O amor, a xubilación e unha viaxe do Imserso a Benidorm

Benidorm. EP
A vida traballando e casados fíxose bóla, pero sen máis guerra do normal. Mentres traballaban os dous: pola semana saír cedo, volver de noite; sábado ir á compra e marchar para a aldea, domingo churrasco cas fillas –se era verán– e cocido se xa andabamos no inverno.

Fóra ela a primeira en xubilarse. Boa falta lle facía. O choio no restaurante, tan físico, tan de ir ás présas, tan de saír ás mil, non era para alguén da súa idade, que pesaba, nin forzas, que non medía. Así a todo deu amañado ca empresa unha baixa longa e medio fraudulenta para quedar na casa o tempo que lle faltaba ata aos 65. Aqueles eses non lle acorda descansar: inda andaba co acelere nas mans, os berros na gorxa e o medo a que a volvesen chamar punzando nos ollos cando miraba o móbil. Pero un día chegou a ditosa carta e aos poucos, axudada polos enfados da familia, foille collendo o gusto por deixar as cousas para cando toque, a non bramar como nun cuartel e a mirar nos calendarios só as onomásticas dos santos.

O primeiro nadal inda botaba de menos os compañeiros, o balbordo. E sufría por eles porque, coitados, era ela, a veterana e un pouco nai de todos, a única que aseguraba que alí non se comese merda, e por riba, fría. Logo xa caeu en que cabróns, deixar que unha vella o fixera todo. Para seguir vendo a xente e non quedar no sofá ou limpando o cociña unha e outra vez mellor apuntarse a algo. As mulleres da aldea falaban ben do pilates que daban na asociación de veciños.
—E non se me fará duro? Mira que non estou en forma.
—Nena, ti serás a máis nova. As demais teñen oitenta anos. Cada unha fai o que pode.

No local vai un calor do demo: as vellas aparcan na porta –incluso as que viven ao lado levan o coche– e algunha vai cas zapatillas da casa, que lle daba frío poñer os tenis. A monitora fai os exercicios e si, sen moita presión cada unha replica como lle dá o xeito; a quen intenta estaricar de máis escápanselle os peidos e por iso o esforzo non está moi ben visto. Ao tempo fallan algunhas das señoras, que resulta van morrendo. A directiva decide cambiar o programa: agora farán un taller de memoria para manter o cerebro activo. En cadernos apuntan adiviñas, problemas matemáticos ou listados de países que empecen pola letra B, que deberán traer resoltas da casa o próximo xoves. Tardan pouco en descubrir o ChatGPT e o taller de memoria acaba nunha carreira de armamentos entre alumnas e monitoras.

Ela anda nunha chea de actividades, e non lle faltan amigas, pero el agora está xubilado tamén. Adaptouse rápido: a fábrica para quen a quixese. Tendo unha horta e a necesidade telúrica de traballala non existe o aburrimento. Descubriu tamén a pesca, que dende cativo lle chamara a atención esa quietude e estar arredado de todo, pero entre ter que gañar a vida, as nenas, xa se sabe.

Ela sempre quixo viaxar. Só foran á Toxa no viaxe de noivos, no 127, eran uns rapaces. Tamén a Santiago, cando a filla máis nova estudaba aí e foron visitala. Viron o piso que alugaran, quedaron tranquilos e xusto cando se albiscaban as torres da catedral el rosmara que había que ir tirando, que non lle gustaba conducir de noite e mañá había que traballar. E aló volveron sen coñecer moito de Santiago.

Insistiu un tempo en que quería ir a eses sitios que di a xente son tan bonitos, á Ribeira Sacra, a Costa da Morte, a Ribadeo mesmo, pero el sempre sacaba a escusa de si vai frío, vai calor, chove, teño que pintar isto, teño que cambiar o outro. Agora xa lle dá un pouco igual a onde a leve, válelle esa fervenza da parroquia do lado, ao carón da cementeira. Se lle insiste e recrimina tantas evasivas retrúcalle perplexo pola fixación:
—Vai ti se queres!
—Parece que non teño marido!

E volve poñer as luvas e camiña ata o invernadoiro que plantou este ano, cando por fin dispuxo do tempo.
Na tele sae Torrevieja a finais do outono, e a xente alí anda na praia e a comer paella nas terrazas. E de sorpresa:
—Pois eu de boa gana ía un par de días.

E manda ela whatsapp polo grupo ás fillas, que miren como van as viaxes do Imserso, sexa en coche ou en avión. Cando unha responde xa é tarde –elas tan rápidas para o que lles interesa, pensa– e non quedan prazas para este ano. Nin para Torrevieja, Benidorm, Mallorca ou a illa da Toxa.