Opinión

Ëxtase artística

Se falases de min é moito máis que un libro ao xuntarse, na súa coidada edición, poesía, pintura e música, na confección dunha desas xoias editoriais que brillan no noso sistema cultural. Así é como arredor da poesía de Antonio García Teijeiro xorde toda unha éxtase artística.

HAI LIBROS que son moito máis que iso ao que responde un formato como o seu, no que entre as capas se desenvolve o proxecto literarario dun escritor. Se falases de min é moito máis, ao converterse nun cofre do tesouro do que poder gozar dende moitos xéneros artísticos. Nel, a poesía de Antonio García Teijeiro, a pintura de Xulio García Rivas, as achegas literarias e musicais de Jordi Sierra i Fabra e as cancións de Alberto Cunha e Paco Ibáñez artellan un deses obxectos dos que sentirnos orgullosos polo que somos quen de facer dende o noso sistema editorial, desta vez da man da cada vez máis bulideira editora viguesa Elvira.

Unha conxunción artística que, arredor do poeta Antonio García Teijeiro, permite que cada un deses sistemas gañe valor ao poñelos en común arredor da mesa da creatividade e da camaradería, emerxendo unha afouteza cultural que en non poucos momentos emociona ao lector ou ouvinte. O corpus central do libro vén da man do seu xerador, quen recibira en 2017 o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xunvenil polo inesquecible Poemar o mar sabe da importancia de xuntar esforzos, de crear mares nos que naveguen xuntos diferentes creadores que, tal e como vemos, ao achegar cadansúa faceta son quen de provocar unha nova proposta que dá pé a esos momentos máxicos que só xorden deste tipo de aventuras.

A poesía de Antonio García Teijeiro, na que atopamos a ledicia poética de Rafael Alberti, propón un vizoso exercicio dende a palabra coa folla como un itinerario de emocións. Follas que caen das árbores, follas que voan cheas de soños antes de pousarse no chan para converter o solo nunha alfombra de veludo pola que poder camiñar, xa que «cando caen as follas/pasan tantas cousas». Así é, tantas que só a poesía é quen de calibralas, de poñer a súa mirada e a súa emoción nesa diversidade de posibilidades das que fala o poeta. Follas brincadoras, follas que chían, follas pillabanas, follas soñadas, follas cantareiras... e así o poeta nos descobre todo un universo que convoca fronte ao verso e que entre cada certos poemas o pintor Xulio García Rivas completa coas súas creacións, unhas acuarelas liviáns cheas de frescura e doces movementos no seu interior atrapando instantes dunha natureza á que, ao fin e ao cabo, réndese a poesía de Antonio García Teijeiro, sempre ante a esculca da contorna, a facer do que nos rodea inspiración, como inspiración son tamén as poesías doutros poetas, de Álvaro Cunqueiro, de Luis Pimentel, de Federico García Lorca ou de Juan Ramón Jiménez... todos eles citados para sinalar ese ronsel que o noso protagonista non deixa de levedar, de compoñer dende esa palabra que, como escribe o propio Paco Ibáñez: «Non todas as palabras son iguais, hai palabras que matan e palabras que resucitan».

As que aquí nos convocan, certamente, son estas últimas, palabras para resucitar, para buscala vida alí onde pensamos que ela mesma adoita rematar. Follas que cantan á vida como unha poesía cuxas palabras repenican entre elas, escoitámolas ledas xogando unhas con outras e imaxinamos os seus sons, porque se algunha capacidade ten a poesía de Antonio García Teijeiro é a de posuír sons, sendo as súas letras auténticas notas musicais e, se temos dúbidas disto, desta vez grazas ao cd que acompaña ao libro temos ao poeta recitando varios deles. Unha marabilla e parte do agasallo que supón este volume.

Antes do CD e coma ponte entre a palabra e a música, entre a poesía escrita e a oral, e mesmo as músicas que del brotan, Jordi Sierra i Fabra fai a súa achega ao conxunto ao facer das súas palabras elos entre a música e a poesía, falando el e facendo falar a grandes músicos como Dylan, Bowie, Lou Reed, Nirvana ou Oasis, por citar só a algúns que envolveron as palabras coas súas cancións. E no CD atopamos a palabra voando, como todas aquelas folliñas que nos arrodearon nas páxinas anteriores. Palabras que na voz de Antonio García Teijeiro recuperan esa dimensión de ledicia e de xogo co lector, e que nas voces de Alberto Cunha e Paco Ibáñez amosan como a poesía e a canción moitas veces responden a esa fermosa sinxeleza dunha folla que mece o vento antes de acariñar o chan.

Comentarios