A lenda da corza do Comeal e Isabelita Perón

Isabel Peron /AEP
O da Corza do Comeal é probablemente un dos mitos máis evocadores da miña infancia

DURANTE as longas noites de inverno, cando aínda non tiñamos televisión, miña nai adoitaba contarme as historias da súa infancia. Historias que, en moitas ocasións, vivira en primeira persoa, e entre as que abondaban as dos escapados, especialmente as dos seus primos David e Alfredo.

David, Velasco, foi un guerrilleiro mítico que tiña o seu teatro de operacións a cabalo da raia fronteiriza que delimita as provincias de León e Lugo. Xunto con el andaba Antonio Fernández Crespo, O de Fonte de Oliva, quen non só sobreviviu a Velasco, morto en combate en 1941, senón que chegou a converterse en adxunto á xefatura da III agrupación da Federación de Guerrillas de León-Galicia, da que foi expulsado polo seu carácter ácrata e insubordinado.

Xa era Antonio un home cumprido cando botou de moza a unha rapaciña, Isabel García Novo, de aínda non quince anos, da casa do Corzo do Comeal; aldea de Cervantes lindeira cos concellos de Balboa e da Veiga de Valcarce. Por eses días xa se perderan as esperanzas dunha intervención aliada en España e os escapados que podían, fuxían a Francia. Dicía miña nai que fora a Corza quen preparara a viaxe co diñeiro que el lle ía dando. Por Cervantes contan que foi un italiano, que traballaba na madeira en Deva, quen os levou a Francia a cambio de dezaoito mil pesetas da época. Outros din que foron no Dodge do Minuto, taxista de Vilafranca. Sexa como fora, o caso é que Antonio Fernández Crespo aparece entre os pasaxeiros que, procedentes de Burdeos, chegaron a Buenos Aires o 24 de xullo de 1949 a bordo do Kerguelen. 

Segundo conta a lenda, Isabel, A Corza, ía con el, pero no barco seica coñeceu a un persoeiro importante da Arxentina, deixou ao de Fonte de Oliva e foise con el. O caso é que nunca máis se soubo dela. De Antonio sábese que casou cunha de Canteixeira, que tivo fillos e que volveu medio de incógnito, unha vez morto Franco, pero pouco máis.

Os da casa do Menor de Moñón, que eran parentes dos Corzos, contaban que a nai de Isabel adoitaba baixar ás feiras da Veiga, e que o facía dacabalo por Valverde e Moñón. Cando pasaba por xunto á súa casa paraba a falar sen baixar do cabalo. Cando lle preguntaban por Isabelita, ela sempre contestaba: "Está moi ben! Con Perón".

En 1955 o presidente arxentino, Juan Domingo Perón, foi derrocado por un golpe militar e, segundo nos conta Horacio Vázquez-Rial no seu libro Perón. Tal vez la historia, empezou un periplo que o habería de levar a Panamá. Aos seus 62 anos, viúvo, despois de dous matrimonios e varias relacións escabrosas, unha delas cunha nena de catorce anos de idade, atopábase só. Acompañábano unicamente seus fieis Isaac Gilaberte e Ramón Landajo, autor este último dunhas interesantes memorias que levan por título Al final del camino.

No seu hotel de Panamá Perón coñeceu á señorita norteamericana Eleanor Freeman, coa que iniciou unha relación, pero a familia da rapaza acusouno de secuestro. Para Vázquez-Rial «los servicios de inteligencia norteamericanos apretaron a los viejos de Eleanor porque había que hacerle lugar a alguien nuevo en el entorno femenino del general, alguien que trabajara para ellos». Esa nova persoa era unha bailarina de terceira clase, de vinte e catro anos de idade, chamada María Estela Martínez Cartas, máis coñecida como Isabel, pois seica tal era seu nome de confirmación.

Isabelita logrou introducirse no círculo de Perón, e Ramón Landajo pon na boca do xeneral as seguintes palabras: "Su llegada me fue anticipada por nuestra gente infiltrada en los servicios argentinos en Buenos Aires. Su infantil ambición de Mata Hari busca rédito económico, más una posible futura notoriedad. Deberán ejercer una estricta y disimulada vigilancia sobre todos los movimientos que haga Isabel, salvo cuando.....".

A historia posterior de Isabelita é relativamente coñecida. Seguiu a Perón no seu exilio en Venezuela, Santo Domingo e España; volvendo á Arxentina para acompañar ao seu marido na candidatura á presidencia, sendo elixida vicepresidenta da nación. Cando Perón morre pasa a ocupar a presidencia, nun dos períodos máis escuros da historia de ese país, estando baixo o influxo do seu ministro de Benestar Social, José López Rega, El Brujo, membro da loxa P2 e fundador da Triple A.

Tenebrosa é tamén a época de Madrid, na que López Rega practicaba a bruxería con ela, tratando de transmitirlle o carisma de Evita a partir do seu cadáver embalsamado. E moito máis a infancia e primeiros anos de María Estela Martínez, dos que moi pouco se sabe. Nacida en La Rioja, abandonou á súa familia biolóxica con 7 anos, ao morrer seu pai, para irse a vivir a Buenos Aires cun matrimonio de espiritistas.

En 1976 foi derrocada por un golpe militar, permanecendo en arresto domiciliario ata 1981, cando se lle permitiu viaxar a España, radicándose en Madrid, onde levou unha vida discreta.

A esa época do arresto domiciliario pertence un recorte de prensa da revista Cambio 16, que se conserva na casa do Menor de Moñón, correspondente a unha entrevista con Alfredo Rodríguez Amigo, natural de Cervantes e xefe provincial en Lugo do Partido Carlista, quen di recoñecer, ao igual que o fan multitude de persoas en Cervantes, á Corciña do Comeal en Isabelita Perón, especialmente na súa voz (debemos recoñecer que Isabelita Perón ten un acento arxentino moi pouco marcado). Abondando en detalles, di que Isabel foi noiva de seu irmán antes que de Antonio de Fonte de Oliva, e cita casas e persoas en Cervantes que poderían dar razón e confirmar a súa teoría. Os que coñeceron e trataron a Alfredo din que era algo bohemio e fantasioso e aos que cita como testemuñas xa morreron; aínda que igual non todos: Isabelita Perón aínda vive.