Opinión

Hartistiñas

Non me crían cando lles reproducín a confesión de Rogelio o Pescador. Como que non lle gusta mazar nos sofás de La Luna?
Bola de discoteca. PIXABAY
photo_camera Bola de discoteca. PIXABAY

O ARTISTA que é, que non perdoa un sábado sen ir a discoteca bailar bachata con xeito e descaro. As vellas tolean por el, obvio, porque ademais liga sen monosílabos nin frases feitas. "Falando! Así calquera!", rosman os señores que co cubata na man e as costas na parede miran como vai o partido do Getafe.

Morrear está ben, pero á nosa idade faltan os labios. Témolos sen forma, sen carne. E tampouco vou ir polas chavalas de corenta, que non ten sentido ningún. Así que para iso, mellor paso.

O razoamento de todo ou nada ha de ser un chisco noso, porque Ramón Sampedro opinaba igual. Xa que estou incapacitado para ter sexo e na miña cabeza unha relación implica foder, prefiro non amar a ninguén. O busto que lle fixeron no Porto do Son é bastante cruel porque sae vello e encamado —non sei se hai máis bustos encamados no mundo— .Vale, que tampouco ía ser como as de César Augusto, que toda a vida o representaron novo, pero que menos que darlle un pouco de poesía mirando ao mar e co pelo movido polo vento, non contra unha almofada resesa. Hai quen prefire darllo todo mastigadiño á xente.

Estas habilidades para complicarse a vida e non sacar proveito serían propios dun tempero artístico. No século XIX. O escritor bohemio e arroutado? Iso non existe agás como disfraz como para quen quere ligar con raparigas ás que cre impresionables. A capacidade de observación, de escoitar e lembrar é opcional, pero os artistas distínguense, antes que nada, por unha prodixiosa capacidade de traballo e se pode ser, unha cara durisima. Fran Fernández Davila vén de gañar o Premio Repsol de Narrativa Breve. A ese evento de greenwashing hai que agradecerlle varias cousas: O derradeiro libro de Emma Olsen de Berta Dávila (Xerais, 2015), o show de hai poucas semanas que rematou coa non-tan-todopoderosa dirección de Francisco Castro na mesma editorial e a hipotética inspiración para certames como o Ence de Ciencia Ficción e Distopía, ou o Torre Núñez de Benestar Animal. 

Na semana do Nobel a un escritor noruegués que escribe en neonoruegués a broma habitual é dicir que nin idea do premiado. Non é por presumir de ignorancia, senón porque a todo, agás que seas Javier Nogueira e teñas un búnker de libros en Lugo e fagas crítica deles tódalas semanas no Táboa Redonda, non se pode estar.

A Fernandez Dávila, xa consagrado si tal cousa é posible neste sistemiña de ascensos curtos e caídas breves, coñecíano aspirantes a escritores de coincidir na liga de relatos de Biosbardia, onde deixou impresión de bonomía persoal, solvencia narrativa e sede literaria. Tamén os xurados dos cen mil premios que hai en Galicia, que son dende sempre "as mesmas quince persoas con forte vocación de permanencia", como se dixo hai unha chea de tempo. Porque este autor, do que se sinala que comezou a escribir hai nada, dez anos —tendo el máis de corenta e un esixente choio na enxeñaría: a vocación serodia non é rara, non ser profesor de instituto si— desenvolveu en tempo récord unha capacidade tremenda non só para dominar a narrativa de adultos, rapaces e ata de facer a poesía, que é unha don marciana: para ganar premios. (Escribir leva unha chea de tempo. Cela, cando escoitaba dicir "pues yo escribo muy rápidoo" respondía "pues bien que se nota") Leva máis de trinta, e o traballiño que dará mergullar ata convocatorias insólitas que acabou por levar, cousas tipo XVI Certame Versos con Morriña Departamento del Cauca, Colombia. Esta especialización nos premios e a brutal habilidade para poñer de acordo posicións tan enfrontadas como o dos premios literarios en galego colócano na antesala do Nobel ou dunhas negociacións de paz en Oriente Medio.

Segundo lle leo nunha entrevista, para el de escribir é un hobby. Que sen os premios igual non o faría, que lle gusta andar a facer novelas e poemas, pero que o que lle pon son os deadlines e os obxectivos. Do affaire na dirección de Galaxia un dos detonantes foi a denuncia do escritor Alberto Ramos que para a edición do anterior Premio Repsol non lle fixeron contrato nin moito caso, todo pouco profesionalizado. Pode a luminaria de Fran Fernández Davila bote luz no camiño a seguir: o amateurismo estajanovista.

"Chego á escrita como refuxio. É un exercicio que recomendo a todo o mundo". Creo que é a primeira ver que escoito a un escritor recomendar ser escritor: xeralmente admiten que o son porque carecen doutra habilidade, literalmente non teñen outra posibilidade e prefiren que un ser querido se meta na droga que na literatura.

—Se ademais mazar non é pa'tanto. O de tempo que che quita de bailar aquí.

Comentarios