Opinión

Urbano Lugrís, escumas dun soño

O día 23 cúmprense cincuenta anos do pasamento do pintor Urbano Lugrís, no 115º aniversario do seu nacemento. Efemérides arredor dun dos nomes máis singulares da nosa plástica, creador dun mar de imaxinación que sempre sucou a bordo da súa pintura.
Pintura de Urbano Lugrís. ARQUIVO
photo_camera Pintura de Urbano Lugrís. ARQUIVO

Bohemio, autodidacta, anárquico, pintor, poeta, muralista, ilustrador... serían algúns dos moitos calificativos que se lle poderían aplicar ao creador coruñés Urbano Lugrís (A Coruña, 1908-Vigo, 1973) do que a vindeira semana cumpriranse cincuenta anos da súa morte na véspera da Noiteboa. Ese día oscurecéronse os seus mares, os verdadeiros protagonistas dunha pintura con vocación de eternidade, como a ten todo aquilo que xorde das escumas dos soños dun pintor que deixou un ronsel de reflexos da súa incomparable imaxinación. Urbano Lugrís deixounos unha morea de obras engaiolantes para o espectador, capaces sempre de xerar a fascinación do misterio dun mar que, máis que representación, foi sempre unha porta cara a fantasía e á complicidade dos nosos ollos que teñen que ser quen de completar as diferentes escenas propostas coa nosa propia interpretación.

Nacido nun ambente familiar predisposto para a cultura, o seu pai foi poeta e presidente da Real Academia Galega, a súa nai pianista, e o seu tío pintor, do que ademais se lle puxo o seu nome. Nos anos 30 trasládase a Madrid, relacionándose con varios dos creadores máis importantes do momento, e mesmo incorporándose ás Misións Pedagóxicas que percorreron a España da República nese salientable proxecto de achegar a cultura a toda a poboación. Tras o comezo da Guerra Civil regresa a Galicia e en 1954 funda a revista coruñesa Atlántida, ao tempo que comeza a súa carreira como grafista, ilustrando numerosos libros de amigos seus. A súa pintura, tanto en lenzos como en diferentes murais, levaba uns cantos anos desenvolvendo o seu interese e atracción polos ámbitos mariños tratados dende o seu coñecemento das vangardas pictóricas europeas, con ecos da pintura metafísica italiana ou o surrealismo, mais tamén a todo iso habería que sumarlle o belisco dun Manoel Antonio cuxa poética, e mesmo actitude fronte a vida, semellan estar detrás de moitas das inquedanzas amosadas por Urbano Lugrís na súa pintura.

Se naqueles anos trinta contribuira ás Misións Pedagóxicas co deseño de diferentes escenografías, nos seus cadros, ese carácter teatral, mesmo de escenario, polo que en calquera momento atravesarán diferentes personaxes que, ao non aparecer, parecen solicitar o noso protagonismo, invádeo todo, xerando esa misteriosa situación, procedente dunha representación que leva o detalle ao máximo extremo. Elementos vexetais ou obxectos, represéntanse cunha minuciosidade que amosa a súa mestría para o debuxo e unha composición na que mandan a liña e a cor, capaces de cicelar unha atmosfera rápidamente recoñecible e cun selo propio. Cadros cheos de detalles, de silencios que semellan moldear os diferentes elementos móvense nunha tensión entre interiores e exteriores, auténticos gabinetes de curiosidades fronte a escenas de costa e horizontes onde teñen cabida elementos fantásticos, barcos á deriva e a luz dunhas lúas que inciden nesa condición telúrica da súa pintura.

Os seus murais decoraron tabernas, restaurantes, igrexas, bancos... convertendo cada un deses espazos en lugares irrepetibles, e cos que o paso do tempo e a falla de sensibilidade de propietarios e administracións non foi todo o xeneroso que merecía ese patrimonio. Tras o seu pasamento, tiveron que transcurrir varios anos para que a súa pintura se reivindicase no contexto plástico galego, máis aló de pequenas mostras e homenaxes na súa cidade natal. Así foi como en 1997 se organizou a mostra máis completa do pintor, baixo o comisariado de quen fora amigo seu nos últimos anos da súa vida, o tamén pintor, Antón Patiño, xunto a Rosario Sarmiento, amosando a súa pintura no Círculo de Belas Artes de Madrid e posteriormente no Auditorio de Galicia, baixo o evocador título de  Urbano Lugrís, viaxe ao redor do meu mundo. O mesmo Antón Patiño escribiu sobre a súa vida en Urbano Lugrís. Viaxe ao corazón do océano (Edicións do Castro, 2007) e o escritor Luis Rei novelou a súa vida na espléndida O señor Lugrís e a negra sombra (Xerais, 2007), como interesante é achegarse á recompilación de textos do propio Urbano Lugrís editados pola Editora Alvarellos baixo o título de El tesoro de Punta Herminia y otros textos sumergidos, que seguen a ser unha fabulación máis en primeira persoa dun universo de soños e escumas.

Comentarios