Opinión

A lingua en perigo

OS MÁIS vellos do lugar lembrarán que esta columna orixinalmente se escribía en castelán. O troco veu motivado por un par de razóns. A primeira, o feito de que eu escollera esa lingua "por defecto", xa que era na que desenvolvía as actividades críticas, mais non a que consideraba a miña lingua materna; a segunda, a necesidade de contribuír á idea de que en galego se pode falar de calquera tema, por complexo que sexa.

Estas razóns persoais, co paso dos anos, pódense ver baixo outra luz. Na década dos 2000 os conflitos lingüísticos, aínda que existentes, eran menos relevantes ca nos 2010. E na Galiza había unha clara conciencia, tamén entre a maioría dos falantes de castelán, de que o galego era unha lingua en perigo. Resulta obvio, se atendemos polo menos aos discursos públicos, que arestora esta percepción cambiou para moitos.

Na nosa opinión a perfecta comprensión dos fenómenos actuais, en calquera materia de coñecemento, só pode acadarse coa axuda da Historia e, no caso concreto exposto, coa axuda da Historia Social das Linguas. Por fortuna entre os intelectuais galegos contamos con Henrique Monteagudo, quen vén de asinar en Galaxia O idioma galego baixo o franquismo, obra que segundo el mesmo declara serve como continuación e conclusión da súa marabillosa Historia social da lingua galega.

Os falantes, aínda que non esteamos cheos de conciencia lingüística, non desenvolvemos a nosa actividade nun baleiro. E no caso do galego o espazo aínda está ocupado, como ben demostra Monteagudo, polas ideas e os prexuízos aparecidos durante o período franquista, cando a ditadura desenvolveu unha política represiva que primeiro consistiu en matar aos voceiros da lingua e despois en impoñer pola forza o castelán e marxinar sistematicamente o galego.

Monteagudo demostra coas súas pescudas que o proxecto de Galaxia foi moito máis alá da publicación en galego

O "éxito" da enxeñería lingüística ditatorial non se pode discutir: os corenta anos de franquismo conseguiron converter un país maioritariamente monolingüe en galego nun bilingüe no que os estereotipos e as actitudes negativas se dirixen de xeito predominante cara a lingua propia. Pénsese, por exemplo, na problematización de algo tan natural como a creación dun galego estándar e dun galego culto –proceso que o autor describe de xeito maxistral valéndose das ferramentas da Sociolingüística–.
Con todo, e como ben demostra Monteagudo, ese "éxito" franquista só foi parcial. De feito, moi parcial. A ditadura pretendía eliminar a lingua e non o conseguiu. Non só iso, senón que a pesares de todas as dificultades, nomeadamente o cárcere, o exilio e a censura, un grupo de homes afoutos crearon a resistencia política e cultural galeguista. Os seus nomes –Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego, Otero Pedrayo e moitos máis– resultan familiares para moitas persoas, mais é quizais este o primeiro libro que lles fai verdadeira xustiza en canto á faceta filolóxica e lingüística.

Convén sinalar tamén un detalle curioso: en poucas ocasións a mesma editorial que publica un libro é peza importante do mesmo. Monteagudo demostra coas súas pescudas que o proxecto de Galaxia foi moito máis alá da publicación en galego. Non se trataba de tirar do prelo libros coñecidos senón de crear un sistema cultural propio, cun idioma que o definise e que puidese coller o tren dunha modernidade que se desenvolvía (e se desenvolve) a toda velocidade.

A lectura da magna obra do lingüista de Muros deixa, á fin, unha pegada que vai da admiración ao desacougo. O primeiro sentimento diríxese a aqueles que, na práctica, crearon o galego contemporáneo; o segundo chega ao pensarmos que o conseguido quizais non abonde para acadar unha supervivencia da lingua a moi longo prazo e que se podan cumprir os fatídicos prognósticos dun Alonso Montero ou un Fernández del Riego sobre a decadencia da fala.

Comentarios