domingo. 09.05.2021 |
El tiempo
domingo. 09.05.2021
El tiempo

Vellos abandonados

Nas sociedades occidentais é frecuente a existencia dunha caste de violencia, crecente e en certa maneira naturalizada, que consiste no abandono ao que se ven sometidas ou condenadas as persoas anciáns, as vellas e os vellos. O número de persoas maiores que viven soias e desprovistas de atención humana e social medra día a día e o veleno da soidade, do desleixo e da neglixencia vai convertendo a máis e máis persoas en vítimas e en superviventes.

Segundo informes do INE son máis de 100.000 os galegos e galegas que, con máis de 65 anos, viven en absoluta soidade, e o 74% destes son mulleres. E, segundo datos da Sociedade Galega de Xerontoloxía, na actualidade arredor de 350.000 xubilados maiores de 70 anos viven sós ou en parella, sendo que máis de 55.000 sobreviven en zonas illadas e afastadas, con pensións mínimas, vivendas en mal estado e nula asistencia social.

O problema do abandono e da soidade que afecta á calidade de vida das persoas adultas maiores levou na Gran Bretaña á creación dunha secretaría de Estado para a Soidade, porque, en tal circunstancia, considerouse esta un asunto de Estado, contemplándose como unha verdadeira epidemia social que atinxía a máis de 9 millóns de persoas.

En Galiza, como ben se sabe, contamos cunha das poboacións máis envellecidas do mundo. E os datos existentes sobre malos tratos e abandono dos nosos vellos resultan estarrecedores. A ONG pontevedresa Solidarios Anónimos fixo público un estudo no que se demostra que un 3% dos anciáns galegos, como mínimo, son gravemente 'ignorados' ou maltratados tanto no ámbito familiar como nas residencias xeriátricas en xeral. Mais a cifra non se corresponde coa realidade, porque apenas hai denuncias e reina sobre todo isto un ominoso silencio. ¿Cantos vellos e vellas, con miserentas pensións, malviven hoxe, desatendidos e sós, no noso país? Alguén ten sinalado que o número destes supera xa os 125.000. Mais non existen estatísticas serias e actualizadas. De cando en cando temos noticia de vellos que aparecen mortos sós nas súas casas. Velaí, aos efectos, os informes forenses ou os testemuños de secretarios xudiciais ou empregados funerarios. E pouco ou nada se fai, cando se trata, en realidade, de casos que constitúen unha verdadeira emerxencia social. ¿Que tipo de sociedade estamos construíndo e permitindo? O inhumano acaba sempre por se converter en barbarie.

Vellos abandonados
Comentarios