argallar.

Cada un destes corpos é unha natureza que reclama o seu protagonismo, a necesidade de poñela en valor e de defender o que ela supón como refuxio para a vida, tamén como resistencia íntima dunha especie que, máis alá do seu corpo, isto é, dende as súas conductas e accións, encárgase de estragar a cotío todo o que suporía un maior beneficio para nós mesmos. E como toda natureza que tenta ordenar o caos ten que ter no seu interior un elemento que fíe un argumento, que teza un sumatorio de historias que lle den sentido a ese posicionamento, e ese guión vén da man da compoñente mitolóxica, de toda unha serie de representacións de instantes moi concretos, pero que xustamente nese intre acadan unha condición de eternidade que será a que lles faga resistir ao balbordo e ao xa nomeado caos.

Camiñar entre todas elas, sentir a súa presenza, convértenos en cómplices da súa existencia, en parte da súa mirada fronte a un mundo que as humaniza e que lle outorga todo o sentido a esa forma que medra dende o latexo íntimo do seu creador que, para seguir avanzando nese proceso humanizador, incorpora nelas unha forte carga de erotismo, a pulsión do amor que converte ao corpo nun soporte do sentimento, unha pel que se tensiona fronte ao que acontece ao seu arredor, que non é allea ao que a rodea, de aí que as súas pezas precisen do espido como o seu maior argumentario, converténdose esa pel na maior declaración de intencións do escultor. Alí onde non hai nada que agochar, onde a verdade e a sinceridade segue sendo a mellor maneira de relacionarnos entre nós, aínda que o mundo e as nosas propias perversións rachasen esa situación. De aí que o título con que Sergio Portela nomea a mostra, O impulso de Eros, sexa o reflexo desa necesidade de que eses impulsos vencellados ao afectivo non sigan agochados baixo as miserias do que é un fracaso de nós mesmos como especie. Esa cada vez maior sensación de engano, de facer da mentira un salvoconducto do que saír indemnes fronte ao noso compromiso cos demais, coa sociedade, coa natureza, aquí non teñen cabida, neste bosque figurativo onde nos sentimos nun refuxio cada vez máis humano, cheo de beleza e deses mitos que suxeitan o noso relato común como especie dende que unha caverna era o noso fogar.

Sergio Portela non renuncia a facernos cómplices dun gozo estético sen o que a vida tería moi pouco sentido. A súa escultura non deixa de ser unha chamada de atención para que saibamos entender a beleza, e incorporala as nosas vidas, con máis urxencia cando o que nos rodea non deixa de axitar a fealdade.

Comentarios