Opinión

Bert, o imprescindible

Bertolt Brecht
photo_camera Bertolt Brecht

Teño un problema coa miña cita favorita, que é de Bertolt Brecht, o poeta e dramaturgo comunista alemán, finado en 1956. Escoiteilla por primeira vez ao cantautor Silvio Rodríguez nun vello disco, como limiar á canción Sueño con serpientes. Úsoa con frecuencia en gradacións e outras cerimonias públicas e privadas. Di que hai homes que loitan toda a vida, eses son os imprescindibles. O problema é que, tras tempo de lecturas e fondas conversas e pescudas acompañado da miña xermanista de cabeceira, a profesora María Arce, cheguei á conclusión de que eses versos non existen. Ou non son de Bertolt Brecht.

Non é a primeira vez que ocorre con Brecht, a quen o imaxinario popular adxudicou durante décadas aquilo de Primeiro viñeron polos comunistas / e eu non dixen nada porque non era comunista, obra en realidade de Martin Niemöller, un pastor luterano. E non se pode dicir que sexa algo que suceda por casualidade: é o resultado da enorme capacidade de Brecht –e colaboradores musicais coma Kurt Weill– para crear cancións a un tempo populares e sentenciosas, algo que podemos comprobar en No pudimos ser amables, unha amplísima escolma en español que vén de publicar Galaxia Gutenberg con tradución e estudo previo de José Luis Gómez Toré.

En España coñecemos a Brecht como autor teatral ou coma mito, posto que obras senlleiras coma O círculo de xiz caucasiano ou a Ópera dos catro cuartos non se representan con demasiada frecuencia. Dramaturgo de indubidábel compromiso comunista –aínda que sempre con posicións moi persoais–, a desaparición dese sistema político reduciu o seu impacto social. Por fortuna, contamos con Miguel Sáenz, quen traduciu o seu teatro completo.

Bertolt Brecht
Bertolt Brecht

Porén, voces tan autorizadas no seu momento, coma o crítico Ranicki, sinalaron acertadamente que tanto ou máis valor tiña a súa poesía, da que aquí temos unha mostra moi ampla organizada de xeito cronolóxico. Esta precisión é importante posto que, como ben sinala Gómez Toré na introdución, a poesía de Brecht sempre foi de circunstancias, unhas circunstancias convulsas: dúas guerras mundiais, a efervescencia de Weimar, o ascenso do nazismo, o exilio, o regreso e a conversión en símbolo da RDA...

Para comezar, Brecht reacciona contra o espiritualismo de Stefan George e a profundidade de Rilke cuns versos de temas populares, en ocasións procaces, e formas da canción oral –que, por desgraza, só poderán apreciar na xusta medida os lectores en alemán, posto que ritmos e rimas pérdense inevitablemente na tradución–; nunha segunda fase, o lector atopa as máis famosas cancións das obras teatrais –aínda que o tradutor non use o clásico español Makinavaja para Mack the Knife–; na terceira, a magnífica poesía comprometida, que segue a citarse, coma no caso das coñecidas Preguntas dun obreiro lector; na cuarta, por veces, un Brecht moi diferente, máis intimista e menos prosaico, que resultará un descubrimento para aqueles que teñan ideas prefixadas.

No 2023 a lírica de Brecht aparece como algo contracorrente e provocador, polo que paga a pena achegarse a ela e abrir novos camiños. Dende os anos 80, coa breve paréntese dos 90, a poesía universal virou cara posicións cheas de referencias culturais, cunha linguaxe complexa e unha reflexión sobre a propia poesía e os eus líricos. Porén, Brecht ensina o lado poético da realidade cotiá, cunha linguaxe coloquial –e por veces vulgar, coma nos seus menos coñecidos, pero valiosos, poemas eróticos e sexuais– e temas sociais abordados con toda a crueza do escritor formado nos clásicos –sobre todo, bíblicos– pero en nada alleo a aquilo que o rodeaba no día a día nos cabarés e salas de teatro da República de Weimar e a RDA.

Comentarios