Opinión

Elos entre mulleres

Silvia Penas propón en Retratos de vodas, partos e funerais un relato poético que enguedella diferentes xeracións de mulleres na proposta dun retrato compartido de sororidade, de incertezas e tensións que se procuran resolver turrando pola liña do horizonte.
Rozas

Acompañada por poetas como Silvia Plath, Anne Carson ou Hélia Correia, a viguesa Silvia Penas converte o seu novo libro de poemas, Retratos de vodas, partos e funerais, saído do prelo de Galaxia, máis que nun retrato colectivo de diferentes mulleres da súa contorna, nunha procura do seu propio retrato, na conquista de respostas fronte ás diferentes incertezas que xorden da tensión humana que adoita ser de maior intensidade cando os elos de sangue lastran a fuxida, o berro e case que mesmo o trabar. Esas enormes poetas convértense nas luces da pista de aterraxe para que Silvia Penas convoque de xeito afouto unha poesía que fronte a traballos anteriores gaña en madurez e en contundencia, con poemas absolutamente engaiolantes en canto a firmeza da súa intención e por cómo eses retratos se traducen no manexo da palabra e a súa capacidade de evocar imaxes e reflexións.

A portuguesa Hélia Correia pregúntase "para que servem/ os poetas em tempo de indigência?" e este poemario se algó é é  unha resposta a esa pregunta, unha sorte de compás que tenta manter un rumbo certo en quen o escribe, en quen afronta unha revisión de si mesma a partir de mulleres que orbitan ao seu arredor ao longo do tempo, e en diferentes circunstancias moi determinadas da súa vida. Fitos simbólicos na vida de cada muller, que aquí se reflicten neses retratos con marcos "por todos os lados/ menos por un" que, como fragmentos dunha vida, convértense no estoupido que fai anacos o silencio, ese "espantoso silencio" ao que se refire Silvia Plath como entrada ao capítulo adicado aos Partos, isto é, ao feito de ser nai, ao feito de ser filla, ao feito de ter pai, ás malas nais, e mesmo cun poema adicado a Vigo que poucas veces se viu reflectido de maneira tan atinada nun texto marabilloso por cómo a autora é quen de mesturar a relación coa nai con esa paisaxe humana e social da súa cidade ao longo do tempo.

O apartado seguinte, Vodas, é o do crecemento e a adolescencia, o da descuberta dunha realidade e dun corpo, dun desexo e dunhas posibilidades que converten esa pel nun pasaporte cara o infindo. A aprendizaxe, Lisboa, e outra frase para gravar no peito, desta volta de Anne Carson: "estaba sen escudo/ fronte á existencia/ e a existencia depende da beleza". A iso tamén se suxeita Silvia Penas con fragmentos cheos de beleza, "o azul intacto de Lisboa", unha casa, un destino e unha despedida. O fluír da vida entre palabras e lóstregos que estremecen esa pel, pero tamén un corazón fronte á perda, fronte á mirada enfite á dor e ao loito, a esa nai con contas pendentes e ante a que segue «turrando/ pola liña do horizonte/ por ver se vés tras dela». Pura emoción, a invocación dun fío que permita a sutura desa ferida, dunha escuridade que semella inalterable, pero aquí, no capítulo dos Funerais, semella escintilar xa a resposta á pregunta de Hélia Correia, para isto serven os poetas! para facer da palabra un ronsel que dende a emoción, dende a complicidade co lector explicar o universo, que non ten porque ser algo inmenso, senón, simplemente, o que acontece na nosa contorna, os nosos vencellos con persoas e paisaxes físicas que nos definen a cada un de nós e dos que moitas veces perdemos a súa perspectiva e a nosa identificación con eles. Silvia Penas asume esta condición dun xeito valente, no teme ollar aí onde a moitos nos costaría facelo, empregando a palabra e a lingua como pontes firmes dende as que partir.

Partir é a outra gran palabra deste poemario xunto a silencio, estando sempre presente esa idea da marcha, da súa inminencia para tentar atopar o que, neste caso, a propia poeta é. De novo Silvia Plath nos ofrece a clave para pechar o poemario, a chave para ese epílogo final: "A miña paisaxe é unha man sen liñas/ camiños que forman un nó/ o nó que son eu mesma". Ese nó enténdense da mellor das maneiras tras a lectura deste texto de Silvia Penas cheo de virtudes que suliñan a traxectoria desta poeta, creadora artística e performer, parte do dúo Cintaadhesiva e que acadou premios á súa poesía como o Lueiro Rey, o Avelina Valladares ou o Victoriano Taibo, cunha obra en coautoría con Elvira Riveiro. Retratos de vodas, partos e funerais é, certamente, unha resposta, pero tamén a posibilidade, como ela mesmo di de "enumerar palabras coma quen esconxura o/ inverno".

Comentarios