O cura que pintou as frechas

Peregrinos forman una "flecha amarilla humana", en recuerdo de Elías Valiña, el creador del símbolo de la flecha amarilla para señalizar el Camino /AEP
Co seu documental, Aser Álvarez achéganos á figura de don Elías Valiña, párroco do Cebreiro, erudito, traballador infatigable, impulsor do Camiño de Santiago, e deseñador do seu símbolo por excelencia: as frechas amarelas.

Conta Álvaro Cunqueiro que, camiñando entre Samos e Triacastela, buscou acomodo nunha taberna. En preguntándolle ao taberneiro se xa non pasaban peregrinos, este contestoulle que "por eiquí estivo fai uns anos un francés que botaba coplas. Chamábase don Germán". Tal era a tónica xeral do Camiño de Santiago ata finais dos anos 80 do século pasado. Nas vilas do Camiño, cando asomaba un peregrino, normalmente estranxeiro, era todo un acontecemento; os nenos achegabámonos a velo pasar e, xa pola noite, era tema de conversa en cafés e fiandóns. Cunqueiro cavilou que o tal don Germán non podía ser outro que o poeta simbolista francés Germain Nouveau, falecido en 1920, quen botou unha chea de anos da súa vida peregrinando. Seica peregrinaba vivindo de esmolas. 

Pouco despois da guerra, cando miña avoa Flora enfermou de tifo, a tía Marcelina ofreceuna a peregrinar a Santiago e, en curada, alá marcharon as dúas, durmindo onde lles deixaban e comendo do que lles daban, porque así, igual que Germain Nouveau, era como se peregrinaba antigamente.

En 1951 peregrinou a Santiago, a pé desde Roncesvalles, o antigo líder rexista belga e xeneral das SS, Léon Degrelle, quen publicou as súas notas nun libro que leva por título Mi camino de Santiago. Nel relata as peripecias do seu peregrinar por camiños sen sinalizar e "verdadeiramente infranqueables", así como as súas pernoctas en "fondas infectas". Tamén narra o milagre eucarístico do Cebreiro, "a máis estraña das pequenas aldeas de montaña, con casas ovais —si, ovais—, é dicir, exactamente o estilo das chozas da Idade de Ferro". Da súa igrexa di que "está toda podre polas neves, e o cura, un mozo extraordinario, vive como o máis pobre campesiño, na súa cuadra, entre algunhas galiñas, entre as que me convidou a compartir o seu rústico xantar”. 

Xa ninguén lembra quen era ese cura novo, quizais don Segundo Vence, pois non debeu estar nin un ano. Don Jesús Frey acababa de facerse cargo da súa parroquia natal, A Faba, e don Xosé Alvilares non chegaría ata xaneiro de 1952, segundo nos conta na súa obra autobiográfica Memorial de agravios. Tal era o estado do Camiño e tal era a situación no Cebreiro. Os curas alí destinados procuraban fuxir o máis axiña posible e iso que, segundo lle dicían os fregueses a Alvilares, o Santo Milagre daba moitos cartos.

Así foi ata que, en 1959, se fixo cargo da parroquia don Elías Valiña Sampedro. Un cura novo, optimista e traballador que, onde todos vían pobreza e abandono, el viu unha inmensa oportunidade. Esa é a historia que nos conta Aser Álvarez no seu documental que leva por título Elías Valiña, o inventor das frechas amarelas, a través das testemuñas dos que o coñeceron e con el colaboraron.

Eu cheguei a coñecer a don Elías, pero non a tratalo, pois cando fun traballar a Pedrafita, en 1991, el xa levaba case dous anos falecido. Non o tratei a el, pero si á maior parte dos participantes no documental e, a través del, chegueino a coñecer un pouco, como todos podemos chegar a facelo tamén a través das súas testemuñas perante a cámara.
No documental sae José Manuel, o Navarrín, que foi "o neno que pintou as frechas"; Pili, a quen gardo na memoria e que me agasallou co libro que foi a tese de doutoramento de seu tío; Luisito, aínda un neno cando don Elías morreu, pero non por iso menos cómplice dos seus proxectos. Tamén, aínda que sexa de esguello,

Amelia, a súa irmá e primeira compañeira no Cebreiro, que nos acaba tamén de deixar. Non saen Manolo o Navarro nin Luís, que casaron coa súa irmá e sobriña, respectivamente, e que, como relata Laurie Dennett, formaban tamén parte do "seu equipo". Un equipo que, segundo conta Luisito, seguíao a onde fixese falta sen preguntar, ben fose para plantar árbores, refacer un muro, arranxar unha tubaxe, facer de camareiro na hospedería, ou confeccionar os boletíns do Camiño. Tamén está Laurie Dennett, ou simplemente Laura, a escritora e historiadora canadiana que o acompañou nos seus últimos días.  Completan o reparto seu sobriño Elías, os alcaldes de Pedrafita, Triacastela e Sarria; Paco Castro, o franciscano que está agora ao cargo da parroquia, e Luís Celeiro, seu biógrafo.

Todos eles dan testemuña da excepcional vida de don Elías Valiña. A vida dun visionario que, aínda que nos deixou pronto, tivo tempo a realizar unha obra inmensa; porque ser visionario vale de pouco sen a forza da vontade, sen o traballo diario, sacándolle ao día máis horas das que ten. 

Autor dunha obra literaria e investigadora notable, ninguén sabe cando escribía, probablemente de noite, porque de día sempre estaba noutras ocupacións.

Intelectual, relixioso e home de acción. Só desde esa tripla condición se pode entender o seu legado, que non é outro que recuperar o camiño de peregrinación máis importante da Cristiandade, cartografalo e sinalizalo. Tal era o que facía don Elías cando marchaba coa súa furgoneta cara a Francia, moitas veces en compañía de seu sobriño Jose, e cando pintaba as frechas amarelas que haberían de facer de guía para os peregrinos desa "gran invasión" que estaba a preparar.

Cando Cunqueiro pasou polo Cebreiro, en 1962, don Elías estaba en Francia e o poeta anhelaba esa nova invasión cando escribiu: "Un silencio enorme, un silencio de antes da invención do Camiño, pesa sobre o mundo. Un quixera poboar a infinita soidade do Camiño, ou simplemente ter a man un de aqueles pacientes e esperanzados peregrinos de antano, coa vieira e o ancho sombreiro camiñeiro, co bordón da man, o bordón que no vento do oeste mece a cabaza da auga compañeira, para explicarlles a estes dous nenos do Cebreiro o que é un peregrino..." 

A pesar das súas continuas viaxes, don Elías non descoidou as súas obrigas pastorais. Seu compromiso co Cebreiro mesmo superou as súas obrigas de bo pastor promovendo, non só a restauración da igrexa e convento, que converteu na hospedería de San Giraldo de Aurillac, senón tamén de toda a aldea, xestionando a construción de novas casas, máis acordes cos tempos, convertendo as vellas pallozas nun museo.

A grande invasión viría despois do seu pasamento. Non chegou vela, pero a súa obra permanecerá para sempre na memoria dos homes. Elías, como di Cunqueiro de Germain Nouveau, "andou os vellos camiños que coseron as terras e os corazóns de antano, sen os que Europa —é dicir, a liberdade— non é posible" porque precisamente "Europa fíxose peregrinando" e "Europa e Cristiandade, para el como para Novalis, eran a mesma cousa".