Opinión

Sempre máis. Arte e memoria

O Pazo da Cultura de Pontevedra pecha no seu interior un berro que vén da nosa memoria, dun compromiso social e humano coa desfeita ecolóxica que significou o afundimento do Prestige e o que supuxo para unha Galicia que respostou nas rúas, nas urnas e tamén no creativo.
Peza da mostra. RAFA FARIÑA
photo_camera Peza da mostra. RAFA FARIÑA

NOVEMBRO de 2002. Aquel mes quedou fixado na memoria histórica de Galicia polo afundimento dun petroleiro fronte as nosas costas. Non foi o primeiro, senón que houbo moitos antes. Nomes como os do Urquiola, Casón ou Mar Exeo son elos dunha cadea de diferentes desastres ecolóxicos que deixaron a súa pegada no noso mar e nas nosas costas, pero aquel novo naufraxio, e o nome dese esgotado buque, Prestige, foi algo absolutamente diferente ao que se vivira ata o momento. A reacción da poboación ante a magnitude dos acontecementos ergueu unha resposta dende diferentes eidos da sociedade que nunca fora tan contundente e tivo a súa materialización visual en toda unha serie de formas e accións que son as que ocupan a totalidade do espazo expositivo do Pazo da Cultura na recuperación de todo un imaxinario que o colectivo Unha gran burla negra leva recompilando dende o ano 2018, como unha pisada que sirva para aquilo que é a maior das nosas obrigas, a de non esquecer.

Percorrer esta mostra supón non só recuperar as sensacións daquel desacougo que nos rodeou durante as xornadas, tanto do naufraxio do Prestige como das semanas e meses seguintes observando as súas consecuencias no noso territorio, senón tamén calibrar o tamaño daquela resposta popular que converteu as rúas no seu altofalante e de cuxas accións tamén xurdiron toda unha serie de materiais creativos que fixeron da pintura, da fotografía, da instalación, dos murais, do deseño, da arte urbana... e toda unha arte efémera de acción e reacción que configurou todo un imaxinario de gran importancia polo que ten de contestación popular, sendo a visibilización de cómo a arte pode canalizar toda unha serie de enerxías que deste xeito tiveron un medio de trascendencia e que as leva a protagonizar unha exposición na actualidade baixo o nome de Sempre máis.

Tamén aquela resposta serviu de final dun ciclo, o da indolencia das administracións ante este tipo de feitos, así como da concienciación da sociedade na defensa do noso ecosistema natural, algo que nos conduce no tempo ata hoxe mesmo, coas diferentes situacións que se deron nos últimos anos ante toda unha serie de agresións a nosa contorna, como a recente proliferación de parques eólicos sen atender á sensibilidade dos espazos nos que se ubican, ou as diferentes accións fronte ás vagas de lumes, que asolaron os nosos montes en non poucas ocasións nos últimos anos.

A exposición está baixo o comisariado de Germán Labrador —director de actividades públicas do Museo Reina Sofía—, teórico e bo coñecedor do valor e do que supón este tipo de respostas populares como parte da cultura nunha sociedade, e que sempre permanece aí, latexando ata o momento de saír a superficie, como fixo de xeito recente coa obra de teatro Nevermore de Chévere, ou con esta mostra tan heteroxénea en canto aos seus discursos e propostas, con nomes como os de Abe Rábade, Cristina Lucas, Vicki Ribadulla, Antonio Nodar, Juan Cabeza ou Anxo Rabuñal, por citar tan só algúns dos nomes presentes, pero que todos eles se agochan baixo o colectivo, a gran riqueza desta mostra, como é o identificar unha acción masiva común que tamén no mundo do deseño permite ver numerosas sinais, mensaxes, logos que non só baixo a ignominia do Prestige amosaron a súa importancia, só pensar nesa mensaxe de Nunca máis, senón que tamén en sucesos anteriores abriron un camiño dende os diferentes delictos ecolóxicos que sofriron os nosos espazos naturais, e que foron reivindicados dende diferentes colectivos, como no caso de Pontevedra, coa Asociación pola Defensa da Ría (APDR) que achega numerosos materiais que amosan a súa loita contra a presenza da factoría de Ence na ría de Pontevedra.

A memoria artística da catástrofe do Prestige permite nesta ocasión establecer unha serie de fíos que enguedellan as diferentes loitas ecoloxistas que tanto no pasado como no presente permiten poñer ante nós unha rede de confianza nas posibilidades de toda sociedade por situarse nun contexto de rebeldía, de concienciación fronte á inxustiza e as accións, demasiadas veces impunes, dos máis poderosos fronte aos que tan só procuran a defensa dun territorio que é o mesmo que dicir a defensa de nós mesmos.

Comentarios