Opinión

Esquema do desastre

Samuel Merino converte o poemario Claustro Corda Comensal nun texto sobre o gume da existencia, a partir do feito de enfrontarse á súa estadía nun centro de saúde mental. Unha porta aberta cara a un mesmo e cara a unha realidade coa que non adoitamos medirnos.
Samuel Merino. EP
photo_camera Samuel Merino. EP

A poesía non sempre ten que adicarse ao reflexo dunha beleza coa que sentirnos cómodos, en ocasións, a poesía convértese nunha canle para enfrontarse a aquilo que supón dor ou unha tensión que nos reflicte fronte a unha realidade diferente a cotiá e que pensamos controlada. Samuel Merino recolle de forma poética a experiencia do ingreso nun centro de saúde mental, amosando, de xeito eficaz, como a poesía tamén ten cabida nese espazo, nesa reflexión sobre o sentirse nun ámbito tan concreto e con tantas particularidades fronte ao que acontece nun exterior do que xa te sintes alguén alleo. Claustro corda comensal, editado por Galaxia, afronta de maneira valente esa reclusión, esa conxunción de vidas, tanto das persoas alí ingresadas como das súas coidadoras, na configuración dunha comunidade enmarcada polo que el mesmo califica como o "esquema do desastre", en cuxo contexto toca desenvolverse, mesmo cando un se sabe insignificante espertando no medio da noite.

Atopamos así unha voz que transmite esa sinceridade precisa para envocarse nese "itinerario pechado" do que se nos fai cómplices. Ao tempo que a sinceridade agroma entre as palabras de Samuel Merino como espigas entre as pedras dese claustro que non fai máis que subliñar esa condición de ámbito pechado, a impenetrable sensación de encerro. Espigas das que tamén nos fala unha voz recurrente ao longo de todo o libro, a do poeta Leopoldo María Panero, que, nunha das diferentes entradas que de xeito tan acaído, polas propias circunstancias vitais do madrileño, abren diferentes apartados do poemario, apunta: "... quien pudiera quebrar estos barrotes como espigas". Espigas como aquel trigo de Carlos Oroza no que condensaba a sensación de liberdade, de fronteiras esnaquizadas ante o paso do home. Aquí aínda toca facer un acto de resistencia e, sobre todo, sandar.

Recordo, memoria, a loita por un futuro, convértese en activo dunha poesía que nun proceso deste tipo non pode renunciar ao corpo. Alí, entre portas pechadas, a pel era, é, sempre é, un dos límites. Nun libro cheo de limiares eses gumes nos que todo se pode decantar cara un lado ou cara outro, son os que determinaban a auténtica realidade de cada unha das situacións que tiñan lugar. Unha pel rozando contra unha saba á espreita doutras vidas, sons, desexos e medos que estralan nunha noite convertida nun burato infindo ou, como apunta, Samuel Merino de maneira estremecedora: "O tempo era/Alí/ un animal deitado". Un reduto de miradas baixas, de complicidades necesitadas entre elas á hora de turrar cara adiante, e fronte a todas elas un exterior, también presente ao longo do texto, como ese Fóra que tanto se desexa, mais tamén que tanto se teme como unha sorte de abismo que superar.

Samuel Merino sitúa ante nós todos eses obstáculos, sempre co apoio de Leopoldo María Panero, pero sobre todo, cunha linguaxe persoal, cirúrxica, analítica, sen contaminacións superfluas que pouco o nada aportaría a unha poesía que xorde das vísceras, da necesidade de conquistar respostas ante tantas dúbidas como as que emerxen entre as paredes dese claustro, sometida á asperidade desas cordas e a necesidade de ser comensal.

E todo iso co desexo de pechar unha porta, de superar outro deses limiares que agroman ao longo deste monllo de poemas que levan ao lector ao arreguizo, a tentar, dende toda distancia física ou mental, poñerse nun lugar do que só poden falar os que viviron esa situación e ante ó que a poesía móstrase, unha vez máis, coa suficiente afouteza para exercer de diapasón que nos defina a cada un de nós.

Claustro corda comensal abre un recanto da memoria do autor para amosar ese esquema do desastre no cal situarse, dende o cal balizar un periodo de vida compartido con outras persoas, e que xa se levará para sempre pegado a esa pel, limiar dun corpo que, na súa dialéctica coa mente, alenta esta voz engaoiolante que resoa no noso interior para que sexamos conscientes dunha desas moitas realidades tan diferentes á nosa que conviven neste mundo cheo de lumes dispostos a arrasar o futuro.

Comentarios