domingo. 28.11.2021 |
El tiempo
domingo. 28.11.2021
El tiempo

Os ollos de Isaac: ilusións e glorias

As miradas de Isaac celebra o centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo cunha exposición na Cidade da Cultura na que se percorre o seu longo legado artístico, cultural e empresarial, artellado sempre dende un nexo común, o desexo de facer de Galicia semente de futuro
Isaac Díaz Pardo.

POUCAS persoas nesta Galicia de miradas avesas xeran unha unanimidade no seu aplauso como é o caso de Isaac Díaz Pardo. A el se lle adica unha completa mostra no primeiro andar do Museo Centro Gaiás na Cidade da Cultura que vén recuperar a súa complexa figura dende o creativo cunha chea de posibilidades expresivas e campos de traballo que diversifican esa mirada súa tan singular. Un xeito de mirar a Galicia dende o que abordar unha tarefa de reivindicación das posibilidades dunha terra na xeración de contidos culturais, máis tamén, para, dende ela, poder propoñer unha industria cultural con posibilidades de xerar valor económico.

Non é sinxelo resolver o espazo expositivo do Centro Gaiás para realizar calquera mostra, neste caso configúrase un camiño por diferentes etapas, momentos que nos levan a percorrer as súas variadas tarefas ao tempo que a vida de Isaac Díaz Pardo fai dos anos unha loita por acadar novas posibilidades. E todo arrinca nun punto, nun espazo común que, neste caso, vén da man do seu pai, Camilo Díaz Baliño, pintor, debuxante, ilustrador, personaxe clave na Compostela do seu tempo. Tanto a súa obra, como o seu interese pola cultura e a súa impactante morte fusilado cando o seu fillo tiña quince anos, reúnense na personalidade de Isaac Díaz Pardo, xa para sempre comprometido co valor da cultura, a terra e o ser humano.

Nesa Compostela nace o noso protagonista no ano 1920 e marcha dela despois da morte do pai no tráxico 1936. Ao remate da Guerra Civil realiza os estudos de Belas Artes en Madrid e os cadros que contemplamos na mostra fálannos dese momento de experimentación, de recoñecemento dos grandes mestres a través das súas mulleres espidas, venus en posicións clásicas que amosan a capacidade de novo pintor, tamén o seu tratamento dos obxectos en cadros de claro compromiso vangardista. O seu autorretrato e o protagonismo da figuración, como parte dese compromiso humano, definen unha pintura que nas décadas seguintes esquematizará as súas propostas en función de novos discursos plásticos aos que nunca foi alleo.

Os seus éxitos lévano á creación do Laboratorio de Formas en 1963 e ao fito da recuperación da fábrica de louza de Sargadelos, materializada en 1970

A proposta de participar na decoración do Valle de los Caídos alenta a súa decisión de deixar a pintura e buscar outras canles de expresión que permitan afondar nas súas inquedanzas sociais e ideolóxicas e as posibilidades de xerar unha arte popular con novas lecturas da identidade galega. Para iso serviralle a cerámica e en 1949 constitúe as Cerámicas do Castro. Xorden pezas nas que pintura e o deseño comezan a darlle sona. Recibe así unha proposta para crear na Arxentina unha fábrica semellante e crea Porcelanas Magdalena. Alí entra en contacto co exilio galego ao que tan unido estivo sempre: Blanco Amor, Rafael Dieste, Núñez Búa ou o seu prezado Luis Seoane. O ambiente cultural que atopa en Bos Aires renova a súa confianza na cultura e nas súas posibilidades de afianzar a construción dunha realidade cultural de país da que estar orgullosos todos os galegos. Os seus éxitos lévano á creación do Laboratorio de Formas en 1963 e ao fito da recuperación da fábrica de louza de Sargadelos, materializada en 1970 coa inauguración da famosa planta circular obra do arquitecto Andrés Fernández-Albalat.

O exilio, o pensamento e a escrita, a relación arte e industria, a recuperación da memoria, o Laboratorio de Formas, o seu labor editorial ou o Museo Carlos Maside, entendido como o primeiro centro de arte galego contemporáneo, ocupan cada unha das estacións deste moverse pola vida de Isaac Díaz Pardo, e cada unha delas acollendo abondosos materiais, tanto creativos como documentais que amosan o moito feito, non só en cantidade, senón tamén en calidade, e sobre todo dende unha vangardista achega ao feito de crear, debendo entenderse ese Laboratorio de Formas como a nosa Bauhaus particular, unha maneira de facer país dende unha industrial cultural chea de símbolos e propostas que convertesen a Galicia nunha terra orgullosa dos seus creadores.

Tanto a mostra como o marabilloso catálogo da mesma acollen moitas fotografías do noso protagonista, nelas os seus ollos semellan conter esa mezcla de tempos, de ilusións sementadas a carón do seu pai e do conseguido ao longo dunhas décadas complexas, pero nas que a súa tarefa é unha das nosas maiores glorias culturais e empresariais.

Os ollos de Isaac: ilusións e glorias
comentarios