Opinión

As amizades odiosas

Para escapar dos amigos de toda a vida o ideal é facerse millonario, pero o máis socorrido segue a ser casar.
Aneis de voda. PIXABAY
photo_camera Aneis de voda. PIXABAY

Collen unha saba vella, píntana a spray —as letras apertadas e tortas, que nunca foron eles de facer as cousas ben— e chántana diante da túa casa. Ou a dos teus pais, os que sempre preguntan por eles, e respondes:

—Os amigos? Pois como sempre, supoño.

"Despois de moito chingar, estes dous —e alí van os vosos nomes, ben clariños— van casar". Quen non vai querer fuxir de xente que ten estas cousas na cabeza? Os entrañables amigos de sempre, afianzados por trienios de resesa confianza, regálanche estas formas de vinganza e humillación socialmente aceptadas. O das sabas que pola estrada anuncian —á par que dun xeito moi pasivo-agresivo, recriminan— a voda dos amigos está a coller trazas de arte popular. A copla do inicio é unha fórmula xa clásica. Un pouco como que a cabeza non quixo traballar. Ou que non se puxeron de acordo en formas peores. As que mencionan os atributos sexuais da parella tamén adoitan triunfar. Logo están aquelas que con dúas frechas en direccións opostas advirten, apelando o teu nome: voda aquí, prostitutas alá.

Quen sabe! Igual en seiscentos anos, cando esteamos todos separados, haberá estudiados que atopen nas cunetas eses documentos poéticos e digan: pois isto ten que ser igual que as cantigas de escarnio medievais. "A vós, dona abadessa, estas doas os envío, quatro caralhos franceses e dous a prioressa". O que non ten traza de resistir no tempo son as despedidas de solteiro. Miren a lacra que ata os hostaleiros nocturnos, tan relaxados co benestar comunitario, miran que acabar con elas en todas partes. As despedidas, como a guerra ou a epidemia ou unha terminal de aeroporto, desatan o peor dos homes. Unha festa onde case ninguén o pasa ben, e ti menos que ninguén. Entón vai ser normal que as almas sensibles busquen unha maneira de afastarse daquela tropa á que a túa felicidade nin lle interesa nin lle importa. Se tes un rescaldo vingativo faste millonario para esquecer a todo o mundo, como Howard Hughes. Pero claro, acabas toleando e obsesionado cos microbios.

Tampouco hai que irse ao vivir sen amigos non é vivir de Cicerón. Neymar ou Benzema, tantos futbolistas que se viron dende moi novos con guita a valer, fixeron luxosa comuna cos amigallos do barrio. Andan a vivir como cando tiñan trece anos e o mundo era comer pipas na praza. A ilusión é ter neles abeiro, non como as moreas de aproveitados novos que vas coñecendo. H.P Lovecraft andaba un pouco nesas tamén, con pouquiños amigos, pero con eles apenas falaba. Escribíalles cartas. De ata cen folios. Non sei se prefiro unha saba cunha vulgaridade a spray, convencer falsamente a Benzema de que ese rap tan guapo que ten na cabeza hai que gravalo, ou cen páxinas do repunantiño Lovecraft dando a brasa que si os editores son odiosos, que si ogallá morra D.H. Lawrence.

Este habería ser o típico amigo que envía audios de WhatsApp de dez minutos, pero tampouco os reproduces a velocidade acelerada porque síntelo un pouco falta de respecto. Era a clase de xente que tiña sempre a man unha cápsula de cianuro, por se lle daba por aí. O bo de suicidarse é que sempre o podes deixar para outro día, non como o de casar ou mandar aos amigos á merda. Dá un pouco de pena todo o que o rodea, pero o frikismo integral de Lovecraft resulta tan atractivo como a súa literatura. Estaba obsesionado ca xeneoloxía e non parou ata atoparse remoto parentesco co seu ídolo, o fantasioso Lord Dunsany.

Outro que flipaba co narrador irlandés era Cunqueiro, ata traduciu ao galego —nesa concepción imaxinativa que el tiña da tradución— algúns fragmentos de Os mitos Cthulhu, editados por Urco. Quen non ía querer a Cunqueiro como amigo? Polo tempo das San Lucas, que é agora, collía estampiñas e de pan de Mondoñedo para repartilas ás amizades, porque era un destes señores aos que non lles gustaba nada presentarse na casa dos demais a mans baleiras. Pero que tamén era malo de sacar e aí cando estaba a gusto, como se non tivese casa del. E poríase a esbardallar da amizade sen adxectivala con tópicos de incondicional, sincera ou eterna, porque os poetas mal que nos pese teñen esas habilidades. O que non podemos pedirlles a esa xente é un texto para poñer a spray nunha saba contra un amigo que casa; non se entenden nin eles.

Comentarios