Opinión

Cantantes

Por respecto ao público non se poden facer libros de 400 páxinas nin concertos de tres horas, pero hai excepcións.
Orquesta

Houbo lea na verbena. Feridos de diversa consideración. As catro da mañá, máis ou menos. Como debeu ser a cousa diante do escenario, como voarían os cubatas, para que a Cinema, que se presenta como "a orquestra máis agresiva de Galicia", decidise parar o show. Entrarían as ambulancias como Beyoncé no Olímpico de Barcelona: envoltas en brillo e luceiro. Con gran tolemia dos fans. Porque tanto os señores gais de mediana idade que hiperventilan coa Queen B como os espectadores do segundo pase da Feira do Cabalo coinciden en que falando de espectáculo, non sempre menos é máis.

Ao pouco amenceu; no verán as festas non dan cabido en noites tan curtas. Tiñamos que recuperar a de Walpurgis, a das bruxas europeas; cae no primeiro de maio e dá para máis horas de troula. Disque hai akelarres, cóntao Goethe en Fausto (Laiovento), pero é máis divertido o de Paul Naschy en La noche de Walpurgis (FlixOlé) porque fai de lobisome e Barbara Capell de vampiresa sexy. Vale que dende o mes de Eurovisión temos o calendario de festas un pouco a rebentar, pero hai xente para todo. Ata para ir ver a Coldplay. Alí non creo que abra o día derretendo o xeo dos cubatas que quedaron sen lanzar, nin quentando o sangue seco nas luvas que sempre deixan os sanitarios no chan. Os concertos da banda británica é como moi limpiño, moi de pasalo ben sen ofender a Deus. Ata parece que de tanta mensaxe positiva saes mellor persoa só por pasar por alí, como se fose a Porta Santa. Esta alegría e complicidade supostamente contaxiosa a base de catro trucos de cantante de cruceiro —o finado Berlusconi sabíaos todos— é algo espantoso, pero resulta admirable a reconversión dun grupo cuxos inicios, e mesmo o nome, chamaban a un frío melancólico.

O de Coldplay ten mérito, pero o da Orquestra Panorama foi revolucionario. Antes eran una formación como calquera outra, con dous cantando, dous bailando e un repertorio que combinaba música tropical bailable con pezas máis do gusto senil. O que en Asturias chaman orquesta de prau e nós chamabamos simplemente orquestra. Ata que a Panorama inventou o espectáculo total, o esmague dos sentidos: tres, catro horas vomitando —no bo sentido— contido audiovisual sobre un público xa entregado de antemán. A xente alemá, ou que quere ser alemá, cando collen o abono para WagnerFest de Bayreuth irá en ese plan. Xa coñecen as cancións e as referencias todas.

 A Panorama funciona un pouco como a literatura de Ledicia Costas: buscan en Google «Cousas que están de moda/ cousas que lle molan á xente» e méteno todo aí a cachón. Que a rapazada alucina con Bizarrap? Obvio que tocamos a de Bizarrap. Que os señores xa un pouco acabados están a tope co Joker ou ca Marvel? Pois tocamos a de Bizarrap vestidos de Joker pelexando con Thor. Así con todo e con todo o mundo. Que aos verbeneiros de pro, auténticos connoisseurs das orquestras, non lles acabe de convencer a Panorama, e a menosprecen como espectáculo protagonizado polo público non pode sorprender a ninguén.

Los Suaves fai como vinte anos que teñen como cantante principal ao seu público e todos seguimos adorando a Yosi. Tomar estas cousas demasiado a serio é como aquel que escribiu o receitario Cociña de microndas para unha persoa e pretendeu facer gastronomía. Había outro máis triste, sobre como aproveitar os ciclos do lavalouza para cociñar. Metíanse os ingredientes en bolsas e ca auga quente íanse facendo. Ou algo.

Certamente a Panorama non son os que mellor cantan e bailan. Non lles fai falta e tampouco sería xusto. Para iso está o seu complemento, El Combo Dominicano, que sublima o concepto clásico da verbena. Cando prenden esa bomba atómica, el swing del combo, sempre pasan cousas extraordinarias. O malo, que o teñen, é a espléndida monotonía que Pavese atribuía aos grandes artistas. El Combo é merengue acelerado, algunha bachata e outros números simpáticos, como a última Quién le dio mi número al alcohol? (Porque me está llamando), que é unha chaladura mexicana. Non cumpren a sagrada función das orquestras de verán: divertir por igual aos nenos, aos vellos e aos do medio. Hai profesionais cualificados niso. Dentro do estremo tropicalismo, a Fania Blanco Show. Na elegancia suprema, Los Satélites cos seus metais e a prensencia de Noly. Calquera onde cante a volcánica Laura Añón, a Mina Mazzini de Carballo. E La Fórmula con Peke, que deixa abraiado a quen non o coñece, como Saza en La escopeta nacional cando Amparo Soler Leal ameaza con suicidarse: "Pero si es su mujer, por qué la quiere tanto?". Pero si canta tan ben, por que está nunha orquestra?

Comentarios