Opinión

Sementes de creación

Profesores e exalumnos da Facultade de Belas Artes de Pontevedra atópanse de novo nunha sala de exposicións. Desta vez no Museo de Pontevedra ocupando un campo creativo que amosa ese proceso de sementar e recoller que hai sempre tras o ámbito educativo.
A exposición 'Campo de sementes 2'
photo_camera A exposición 'Campo de sementes 2'

Acolle o Museo de Pontevedra a mostra Campo de sementes 2, que vén a reunir o traballo creativo de artistas vencellados de diferentes xeitos á pontevedresa Facultade de Belas Artes. Artistas que se moven arredor dese concepto de semente que lle dá título á mostra e que xunta a mestres e antigos alumnos, dúas situacións nas aulas que, unha vez fóra do centro académico, funcionan como un único elemento, e que vén a visibilizar ese proceso de crecemento natural do que supón terse como artistas, como creadores que, a través de diferentes linguaxes plásticos, son quen de interpretar a realidade que nos rodea.

Escultura, pintura, instalacións ou vídeocreacións reúnense nunha mostra que, como acontece en calquera exposición colectiva, permite enfrontarnos a pezas que a cada un de nós nos poden parecer dun maior ou menor interese. Obras coas que se establece un elo íntimo que, segundo sexa o caso, pode ser máis ou menos forte, pero o que si serven todas elas é para comprobar a diversidade de linguaxes e de xeitos de expresión válidos hoxe para interpretar diferentes postulados artísticos, todos eles igual de válidos e respectables á hora de activar un contido creativo. Dada a singularidade da mostra, que xorde dese xuntar a alumnos e profesores, tamén podemos subliñar unha identificación común no quefacer duns e doutros, mesmo deixando de lado distancias cronolóxicas, atopando, ao longo de toda a mostra, de que maneira emerxe unha uniformidade que permite ver toda a exposición sen grandes sobresaltos e sen fortes contradicións entre elas, como poderíamos supoñer ao tratarse de creadores de tempos diferentes e con cadansúas circunstancias individuais.

A exposición 'Campo de sementes 2'
A exposición 'Campo de sementes 2'

Pezas como as de Manuel Dimas, Miguel Cuba, Pérez Jofre, Berta Cáccamo, Maruxa Alonso, Lucía Romaní, Xisela Franco, Teresa Pajares, Sonia Tourón, Juan Fontaíña, Carlos Fer, Elena Fernández Prada e Carmen Lage, sitúan ao espectador ante esas diferentes perspectivas da arte contemporánea da que a Facultade de Belas Artes de Pontevedra é, dende a súa creación, unha importante factoría de pensamento e acción que ten neste tipo de mostras o complemento perfecto a súa propia dinámica educativa, pero que, pola singularidade deses estudios, precisa cada certo tempo de proxectar cara o exterior o que acontece no interior do antigo cuartel de San Fernando.

Campo de sementes 2 enfíase nunha intensa traxectoria de exposicións que non só visibilizan esa conexión entre alumnos e profesores da facultade, senón que tamén traballa na conexión entre a Facultade e diferentes espazos da cidade. Recolle Campo de Sementes 2 o testemuño do pasado ano cunha primeira edición exposta na Sede da Fundación Rosón, como antes se fixera no Edificio Sarmiento, tamén do Museo de Pontevedra. Iso tamén é semente, o poder relacionar á propia facultade con institucións coas que sempre é interesante manter conexións e alianzas, tamén o propor accións ao longo e ancho da cidade, que permitan ver o que moitos destes creadores son quen de experimentar, tanto tras un proceso de formación ao que chega alumnado de diferentes puntos da xeografía galega ou mesmo estatal, como o propio traballo creativo do profesorado, tantas horas ao longo do ano secuestrado pola burocracia e as tarefas docentes, de aí que estes procesos de osixenación veñen moi ben para amosar o estado da cuestión no que están cada un deles.

Campo de sementes 2 funciona, polo tanto, como un campo expandido das accións artísticas de mestres e alumnos que prolongan fóra das aulas esa conexión que durante varios anos se establece entre eles, facéndonos partícipes aos demais desa última materia que superar por todo creador como é o contacto co público, o feito de presentar a obra ante o exame dun espectador para o que as veces non é sinxelo engancharse con determinados discursos, mentres que con outros un atopa toda unha serie de fíos cheos de emocións e sensacións positivas, o cal non deixa de ser o eterno debate da arte e a súa conexión co espectador, pero para iso antes hai que sementar.

Comentarios