O maior erro de Franco
COMO esta guerra irregular afectou á poboación civil e aos propios combatentes, é o que nos ven a relatar Arnau Fernández Pasalodos no seu libro Hasta su total exterminio. Contábame un amigo como, unha vez, súa nai informou á Garda Civil de onde estaban os escapados. Eles xa o sabían e estaban preparados pero, esa vez, os gardas non foron a buscalos. Unha historia parecida nos contaba Pepe de Fonte de Oliva. Un parente seu estaba no monte e chegou a Garda Civil preguntando polos bandoleiros. Como xa lle pegaran unha vez, nesa ocasión sinalou para unha mata da que saía fume. Seica o garda empezou a chorar, dicindo que xa non volvería ver á súa familia; e acabaron por rogarlle que non dixese nada de aquel encontro. Desta vez tampouco foron a por eles. Ao fin e ao cabo os gardas estaban mal pagados, caía por riba deles todo o peso da represión e, no caso de que falecesen, ninguén amparaba ás súas familias.
Casos como estes son os que documenta Arnau Fernández Pasalodos no seu libro Hasta su total exterminio, subtitulado La guerra antipartisana en España, 1936-1952.
Comezado o alzamento, aplicáronse as instrucións do xeneral Mola: "La acción debe ser en extremo violenta para reducir lo antes posible a los enemigos". Por outra parte, a escaseza e efectivos levou a utilizar o "terror"como estratexia para controlar a retagarda. Temendo polas súas vidas, moitas persoas, comprometidas coa República, escondéronse ou botáronse ao monte co fin de salvar as súas vidas, converténdose en combatentes irregulares.
Con eles, o réxime aplicou a doutrina que viñan predicando os estrategos alemáns desde a guerra franco-prusiana, relativa á eliminación de calquera restrición á violencia executada en teatros bélicos irregulares. Doutrina explicitada polo mariscal Von Moltke, cando afirmou que todo home ou muller que participase en enfrontamentos sen levar uniforme quedaría fóra das leis da guerra. Así, por exemplo, Queipo de Llano decidiu revocar toda oferta de perdón para as vidas dos que se entregasen.
Esta postura, paradoxalmente pouco cristiá, dos sublevados, non só impediu que moitos dos fuxidos se entregasen, senón que arrastrou ao monte a parte das súas familias, fustrigadas polas forzas do novo réxime, que consideraban "auxilio á rebelión" ao feito de proporcionar alimentos ou calquera outro tipo de axuda aos fuxidos.
Rematada a guerra formal, incrementouse a presión do aparato represivo do réxime alí onde se movían as partidas guerrilleiras. O habitual era categorizar eses territorios como zona de guerra, outorgar plenos poderes ao mando militar sobre o terreo e reprimir sen límites, tanto á guerrilla como á poboación civil que se movía neles.
Cando Pepe nos contaba o caso de seu parente, os comensais alí presentes conviñemos que debía ser moi duro vivir naquela época nunha zona como a nosa. Como lle ías negar alimento e auxilio a alguén que era teu fillo, teu irmán, teu amigo? E, por outra parte, se o facías e te descubrían, podías pagalo coa vida. E se te atrevías a delatalos, sabías que os conducías a unha morte segura e, por riba expoñíaste á vinganza dos seus compañeiros.
O réxime non cumpriu as súas ofertas de perdón e a maior parte dos que se entregaron acabaron fusilados. Esta falta de xenerosidade foi a que, non só mantivo, senón que mesmo incentivou a loita guerrilleira.
Un período de guerra irregular
No seu libro El monte o la muerte, Santiago Macías describe o nacemento da Federación de Guerrillas de León-Galicia, probablemente a organización guerrilleira máis importante e efectiva de todo ese período de guerra irregular.
Cando, a finais de 1937, cae a fronte asturiana, moitos combatentes trataron de chegar a Portugal a través do Bierzo, a Cabreira e Sanabria. Unha vez alí, o seu obxectivo era embarcar en Porto cara a América. Pois ben, o réxime, en vez de facilitar esta fuxida, torpedeouna por todos os medios, incluída a colaboración das autoridades portuguesas. Despois de varios enfrontamentos cos gardinhas, non lles quedou outra que dar media volta e establecerse nos montes de Casaio, onde nacería a Federación.
Esta actitude non é moi entendible e contradí non só a Sun Tzu, senón tamén á sabedoría popular cando di "Al enemigo que huye, puente de plata”; tendo como principal consecuencia a prolongación da guerra ata 1952.
Esta prolongación afectaba negativamente á imaxe do réxime nun período no que trataba de homologarse internacionalmente; o que repercutiu nas formas da represión pois, como di Fernández Pasalodos, "se ha argumentado que Franco decidió apostar por la aplicación masiva de la ley de fugas para evitar las críticas que dañaban la imagen del régimen y las posibles sanciones económicas derivadas de los procesos judiciales.”
A lei de fugas aplicáronlla a Manuel Sesé, bisavó do autor e tamén a súa motivación para consagrarse á investigación histórica. Aínda así, non se trata dunha obra que busque o desquite. É máis, a parte final da mesma está dedicada ás condicións de vida da Garda Civil, corpo que cargou co peso das operacións contra estes combatentes irregulares, e que é retratado no libro desde a súa perspectiva máis humana.
Por contra, a obcecación do réxime por combater á disidencia "hasta su total exterminio" provocou, graves perdas humanas, materiais e mesmo ecolóxicas, como a destrución de colleitas, queima de montes e traslados forzosos de poboación para destruír o hábitat dos fuxidos, así como a propia morte de perseguidores e perseguidos. E non só iso, tamén deixou fondas feridas que aínda hoxe en día non están de todo curadas.