Opinión

Que facer nun velorio

Para que un enterro saia perfecto cómpre morrer en certas épocas do ano; as mellores son entre finais da primavera e comezos do verán.
Velorio. AEP
photo_camera Velorio. AEP

De cadrar antes arriscámonos ao tempo das chuvieiras e as friaxes. Unha chea de paraugas abertos dá un empaque fenomenal a calquera escenario, non digamos a cando no cemiterio meten a caixa, pero antes deixan o tanatorio pingando e na igrexa ninguén sabe ben onde deixalos. Cando soterraron a Cunqueiro chovía moito, Mondoñedo, que lles vou dicir. Como foi ao pouco do 23F a xente tiña o suceso na cabeza e o susto no peito. Nesas alturas do ano adoitan darse noticias importantes de máis. O propio dos enterros son as conversas intranscendentes, e debe haber sucesos ben coñecidos sobre os que todos podan botar unha parrafada... pero un golpe de Estado é pasarse.

Silvio Berlusconi fíxoo perfecto. Uns días antes do San Xoán, para que o loito oficial lle coincidise á rapazada case co final do curso e o inicio das vacacións. Morrer no verán é case de mala educación. Un enterro non é mal plan, nin para italianos nin galegos, pero píllanos ocupados. Xa non falamos do calor. Os enterros de estío serán igual de tristes, pero de tan apurados fáisennos máis pesados. Otero Pedrayo finou en abril, que en Ourense adoita saber a xuño. Foi o seu un funeral de Estado, a catedral a rebentar, tódolos curas habidos e por haber, a rúa como se fose un concerto da Panorama, todos expectantes. Otero quixo que lle fixeran a caixa cunha árbore que tiña en Trasalba, que a plantara o pai cando el nacera e que chamaba "meu irmán". Se me poño a imaxinar a escena máis galega do mundo sería a de Ramón e Fita amosándolla ás visitas, en plan "mira, de aquí vanme facer o ataúde". Os de fóra tiñan que flipar co shock macabro. Victoria Armesto tiña case para si o cuarto de invitados en Trasalba. Nas fotos saen os tres sorrindo, cariñosos, mellor que da familia. Coller o coche dende Xanceda e ir pasar uns días era disneylandia: "La deliciosa temperatura, aquel paisaje, una carretera no excesivamente mala, yo al volante...me sentía dichosa de vivir, dichosa de ser gallega, dichosa de estar en Galicia, dichosa de tener coche y por contar con la amistad de don Ramón y doña Fita". Investigar na pulsión cochista da nosa cultura sempre é saboroso: María do Carme Krukenberg gañou rallies de terra. O mesmo Otero envorcou na Coruña cando o ían nomear académico da RAG. Máis pronto que tarde a N-VI ten que ser a nosa Ruta66.

Volvendo ás felicidades de Otero Pedrayo, hai outra foto na que está absolutamente livin' la vida loca: é a festa viquinga de Catoira, na cabeza un casco con cornos, na man un vaso de plástico. Está a berrarlle algo á cámara, como se fose unha story de instagram, igual diserta sobre se o pai de Xelmírez era o comandante desas Torres do Oeste. Ao carón, José María Castroviejo tamén con vaso, e cornos e peneque perdido, índose para os lados.

Berlusconi igual desfrutou da vida máis que Otero, malia todo. Polo menos, se tiramos de arquivo e filtramos as que saen con cara de pasalo ben. Igual sorpréndenos saber que finaron case co mesmo tempo, malia que un fose un vello dende novo e outro tivese esa capacidade, tan italiana, de chegar a ancián semellando dunha idade indeterminada. A iso non podemos aspirar os homes galegos, malia a nosa apetencia por querer aparentar máis novos do que somos. Suplímola, e que algún psicólogo ou poeta nolo explique, vestindo roupa máis pequena da que nos corresponde.

Para os que visitaban o árbore de Trasalba o impacto era a naturalidade ca que presentamos a morte, para nós foi que Silvio non deixase velorio público, caixa aberta nin derradeiras imaxes moi cascado. A nós eses cambios no ritual altérannos no profundo. Inda que non os coñezamos: carecemos, que eu saiba, deses manuais decimonónicos ingleses onde se puña punto por punto como actuar nos enterros. Dinse cousas moi sensatas, como que hai que ser discreto no pranto, que no velorio ten que haber comida e bebida pero en cantidade escasa, que non se pode impor a presencia de ninguén a quen chora por un ser querido. Tamén que hai que ter na casa algún amigo para que coide dela mentres os familiares xestionan o enterro, e que cando volvan hai que darlles algo quente sen preguntarlles. Os neófitos nestas cousas adoitan estar preocupados: que fago nun velorio? E no enterro? Pois tranquilos, que vai todo rápido e natural, e moito hai que meter a zoca para facelo mal. Somos moi do freestyle dentro dunha orde. O morto, se morreu con xeito, non ten traballo ningún.

Comentarios