jueves. 05.08.2021 |
El tiempo
jueves. 05.08.2021
El tiempo

A travesía de Manuel Antonio

Cúmprense noventa anos da publicación do poemario De catro a catro, un fito na poesía de vangarda galega que sitúa a Manuel Antonio no cumio da nosa escrita. Unha achega singular que agocha no seu proceso de creación unha peripecia vital que puxo o de Rianxo nun contexto de modernidade á altura doutros mitos da literatura. Percorrer a súa vida, ao xeito dunha travesía como a que o levou a subirse ao Constantino Candeira no que escribiu ese texto fulcral, ten na recente publicación de dúas biografías as muletas precisas para sorternos fronte a ese poemario abrumador no que a persoa e o poeta mídense sobre a cuberta dun barco

ManuelAntonioFALTABAN UNS meses para cumprir os trinta anos cando faleceu Manuel Antonio. Unha travesía curta pola vida pero que permanece no caderno de bitácora da nosa escrita como unha das achegas máis senlleiras a ese navegar polas ondas da emoción e das palabras. Case trinta anos nos que si foi quen de desenvolver unha desas vidas que se tornaron míticas por todo o que a envolveu de amizades, compromisos e escritos que tiveron o seu punto álxido no poemario De catro a catro, que é a esencia misma de Manuel Antonio, da súa escrita, pero tamén da súa propia vida.

No mes de abril de 1928 Manuel Antonio aínda non tiña nas súas mans De catro a catro, que saíra do prelo o 27 de marzo dese ano. O 10 de xuño o seu editor, Ánxel Casal, envíalle os dez primeiros exemplares dese texto que Manuel Antonio escribiu nunha das súas travesías marítimas ao bordo do pailebote Constantino Candeira nun caderno de contabilidade. A editorial Alvarellos editouno o pasado ano nunha edición facsímil realmente emocionante polo que ten de respecto ao formato orixinal e na que un pode comprobar o coidado da escrita do autor de Rianxo, unha meticulosidade que o levou a facer numerosos borradores antes deste final. Cando se veñen de cumprir noventa anos desa primeira edición, recuperar o texto de Manuel Antonio é case unha obriga para quen guste da poesía, para quen queira enfrontarse a un texto que, como poucos nas nosas letras, lévanos a unha poesía dunha vangarda absoluta, comparábel a calquera outro poemario deste momento renovador.

Unha lectura que estará completa para o coñecemento polo miúdo do autor se nos apoiamos tamén en dous interesantes traballos que de xeito recente están á nosa disposición. O primeiro deles, Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía, asinado en Xerais por un dos mellores coñecedores da súa figura, Xosé Luís Axeitos, e o recén chegado, Manuel Antonio. Vida e misterio dun poeta galego, escrito dun xeito audaz, e tamén valente, por Xosé Ricardo Losada, editado por Galaxia. Ambos os dous compleméntanse entre si como biografías, como percorridos por unha vida breve, pero afouta, cheos de anécdotas, datos relevantes —moitos descoñecidos—, documentos e imaxes sobre como esa vida se convertera en escrita a través de diferentes colaboracións en publicacións da época. A primeira, pódese definir como máis canónica; mentres a segunda, cun pulo máis literario, achégase máis á propia vida do poeta, a como a súa existencia foise, de vagar, convertendo na súa mesma escrita.

Unha rebeldía natural que o levou dende ben novo a enfrontarse con boa parte do mundo que o rodeaba

Os títulos de ambas as dúas afinan ben sobre o que foi esa vida empregando palabras como vida, rebeldía ou misterio. Unha rebeldía natural que o levou dende ben novo a enfrontarse con boa parte do mundo que o rodeaba, un misterio, como o que xorde da súa personalidade ligada a enfermidade que rematou a súa existencia, a tuberculose, pero ante todo iso Manuel Antonio fixo desa travesía un canto á vida, ao seu goce dende a máis radical das liberdades.

E todo isto dende a infancia. Nado en Rianxo en 1900, o seu pai morre de tuberculose aos 33 anos, cando el tiña tan só catro anos. Trasládase a Padrón coa familia materna e pasa tempadas en Cangas, a carón dun crego primo da súa nai. Afástase da igrexa, pese as intencións familiares, e en 1914 ingresa no Instituto de Santiago. En 1918 marcha de Compostela cara a Francia para alistarse na lexión e loitar contra os alemáns.

Trala denuncia é detido en San Sebastián. Comeza a publicar artigos nos que amosa o seu compromiso coa terra e coas persoas, tamén coa lingua, coa que chegou a facer un pacto de sangue, publicando artigos contra o caciquismo e en defensa das clases máis baixas. Recibe e coñece as revistas más vangardistas da poesía en España e Vicente Risco pon nas súas mans o poemario Ecuatorial (1918) de Vicente Huidobro, calificado no prólogo dunha recente reedición en Visor como «texto inaugural de la vanguardia en lengua española». Afíliase a Xuventude Nazoalista e en 1922 asiste en Monforte a IV Asamblea Nacionalista e ese mesmo ano sae do prelo o manifesto ‘Máis alá!’, asinado por Álvaro Cebreiro e por el mesmo.

Perfecto coñecedor do que se publicaba en Galicia e en España, deuse de conta da necesidade de crear un manifesto que reflectise as inquedanzas da súa xeración e a procura teórica dunha estética que respondese aos novos tempos da historia. A vertixe da nova sociedade, a vida urbana, os avances tecnolóxicos, os novos medios de transporte, as guerras, e un xeito diferente de reflectir o que somos dende o artístico tiveron neste manifesto un dos feitos máis sobranceiros no quefacer do de Rianxo e que levou á súa poesía de vangarda. Revistas como a pontevedresa Alborada, ou a lucense Ronsel, publicaron os seus textos.

O poeta no medio dos catro puntos cardinais, un home coa sensación de estar no centro do seu mundo.

Os seus fracasos nos estudos, e a súa relación co ambiente mariñeiro en Rianxo lévano a estudiar Náutica en Vigo, rematando ditos estudos en 1923. O seu carácter íao illando cada vez máis da sociedade, ao que tamén axudaría a súa grave doenza. En 1926 realiza as súas prácticas de navegación no pailebote Constantino Candeira, un veleiro en tempos dos buques de motor que alentaba ese senso romántico da navegación que se instalou no interior daquel mozo que no mar e dende o mar construíu o seu gran poemario, precisamente adicado ao capitán desa embarcación, Augusto Lustres.

Foron 103 días de navegación dende o 27 de febreiro, voltando embarcar nel no porto de Bilbao durante 68 días máis. Baixo o ceo aberto e fronte ao horizonte, Manuel Antonio sacou o mellor da súa íntima emoción pola escrita nesas horas de garda en quendas de catro en catro horas. O poeta no medio dos catro puntos cardinais, un home coa sensación de estar no centro do seu mundo. Un ser poético que levaba traballando moito tempo, pero que ata esta situación non agromou coa rotundidade que lle confire a todo o poemario. Anos de ensaios que atoparon dende esta posición sobre as ondas do mar a canle axeitada.

A travesía xa non será só vital, senón tamén creativa. Na cuberta dese barco, co horizonte coma liña na que case escribir, pero tamén agoiro dunha vida que estaba pronta a extinguirse. Nese poemario Manuel Antonio baleirouse cunha exactitude abraiante, cunha intención que sorprende polas súas conquistas e pola presión que el mesmo aceptou de ser un poeta en toda a dimensión baudeleriana da palabra, isto é da captura da experiencia para facer inmarchitábel o efémero da existencia. Un poemario que o levaría á eternidade, converténdoo nun mito, pero tamén inseríndose no ronsel dos Paio Gómez Charino, Castelao ou Rafael Dieste. Rianxeiros que, entre ondas e letras, entenderon Galicia como parte dun proxecto de identidades, facendo cada un deles a súa propia travesía, a súa propia achega á nosa historia.

O home falece, mais poucas veces unha vida tan curta converteuse en xesta, impresa nese poemario inmenso feito contra o mundo,

Manuel Antonio voltará embarcar en novembro de 1928, neste caso no Gelria, nunha viaxe que o levará a Suramérica ata portos como Río de Janeiro, Montevideo ou Bos Aires. En 1929 farao no pesqueiro Arosa, en Cádiz, navegando por caladeiros de África. A enfermidade avanza e regresa a Rianxo, onde morrerá o 28 de xaneiro de 1930 na súa casa da parroquia de Asados. O home falece, mais poucas veces unha vida tan curta converteuse en xesta, impresa nese poemario inmenso feito contra o mundo, feito por quen navegaba pola soidade: "Fomos ficando sós/ o Mar o barco e mais nós./ Roubaron-nos o Sol./ O paquebote esmaltado/ que cosía con liñas de fume/ áxiles cadros sin marco./ .Roubáron-nos o vento/ Aquel veleiro que se evadeu/ pol-a corda floxa d’o horizonte./ Este oucèano desatracou d’as costas/ e os ventos d’a Roseta/ ourentaron-se ao esquenzo./ As nosas soedades".

A travesía de Manuel Antonio
comentarios