Opinión

A carraxe

Non é un suplemento cultural o lugar para analizar a actualidade política e, en particular, todo o que ten que ver co presidente do goberno, Pedro Sánchez
Enric Juliana /TONI CARRIGA
photo_camera Enric Juliana /TONI CARRIGA

Mais, por outra banda, o mercado editorial non permanece alleo á actualidade e, en particular, a un dos principais problemas que os cidadáns detectamos en España: a existencia dun escenario político lamacento, no que os decibelios dialécticos suben ata facer case que imposíbel a discusión construtiva.

Moi distintos comentaristas teñen analizado este fenómeno e, na nosa opinión, un dos máis clarividentes é Enric Juliana, que vén de publicar en Arpa El pacto y la furia. Juliana ofrece un perfil que racha co prototipo de xornalista español: badalonés, adxunto á dirección de La Vanguardia, antigo correspondente dese xornal en Italia —os textos están inzados de italianismos e referencias culturais a un país que, sen lugar a dúbidas, marcou moito ao autor— e cronista parlamentario do diario barcelonés. Ademais, adopta un enfoque progresista nas súas análises, algo tamén escaso nos faladoiros televisivos madrileños.

Traza ou pretende trazar Juliana neste groso volume —supera as seiscentas páxinas— unha historia política de España no século XXI, que comezaría aquí no infausto 11 M. A hipótese do autor sobre o desenvolvemento desa historia política é tan sinxela de expoñer e maioritaria nos foros de historiadores coma impopular no discurso público: a dereita española deste século aparece marcada polas mentiras que seguiron de inmediato á comisión do atentado e o pulo dado a unha serie de medios de comunicación que defenderon unha teoría da conspiración durante anos para despois desenvolver unha política de destrución da imaxe de calquera político de esquerdas. O último, Pedro Sánchez –aínda que, como é lóxico, os recentes acontecementos non aparecen analizados na obra–.

Contra a carraxe ou furia que representa este espectro político aparece a España dos pactos. Como ben sinala Juliana, existe un dato obxectivo: durante os últimos seis anos o Estado gobernouse a través dunha coalición que acordou normas cunha maioría parlamentaria do máis plural, dende unha dereita democristiá nacionalista coma o PNV a unha esquerda postcomunista —e tamén nacionalista— coma o BNG. E non só houbo acordos deste tipo, senón pactos moito máis impopulares —como a reforma da Constitución para asegurar o pago prioritario da débeda— que amosan a boa disposición cando se precisa... E outros transversais e polémicos coma o que resultou na aplicación en Catalunya do artigo 155.

Artéllase toda esta combinación en dous tipos de discursos. Cunha estrutura cronolóxica, cada ano aparece encabezado por un resumo que é o máis valioso do libro. De feito, esas pouco máis de cen páxinas, cunha lixeira ampliación, poderían constituír de seu un cativo volume moito máis interesante. Ese resumo complétase cunha escolma feita polo autor das que considera as súas mellores crónicas políticas e parlamentarias. Non é que carezan de valor estas, pero cun lapso temporal de vinte anos as primeiras aparecen xa descontextualizadas, o que resulta nun comezo do libro frouxo e que pode afastar a potenciais lectores que se atopen nos vinte e moitos anos.

Especial mención merece, por último, o recurso retórico usado por Juliana tempo atrás de dialogar coa testa dun touro morto, Segador, pendurada nun restaurante. É unha porta a esperanza: ata magníficos cronistas coma este poden usar estratexias discursivas pouco efectivas e despois rectificar para nos ofrecer un relato da sempre convulsa política española distinto e enfocado dende unha idea vilipendiada dende hai séculos: a dunha España plurinacional que choca unha e outra vez xa non contra os seus opoñentes senón contra aqueles que, simplemente, a negan.

Comentarios