Opinión

A xeometría exacta de Lodeiro

Cando se cumpren trinta anos do pasamento do pintor Lodeiro unha dobre cita rescata unha serie de pezas que permiten abrir novas vías de investigación, traballo e coñecemento da que é unha das traxectorias más atraíntes da plástica galega da segunda metade do pasado século.

O 30 DE SETEMBRO de 1996 falecía Xosé Telmo Lodeiro deixando entre nós unha sobranceira carreira artística que se moveu entre a singularidade das súas iniciativas e toda unha serie de arriscadas apostas que viñeron a renovar moitos dos xéneros pictóricos do seu momento. 25 anos despois a Fundación Laxeiro da súa cidade de Vigo, xentilicio co que adoitaba firmar os seus cadros: Lodeiro, pintor de Vigo, propón o rescate dunha serie de obras descoñecidas nas que a abstracción e a xeometría, tan presentes ao longo do seu traballo, amosan unha radical contundencia que permite balizar un novo tempo na súa pintura ao tempo que explica o seu interese por esa xeometría que aplicou a moitas das súas obras dentro dese proceso renovador. Ao mesmo tempo a galería Apostrophe tamén se achega a súa obra a través da mostra ‘Lodeiro: a figura trascendida’ na que unha serie de retratos amosan o seu tratamento da figura humana, convertida tamén, nunha sorte de paisaxe física que non deixa de sorprender pola valentía da súa mirada cara á propia persoa.

Dotada dunha especial relevancia, a aposta da Fundación Laxeiro, baixo o comisariado de Javier Pérez Buján, permite ese exercicio tan saudable ante a obra de calquera artista xa desaparecido como é procurar novas liñas de coñecemento para completar unha mirada o máis precisa posible na traxectoria de todo creador. E así é como temos que entender o que atopamos nun espazo artellado en torno a tres grandes lenzos pintados entre 1976 e 1979, acompañados por quince debuxos realizados con rotulador que teñen moito de ensaio, de experimentacion a cargo dun pintor autodidactica que tiña na superficie de traballo a súa auténtica academia. Se poñemos estas pezas en relación ao seu momento creativo, podemos entendelas como un momento bisagra, como unhas pezas que viñan a culminar ese proceso de xeometrización da natureza ou da figura humana -que tan ben entendemos coas pezas da galería Apostrophe- ao tempo que se abría a fiestra a unha cor desbordante que enchoupou a súa pintura nos anos 80 cunhas obras cheas de organicidade que foron pouco a pouco deixando atrás ese pálpito aritmético e nas que a organización combinativa desas cores ten aquí o seu xerme.

El, que era pura intuición en cada obra, el que non se adscribía a ningún dos movementos ou tendencias nos que sempre se procurou instalar a Lodeiro, convertía o seu anarquismo creativo na súa verdadeira patria

 Estes ensaios amosan a un pintor sempre en loita coa súa propia expresividade, coa conquista dun camiño que tería que ter sempre en conta a súa presenza. Increíblemente todas estas pezas están feitas a man alzada, liñas, ángulos, encontros de trazos, que aquí se propón tendo en conta a posibilidade de erro, a ausencia dunha xeometría exacta, de aí o título da mostra no que se contén esa posición do autor fronte ao territorio a conquistar. Un contraste entre formas xeométricas e cor que permiten entender mellor aquel itinerario creativo que Lodeiro xa calibrara nunha entrevista feita en 1979, neste mesmo momento creativo recollido na exposición da Fundación Laxeiro, calificándose como «un anarquista da cor». El, que era pura intuición en cada obra, el que non se adscribía a ningún dos movementos ou tendencias nos que sempre se procurou instalar a Lodeiro, convertía o seu anarquismo creativo na súa verdadeira patria, porque esa era a súa realidade más cercana, ao tempo que a máis intensa.

 Esa linguaxe persoal propia é a que temos que seguir estudando a partir dos diferentes fitos da súa vida e que xa quedaran ben expostos nunha mostra antolóxica feita no CGAC de Compostela en 2007, dez anos despois do seu pasamento. Por todo iso é necesario volver, xa tantos anos despois, a resituar a súa figura no noso escenario plástico, o que só se pode facer dende achegas como as que nos ocupan neste 25º aniversario no que se nos convida a enfrontarnos a un universo xeométrico moi querido polo seu autor, e que lle serviu para configurar esa linguaxe única pola que ben merece pasar á historia da nosa plástica e a cultura que se desenvolveu no noso país nas derradeiras décadas do século XX.

Comentarios