lunes. 16.09.2019 |
El tiempo
lunes. 16.09.2019
El tiempo

Duelo no cárcere

Conducín pola autovía e abandonei Lugo. Vin por fin ao lonxe o cárcere onde actuaría esa mesma mañá, do mesmo xeito que Borges se achegou á cegueira, como unha illa ao lonxe. Ao pouco foi cobrando forma ata que xa estaba dentro dela.

Johnny Cash.
Johnny Cash.

APARQUEI  ao lado da prisión pensando no xenio arxentino e na inauguración da exposición sobre a súa obra, xustamente no Vello Cárcere de Lugo —nunca sabe un onde terá que cumprir condena—; dunha banda, os seus contos de coiteleiros do arrabalde e, doutra, os contos metafísicos, antes do seu cárcere, a dirección da Biblioteca Nacional e a perda da visión, que chegaron case xuntas na década dos cincuenta. Mais o substancial xa o fixera entre o ano 33 e o  ano 53.

Apaguei a música de Lou Reed e baixei do coche. O azul do ceo alegroume e respirei fondo, tentando aplacar certo nerviosismo xa habitual. Dalgún xeito actuar é un ‘duelo’, moitas veces imaxinario. Para Borges o duelo era un tema central que servía á súa escrita. A serie como sistema: o seu conto preferido de Conrad, o dos dous soldados do exército francés que, en plena guerra mundial, pelexaban entre eles cada vez que os seus rexementos se encontraban; Victor Hugo abrindo un paraugas marelo en sinal de disconformidade antes dun duelo a morte; o caso de Julio César, que requirido polo oficial doutro exército para se bater en duelo, dixo que mandaba un gladiador; pero tamén o duelo dos teólogos, ou o arrabaldeiro Santos, un orillero dun barrio de Buenos Aires, con sona de ser o máis afouto do lugar. E a chegada dun circo ao barrio e dun domador apelidado Santos tamén, un novo Santos que lle disputaba a afouteza ao primixenio. Cada vez que se vían nos tragos da xenebra, o primeiro berraba: aquí sobra un Santos!

Observei a granxa de polos contigua ao cárcere, collín o amplificador, a maleta cos cables e a miña guitarra do maleteiro. Na entrada un garda civil dirixiuse a min.

—Buenos días. ¿A qué viene? —preguntou dende a garita.
—Veño actuar p’rós presos —respondín.
—Qué lleva ahí dentro?—preguntou de novo. Pensei cousas varias que podería levar, pero respondín:
—Levo a miña guitarra e neste peto de fóra, unha carpeta con poemas, o meu libro e unha caixiña de música... E isto é unha peza metálica pra facer distorsión. E aquí na maleta...
—Nada, está bien... Correcto. Adelante.

A porta automática pechouse atrás miña e camiñei cara a entrada principal observando as bandeiras dos mastros que presidían o edificio principal, de cor laranxa. Saíu recibirme un par de profesoras do centro penal. Unha nova porta automática abriuse e pechouse ás nosas costas. Entreguei o documento de identidade, déronme unha tarxeta de visitante, deixei o móbil nun armario e unha funcionaria levoume a unha sala contigua.

Abrín de novo o estoxo da guitarra, saquei cada un dos obxectos e repetín a operación coa maleta dos cables e co resto. Atravesei o detector de metais e unha nova porta abriuse para logo pecharse ás miñas costas. Cruzamos un corredor deserto que rodeaba os diferentes pavillóns da instalación. Atravesei alomenos dúas portas automáticas máis e entón observei o interior da sala de xogos e cafetaría dos presos; axiña vin facianas coñecidas e miradas de curiosidade. Da adolescencia e non só. Fun conducido ao auditorio da instalación, onde debería actuar. Era un espazo ben amplo, en pendente cara o escenario. Xa comparecera alí unha vez hai seis anos. Fora unha actuación certamente accidentada; a luz fórase dúas ou tres veces, o público  berraba e unha voz alzárase de entre o balbordo, contra o final do acto: ¡Quédate a cenar! 

Dispuxen as miñas cousas e un preso axudoume xentilmente cos cables e o son; gustoulle a miña guitarra, díxome que el tamén actuaba. Pregunteille se tocaba e dixo que non, o seu era cantar. Llevo cantando aquí varios años, confesoume con acento resignado.  Chegaron outros dous e subiron ao escenario, intrigados pola miña guitarra: unha vella lata de aceite soldada a un mastro e preparada para a amplificación. Deixéillela tocar por quenda e un deles fixo un solo soberbio. Lembrei o que contaban da visita de Vargas Llosa ao modesto piso de Borges. Nalgún momento, o peruano díxolle: "¿Y qué hace un genio como usted viviendo en un lugar cómo este?" Entón Borges ergueu: "Buenas tardes, ha sido un placer. Un caballero argentino tiene sus costumbres". Preguntado polo resultado da visita dixo: "Vino un peruano". Debía de trabajar en una inmobiliaria. O resto das butacas fóronse enchendo e cando xa non quedaba ninguén máis por entrar, recibín o sinal para comezar. Tardei pouco en facer rir o público, como xeito de romper a tensión evidente que se respiraba no recinto. E nese intre vin a C e a P. Xente do barrio. E a M e a F, xente doutro barrio tamén. P saudoume a berros e velo alí deixoume sensacións encontradas. Lémbroo ben: un atleta, un rapaz cunha vida dura, pero con sentido do humor. E aquela viaxe no bus do equipo, de adolescentes; nun dos asentos traseiros el mazaba coa súa noiva daquel entón, e unha radio rosa a todo volume ao lado con música de Camela. Anos despois volvémonos ver moitas veces, especialmente de noite. Con C a relación sempre fora máis equívoca: pelexaramos de nenos, un día por Montirón —un barrio de Lugo—. Roubaba bicicletas e mandábaas polo bus de liña á Mariña lucense. Pagábanse ben. Historias peores. Vino moitas outras ocasións: nunha delas levaba tres días sen durmir, festas locais. Pero o feito de recoñecérmonos á porta duns baños evitara unha pelexa segura entre algunha outra xente. 

A infancia enviábame postais á cabeza e o recital continuaba normalmente; o día que alguén me amosara unha porra extensible, o día que lle abriran a cabeza a P dunha pedrada

Así que fixen desfilar os poemas e fun dándolle á guitarra, tentando esquivar o frío do lugar. Ultimamente, teño un par deles cos que poido berrar e tocar máis forte, e por algún motivo é como se me axudase a botar fóra a mala hostia. O público facía o coro con enerxía inequívoca: entre as voces distinguía perfectamente as voces roncas e castigadas algunhas delas polas tumbas da vida. A infancia enviábame postais á cabeza e o recital continuaba normalmente; o día que alguén me amosara unha porra extensible, o día que lle abriran a cabeza a P dunha pedrada, o ovelleiro que á volta da escola ameazaba con matarnos e tempo despois aparecera aforcado, a tarde que un par de compañeiros roubaran a caixa do diñeiro do bus, a noite adolescente que nos deitamos no asfalto da estrada de Palas de Rei, o home do Ford Fiesta Vermello que nos amosou unha pistola naquela noite perdida de verán... Contei algunha historia que puidese deixar un sabor doce para o público, que tivo un comportamento exquisito e entusiasta. Baixei do escenario e P veuse a despedir; coido que nunca me abrazara. Foi un abrazo forte, que combinaba o agradecemento e a rabia. Miroume emocionado por algo que non me dixo. Logo marchou.

Recollín as miñas cousas e despedinme do profesorado e dos funcionarios da prisión. Desandei o camiño e cheguei ao exterior. Despedinme na porta do garda civil e fun cara o coche. O verde da paisaxe e a quietude da mañá parecían igual de impasíbeis ca sempre. Nada lles importa a nosa tristeza ou a inquedanza. Vivimos presos entre Deus e a xuventude; eu non son crinte, pero dalgún xeito todos buscamos unha plenitude. Definitivamente, a visita deixárame o desacougo no corpo. Acendín o coche, puxen a música de Lou Reed e conducín cara a cidade, lembrando o día que Borges fora informado da caída da ditadura militar: estaba na Universidade de Wisconsin, convidado para unha conferencia —esa sorte literaria da que chegou a ser un mestre, ofrecéndose sempre á audiencia cunha humildade exemplar—. Era Halloween e mercara unha careta de lobo. Ingresou na festa con ela posta. A xeito de saúdo exclamou:  el hombre es el lobo para el hombre.

Presos entre Deus e a xuventude.

Duelo no cárcere
Comentarios