Espantallo amigo

A figura do espantallo, tan familiar en tódolos agros do mundo, é unha inxenua estrataxema feita polos labregos pra defender as súas colleitas das depredaciós dos paxaros.

MÁIS COMO istes rabuñeiros voadores non tardan en se decataren de que os homes de palla son inofensivos, acaban por se rir diles e decorarlles a vestimenta cos residuos da dixestión dos froitos roubados. De eiquí que o espantallo pasara ter o significado de home inútil que infunde un vano temor e tamén de persoa molesta, despreciable e aínda dun tipo finchado e faroleiro que non sirve pra ren.

Por eso ten razón Neira Vilas cando di que hai espantallos que semellan homes e homes que parecen espantallos e aínda pódia que o sexan. Máis co seu arte creador atinou a facer un heroe diste home de farrapos, erguéndoio da súa humildeza pra menos... e pra grandes, feitura e creación do gran poeta que é Neira Vilas, é unha boa persoa, un coitadiño, un soñador que "tiña un corazón mol, coma pantrigo quente e doíanlle as mágoas alleas", por eso iste home de farrapos pasou a súa vida facendo o ben, poñendo paz entre os nemigos naturaes e tratando de arranxar os malentendidos.

Neira Vilas é un dos mellores narradores en prosa galega. Dono dun léxico enxebre, popular e vivido non precisa acudir os diccionarios pra lograr unha expresión que recende a campía. A traveso dos seus escritos transparece a súa i-alma sinxela acugulada de amor á Terra-Nai. Os seus contos teñen a naturalidade do manantío que verque na fontela a traveso da folla da berza posta a xeito de cano e o seu lingoaxe é puro e limpo e sen lixos tremendistas innecesarios que o emporcallen. Leendo esta noveliña pra nenos gozan os grandes dunha paz, dun sosego, dunha benquedanza propia somente das edades e dos séculos dichosos dos que falaba Don Quixote no seus famosos discursos.

A noveliña de Neira Vilas é como un oasis de amor limpo e desintresado, de paz entre os homes e os paxaros


No actual panorama literario de realismos porcos, de psiquismos inquedantes, de truculencias arripiantes e de angurias morbosas e agoniantes a noveliña de Neira Vilas é como un oasis de amor limpo e desintresado, de paz entre os homes e os paxaros, de concordia entre os cás e os gatos e como un degaro d’unha vida sen loitas, sen rencores, sen odios, sen tiros e sen afogamentos atómicos ou pasionaes e como unha arela de tranquilidade, de agarimo que pon de manifesto a i-alma limpa, pura e franciscana do autor, anque as apareciencias nos engañen.

As ilustracións infantiles que acompañan a iste conto engaiolador son as máis axeitadas ó caso e os rapaces que as dibuxaron —os irmaos Alonso Pimentel, Xoán Lucas de Rego, Muñoz Pimentel, Rei Moure e Barreira Vázquez— atinaron a interpretar con grande xusteza o pensamento, a idea e a pantasía do autor. Edicións Celta, de Lugo, deron na diana ca presentación diste libro que pra nós, é o máis logrado de cantos teñen saído desta casa editora embalada nun camiño ascendente digno de loubanza. Pra Xosé Neira Vilas, pra o feixe, ou millor ramalliño de artistas que ilustraron o libro e pra os editores, a nosa noraboa.

[3 de maio de 1971]