Opinión

Volumes ocultos

A mostra que se exhibe no Museo Gaiás da Cidade da Cultura amosa unha faciana moi pouco coñecida do pintor pontevedrés Jorge Castillo. A súa escultura reflicte un xogo expandido coas formas que se integran no espazo, nunha nova dimensión da súa xenial arte.

CASTILLO escultor é a mostra que reúne un dos campos de traballo máis descoñecidos de quen é un dos nosos pintores máis recoñecidos e cunha maior proxección internacional. Acoller a obra de Jorge Castillo en Galiza supón recoller o feito polo fillo pródigo que volve a esa casa coa que sempre tivo unha complexa relación. Acostumado a moverse por diferentes xeografías, o pintor nado en Pontevedra en 1933, sempre ten a nosa terra como un acubillo ao que é preciso regresar para renovar ese latexo íntimo coa súa terra, ao tempo que nos amosa partes sobranceiras do seu traballo. Fíxoo en 2017 no Museo de Pontevedra, cunha inesquecible e espectacular mostra antolóxica que, baixo o título de A visión dunha obra, facía un percorrido pola súa obra baixo o comisariado de Pilar Corredoira e agora, da man da mesma comisaria, converte o espazo do Museo Gaiás no lugar sinalado para revelarnos unha parte da súa obra, a escultórica, que, aínda que intuída na súa proposta pictórica, non tivera ata agora unha análise tan polo miúdo.

Camiñar entre as obras de Jorge Castillo ten moito de facelo entre unha das súas pinturas, a carón desas formas que se perfilan sobre uns fondos de cores e nos que a liña define, perfectamente, a potencialidade desas formas para rebelarse ante a planimetría do cadro. A través de debuxos, acrílicos e acuarelas, contemplamos como esas formas xorden do fondo do seu soporte tentando conquistar o espazo exterior. Vémolo tamén de xeito intelixente na conformación da mostra con pezas nas que se conxuga a pintura coa escultura, nun proceso de liberación no que, entre esas dúas técnicas, plantéxase unha lea que pouco a pouco amosa a súa forza cando chegamos á plena escultura, isto é, xa liberada de calquera anclaxe a outro soporte.

Aceiro, bronce, ferro, madeira, e mesmo arxila e cera son os soportes para unha escultura que non deixa de sorprender polo carácter experimental ao que os somete Jorge Castillo dende esa diversidade de materiais, sendo cada un deles capaz de amosar novas posibilidades, de plantexar diferentes solucións, de xerar percepcións sempre particulares ao tempo que enriquecedoras de todo ese universo figurativo e formal que é sempre a rede que suxeita o maxín do seu autor. Pezas que, no caso de materiais como o aceiro, o bronce ou o ferro, traballan máis coa dialéctica entre baleiro e forma, mentres que coa arxila ou a cera a tactilidade dese material acada suxerentes conquistas nas que, como acontece con todo o conxunto da súa obra, a incidencia da iluminación sobre elas abre toda unha chea de posibilidades expresivas.

Jorge Castillo semella ser quen de atrapar esas sombras, de fixalas nunha nova dimensión para que podamos ollalas

E todo isto que estamos a calibrar con independencia dos tamaños dunhas esculturas que se moven dende a cativez dalgunhas pezas de arxila ata as grandes dimensións das súas obras de aceiro corten. Sendo nesas grandes obras onde se contén, de xeito máis específico, o trasvase de bosquexos e dunha figuración, tanto a humana, como a fauna, habituais nas súas pinturas, e que agora conquistan todo o espazo ao seu arredor, e mesmo a un espectador abraiado pola meta acadada ou como expresa a comisaria no texto do catálogo: "...poñen de manifesto a súa capacidade para abordar os dilemas do obxecto escultórico e situalo en diferentes espazos propoñendo novos retos, resolvendo enigmas, engadindo a experiencia ás novas propostas".

Todo ese estudo de soportes debémolo entender tamén como a excusa para suxeitar toda unha ampla reflexión temática arredor da mitoloxía, dos espazos do pensamento, de culturas anteriores que, entre todos eles, xeran o sustrato do que somos. Enigmas dun pasado que se reconstrúe dende a forma e a sombra, dende esa recuperación ancestral dunha realidade abeirada aos reflexos das figuras fronte ao lume cuxas sombras ocupaban unhas paredes nas que se comezaba a relatar a nosa existencia. Jorge Castillo semella ser quen de atrapar esas sombras, de fixalas nunha nova dimensión para que podamos ollalas directamente, como se nós mesmos formasemos parte da propia escultura, da escultura feita por un pintor que non deixa de sorprendernos co seu traballo.

Comentarios