Opinión

A descuberta de Alemaña

2023040316342269571

Todos temos o noso lado punk e unha parte do meu consiste en admirar Alemaña. Para un galego sen especial relación con aquel país pode semellar algo estraño, mais supoño que conecta co meu lado organizado e respectuoso cunha serie de normas sociais ou costumes. O turismo duns poucos días é pouco significativo, pero en ningures me sentín máis cómodo ca en Munich.

Se esta columna tivese un alcance europeo a miña opinión chimparía do folclórico ao polémico: non hai país máis odiado ca Alemaña en todo o Vello Continente. É algo lóxico se atendemos aos últimos 150 anos: xusto os que cumpriu en 2020 Alemaña tal e como a coñecemos, despois da unificación por man de Bismarck. Neste século e medio non hai país europeo agás Suíza, Irlanda e algún máis que Alemaña non atacase ou invadise.

É unha lousa difícil de erguer... pero pola vía do ensaio literario e sociolóxico tenta facelo John Kampfner nun libro provocador dende o título: Por que los alemanes lo hacen mejor. Kampfner é un moi coñecido xornalista inglés que foi correspondente de diversos medios durante tres décadas en Bonn e Moscova, e residente en Munich e Berlín en distintas etapas das súa vida; polo que mestura no seu traballo a análise profesional e a experiencia persoal. Publica Capitán Swing, desta vez, por certo, cun deseño de portada que chama a atención até ao lector máis descoidado.

Quizais a parte máis feble da obra atópase no seu comezo, unha introdución tirada da edición orixinal en inglés pero que non resulta moi procedente para o lector español: é obvio que no canto disto precisariamos unha pequena análise das complicadas relaciones entre España e Alemaña durante as últimas décadas, marcadas pola boa sintonía entre Felipe González e Helmut Kohl –excelente ata o punto de que non poucos españois seguen a pensar que Kohl era socialdemócrata e non conservador– e pola conversión de Merkel en figura odiada durante unha Gran Recesión que, como agora sabemos, non se xestionou de maneira axeitada.

Superado este pequeno obstáculo o lector atopa un libro entretido e didáctico, con aire de reportaxe xornalística de alto nivel e que, capítulo a capítulo, repasa os principais asuntos da política interior xermana e a súa relación co que ocorre no resto de Europa –iso si, e de novo, sempre cun ollo en Reino Unido–. Comeza Kampfner, de xeito inevitábel, pola xestión da memoria da Segunda Guerra Mundial, mais aquí apenas pode resultar interesante para o lector español, que ten en Núñez Seixas un analista máis fondo e máis achegado a aquela realidade.

Pasa Kampfner posteriormente a asuntos polémicos en Alemaña e no resto de Europa e acada sempre a mesma conclusión: aínda cos seus erros, o país é un modelo para os seus veciños. Case que ningún país podería ter absorbido, na práctica, outro cunha economía moito máis feble sen caer nunha crise social fonda, tal e como ocorreu coa desaparición da RDA; a política migratoria de Alemaña non é perfecta, mais vista dende fóra e analizada por Kampfner semella máis interesante ca de Francia ou Italia; a innovación tecnolóxica e enerxética, a estrutura das empresas e o papel dos empresarios semellan algo envexábel visto dende a perspectiva galega.

Da man do xornalista inglés podemos iniciar unha descuberta da Alemaña actual e agardar a ter unhas vacacións ou estadías alá que nos permitan comprobar a verdade do dito e gozar da que en calquera caso, e tal como se destaca no subtítulo, non deixa de ser a primeira potencia económica do continente europeo.

Comentarios