Opinión

Ameixas Verdes e Cabaliño Branco

Li Bai
photo_camera Li Bai

An Lushan era un soldado que nacera na fronteira chinesa cos pobos túrcicos e se dedicara á bandidaxe. Tras medrar nas ringleiras do exército do emperador Xuanzong acadou tal poder que lle deron unha provincia propia. Cando morreu o primeiro ministro do emperador, An lanzou as súas tropas contra o seu sucesor. Os resultados foron a caída de Xuanzong e uns 36 millóns de mortos, unha das meirandes catástrofes da historia da humanidade segundo o historiador Matthew White.

A rebelión de An Lushan ocupa un lugar senlleiro na historia cultural chinesa porque no seu corazón viviron os que se consideran os dous mellores poetas do xigante asiático: Du Fu e Li Bai –Li Po segundo o máis antigo sistema de transcrición, que aínda pode atoparse en certos libros e manuais–. Edicións Cátedra publicou hai uns meses na súa colección Letras Universais unha xenerosa escolma do segundo, intitulada Antología poética, traducida por Guojian Chen. Foi un traballo póstumo, xa que Guojian, especialista na tradución das obras da dinastía Tang, finou, tal e como se nos informa nunha nota inicial, no verán de 2021.

Li Bai
Li Bai

Li Bai viviu unha vida intensa consonte aos tempos que lle tocaron. Se cremos que a súa lírica é unha prolongación da experiencia vital, non sorprenderá atopar como temas fundamentais a natureza e a bebida. Era, en efecto, un bo afeccionado aos licores, místico do taoísmo, que viaxou coma tantos outros peregrinos polas inmensas terras chinesas e que, ademais, puido coñecer o daquela salvaxe sur do país cando o desterraron por apoiar un príncipe disidente á provincia de Guizhou. Di a lenda que morreu ao tratar de coller o reflexo da lúa na auga dun río namentres bebía viño nunha barca, aínda que o parecido coa historia dos seus máis coñecidos versos fai sospeitar da anécdota.

Nada disto importa, en realidade, ao amante da poesía que se achegue a Li Bai. Poeta de verso libre e tamén especialista nas cuartetas coñecidas en Occidente como versos interrompidos juequ na súa tradución do chinés–, pódese observar a configuración orixinal destas en páxina enfrontada polo carácter bilingüe da edición. Aínda que non se coñeza o mandarín, como é o caso de quen isto escribe, a impresión estética permanece.

Natureza, amor e saudade son tres temas universais da literatura e o relevante é o seu tratamento, neste caso cheo de delicadeza e matices. Tomemos como exemplo senlleiro o verso que dá título a esta derradeira peza do 2023. Segundo se nos indica en nota a rodapé da Balada de Chang Gan, cando dous nenos namoran e continúan namorados ata seren maiores dise en China que con ameixas verdes e cabaliño de bambú. É un refrán cuxa paternidade se debe a Li Bai, quen con sinxeleza describe a inocencia coa que uns cativos lanzan froitiñas despois de que el chegue á casa dela arrastrando ese cabaliño no que montar e xogar.

Cun tema distinto pero con afondamento similar aparecen os versos máis coñecidos de Li, os da serie Bebendo só baixo a Lúa. Son catro poemas de soidade, viño e contemplación dos ceos. A sombra e a luz branca da Lúa forman unha dupla que convida ao poeta a pensar en gozar denantes de que remate a primavera, nunha interpretación oriental do tópico latino do carpe diem (Vive o momento). A proximidade das percepcións do latino Horacio e Li Bai fai pensar, precisamente nestes tempos de festa, naquilo que nos une como seres humanos, a pesares da distancia entre culturas, e non no moito que nos separa e semella dominar nos comezos do século XXI.

Comentarios