Opinión

Asuntos serios

Para comezar unha nova temporada de artigos, nada mellor que unha confesión: un servidor ten un sentido do humor bastante especial. Recoñezo a miña admiración por Ignatius Farray e o asunto dos límites do humor non me interesa moito porque creo que non existen. O, problema é que un pasa a vida rodeado de persoas que opinan o contrario, o que sempre dá lugar a situacións incómodas.

Unha das miñas especialidades son os chistes sobre o Holocausto, que só podo facer en ámbitos moi privados porque se trata dun asunto serio. Supoño que se trata dun mecanismo de autodefensa psicolóxica, posto que é un tema que estudo continuamente e para o que se precisa ter certa capacidade de resistencia. Saben quen son grandes especialistas nestas brincadeiras? Os xudeus, como demostra, Jeremy Dauber en El humor judío. Una historia seria. Publica Acantilado, sempre atenta ao ensaio de temática intelectual e rupturista.

 A obra de Dauber parte dun feito certo para calquera que coñeza a cultura estadounidense: existe unha sobrerrepresentación de persoas de relixión ou cultura xudía no mundo da comedia. Calcúlase que os xudeus son un 2 por cento da poboación dos Estados Unidos; pero, por exemplo, cando o presentador de novas en chave cómica Jon Stewart –en realidade apelidado Leibowitz– aceptou o seu segundo premio Emmy, declarou satiricamente no seu discurso: "Sempre crin na diversidade do meu equipo de guionistas: Steve leva barba e JR non é xudeu".

Establece o autor no limiar do libro sete principios básicos para identificar o humor xudeu e desenvólveos con intensidade nas seguintes catrocentas páxinas. Na nosa opinión os tres primeiros son os principais: este humor aparece como resposta ao antisemitismo ou como resposta ás restritivas normas culturais e relixiosas do xudaísmo e ten sempre un toque intelectual –aínda que poda tratar temas populares ou mesmo escatolóxicos–. Un problema que podería detectarse neste enfoque é que os trazos non son particulares desta cultura, posto que o mesmo se podería dicir de grupos coma os ingleses Monty Python.

Tería sido sinxelo para Dauber facer un libro de divulgación para maiorías que se centrase no traballo de famosos estadounidenses coma o citado Stewart, Woody Allen, Mel Brooks ou Lenny Bruce –personaxe este último dun interese pouco explorado en Europa–. Porén, o seu alcance é moito maior e destaca na análise das particularidades do humor yiddish, desenvolvido en Polonia, Rusia e Ucraína dacabalo dos século XIX e XX, cos marabillosos contos de Tervie o Leiteiro –tan simple coma entrañable– escritos por Sholem Aleichem ou as historias do Nobel Isaac B. Singer.

Asunto espiñento é, coma sempre, o tratamento dos textos sagrados. Está claro que a Biblia, con ou sen evanxeos, non é un libro especialmente gracioso, así que Dauber decide concentrarse nun dos seus libros, o de Ester, aínda que para o lector español non queda moi clara a graza do mesmo. Asunto distinto é o do Talmud e as súas prescricións, moitas veces tan detalladas que rozan o absurdo e manexadas por uns rabinos históricos –caso de Hillel ou Akiva, por citar só os dous máis famosos–, que ofrecen as mellores brincadeiras de toda a obra.

Porque si: no caso de que o lector non teña moita gana de mergullarse na cultura xudía, sempre ten unha última posibilidade: ler coma se se tratase dun libro de chistes xudeus, como hai libros sobre o humor de Lepe ou do norte de Francia. Tampouco levaría unha decepción, xa que Dauber ten un xenio indiscutíbel para detectar o humor na súa cultura e poñelo ao noso dispor.

Comentarios