Opinión

O que hai. Novos materiais para a beleza

Catro artistas artellan unha mirada conxunta cara a nosa sociedade e cara a un contexto no que o artista explora novos materiais para o seu traballo. Obxectos do cotiá ou refugallos que explican a precariedade do creador e un ecosistema do consumo que esgota os seus recursos.

A VIGUESA Fundación Laxeiro segue apostando por novos creadores para situarnos ante novos nomes e novas posibilidades de expresión que xorden moitas veces sen apenas apoio e sen a solidaridade de patrocinadores e institucións. Insisto nesta cuestión porque moito do discurso que nos propoñen Alberto Ardid, Julio Catalán, Mar Ramón e Estéfana Román tenta, dende o puramente visual e artístico, poñelo foco na complexidade de todo creador que comeza para atopar un camiño axeitado para a súa expresión.

Os catro fan desta mostra o comezo dunha colaboración entre a Fundación Laxeiro e a Universidade de Vigo para posibilitar un proxecto expositivo anual da man de artistas ou comisarios vencellados a pontevedresa Facultade de Belas Artes. Un acordo que vén normalizar unha práctica habitual entre ambas as institucións que xa posibilitou diferentes proxectos e que agora, baixo o comisariado de Alberte Santos, e baixo o título de O que hai. Obxecto, materia e o cotián nos tempos da precariedade nos ofrece a mirada e o traballo destes catro nomes.

Cada un deles propón unha peza que ten un perfecto encaixe no conxunto dunha mostra que amosa un perfecto equilibrio estético e na que se fixo un profundo traballo de montaxe, que fai do espazo un ámbito limpo, case que cirúrxico e mesmo aséptico, e iso que os materiais empregados son elementos que a nosa sociedade xa empregou en diferentes usos, que desbotou e que agora a arte, e o bo facer dos nosos protagonistas, soubo atoparlles unha nova dimensión, chea de significacións a través dunha economía de medios que nos fala desa enchente consumista que nos asola e que só procura establecer un só uso e o seu esgotamento o máis pronto posible.

A instalación e a escultura hibrídanse ao longo do espazo para colonizar un territorio, para reutilizar obxectos e ironizar sobre o feito artístico, xa que todo aquilo que podía ser tradicional na arte aquí non ten cabida e só dende os novos postulados de Duchamp tería algún sentido calquera aproximación a esta exposición na que as catro autorías semellan unha soa por ese carácter de asepsia, e que de novo se enfronta a esa subxectividade tan acusada no eido artístico, así como de exaltación dos nomes que a protagonizan.

Aquí o protagonismo individual mimetízase nunha proposta conxunta que sitúa a súa orixe tras a crise económica de 2008 e cómo o contexto artístico dificultaba, en maior medida a aqueles novos artistas recén licenciados en Belas Artes, a conquista do seu camiño nunhas condicións aínda máis esixentes cás dos seus compañeiros anteriores de formación.

Aqueles dourados anos de principios do século XXI, na que os cartos abondaban á hora de propoñer exposicións, de materializar grandes proxectos artísticos nos que o investimento non tiña nada que ver co que viría despois, viñéronse abaixo con aquela crise, do mesmo xeito que os custos dos materiais artísticos, así como os ingresos cada vez máis baixos, provocaron un colapso que moitos creadores sofriron durante moito tempo, mesmo houbo quen tivo que abandoar esa paixón, buscando territorios máis domesticados ao tempo que máis reconfortantes e seguros no pecuniario.

Aquel intre de subsistencia é o que motiva este encontro e estas propostas nas que se utilizan materiais humildes que nos falan, eles mesmos, dende esta nova condición das precarias condicións de produción ás que se enfrontaron os artistas. Tanto Alberto Ardid, Julio Catalán, Mar Ramón e Estéfana Román, fan un valente exercicio plástico, abofé que sacrificando moitas das virtudes e posibilidades como creadores, en base ao traballo cuns materiais moi determinados e que definen todo o contexto da exposición no que, e este é un dos seus grandes achados, a beleza non está nin moitos menos ausente.

De feito é sorprendente cómo estes elementos poden convocar a esa convidada que nunca está de máis cando falamos do artístico, saber procurar a beleza e atopala coa proposta desta expo é toda unha conquista que nos ilumina a quen a visitamos, pero tamén abre unha lumieira na nosa sociedade para que saiba ver luz onde xa só pensa que existe a escuridade.

Comentarios