Opinión

Imaxes e letras no espello

Os mil e un días é a estrea poética en solitario de Carmen Villar que nos propón unha feliz maridaxe de fotografías e versos que, baixo un mesmo vento, reflicten unha experiencia vital convertida en memoria para situarse nun momento concreto e nunha nova realidade.
Carmen Villar

Participante en diferentes proxectos colectivos Carmen Villar presenta a súa primeira aposta individual, Os mil e un días (Xerais), baseándose nunha conxunción de fotografías e palabras, imaxes e letras que levedan en común para achegarse ao lector e convertelo en parte dese percorrido ao que se nos convida como cómplices, como parte dunha mesma realidade da que formamos parte, e que podemos levar ao noso terreo, facendo desas reflexións da autora unha ponte para establecer os nosos propios pensamentos.

Os 111+1 poemas que compoñen o libro, sen ter unha grande extensión, concentran no seu interior diferentes preocupacións de Carmen Villar que funcionan como rápidos apuntamentos dunha realidade que adoita ter pasado, facendo da memoria a necesaria ferramenta para asomarse aos diferentes abismos que adoitan xurdir ao longo das nosas vidas. Fronte a eles as palabras teñen esa función de berro que nos devolve un eco que nos converte en espellos de nós mesmos. Carmen Villar enche tamén eses espellos coas súas propias fotografías, algunha delas, como a que ilustra este artigo, forman parte do cotiá, dos nosos escenarios que moitas veces non somos quen de poñer en valor por ese contacto permanente. Neles adoitan quedar as nosas pegadas, pousarse as nosas miradas... en definitiva, unha maneira de relacionarnos coa contorna que non adoita ser tida en conta e que Carmen Villar, con estudos en xestión cultural e fotografía artística, é quen de rescatar do que podería ser esquecemento para, xunto cun poema que de xeito máis ou menos directo ten que ver con el, relacionar ambas formas de expresión artística que incrementan así o seu potencial valor.

Como todo camiñar polo itinerario da vida neste desprazamento atopamos ledicias e espiñas, luzadas frescas e mañás de xeada... isto é, contrastes que son os que protagonizan todo aquilo que realmente somos, unha tensión permanente, un desacougo que moitas veces non é quen de atopar o acubillo preciso para o noso alivio e aí é cando precisamos da cultura, desa outra cara da moeda das nosas vidas onde se tenta explicar aquilo que nos perturba dun xeito diferente, a través da experimentación do artístico, da beleza, da emoción, da conquista dun instante onde todo ten outro xeito. Sucédense as fotografías, móvense os poemas e nós canda eles para habitar esa híbrida realidade na que tentar poñer orde.

As imaxes, perfectamente estudadas, teñen cada unha delas tamén un fondo valor plástico, un simbolismo que xorde da contemplación dese mundo ordinario que nos rodea. Tamén de mirar alí onde semella haber outra realidade que, tras esa observación, muda noutra situación chea de pegadas que rexistran o noso paso ao tempo que se converten en notarias da nosa existencia. E se ese compás non fose suficiente ao seu carón a poesía vai furar alí onde as cousas non son visibles, esa é a súa capacidade, a súa posibilidade de ser sempre un fío de luz que nos achega a outra dimensión na que moitas veces non queremos asexar porque supón ollar certas pantasmas, sombras que nós mesmos somos quen de xerar, fracasos e apocalipses que fan deses mil e un días un permanente debate con nós mesmos como centro.

Carmen Villar sitúanos así "nunha viaxe cara ao centro da poeta e da súa memoria", como se suliña na contracapa do libro, xa que a xeito de viaxe é como temos que entender finalmente o convite da poeta. Todas esas imaxes funcionan como fiestras dun tren que percorre diferentes paisaxes nos que a natureza e o noso paso poñen ante nós diferentes momentos do seu propio eu, que terá a memoria como a aliada precisa para que a poesía complete esa viaxe, encha unha mirada chea de valentía e de posibilidades para un lector que non deixa de perder a esperanza do que somos, ou, cando menos, do que podemos ser.

Comentarios