domingo. 17.11.2019 |
El tiempo
domingo. 17.11.2019
El tiempo

Camus: de Arxelia ao absurdo

Albert Camus describiu unha ampla gama de emocións humanas na súa novela A peste (1947). Agora aparece publicada en galego por Hugin e Munin

VILLEBLEVIN É unha vila que non chama demasiado a atención dentro do panorama francés. Non ten un grande castelo, non está no curuto dun dos cumios nos que remata o Tour, alí non naceu un grande pintor nin se mediron os exércitos dos francos, os musulmáns, os prusianos ou os suecos. Atópase en Borgoña-Franco Condado e non chega aos dous mil habitantes. pouco máis ca unha aldea na campiña gala.

Pero o día 5 xaneiro de 1960 ocupou as portadas de xornais de medio mundo. O día antes Michel Gallimard, director da mellor colección de literatura do mundo, a Biblioteca de la Pléiade, e posíbel herdeiro do imperio literario creado polo seu tío Gaston Gallimard, saíra ao volante dun Facel Vega, espectacular deportivo, da casa na zona vinícola do Lubéron que tiña o famoso escritor Albert Camus. Pasaran o Anovello lonxe do bulebule parisino. Contra as dúas da tarde Gallimard conducía a toda velocidade por Villeblevin cando o automóbil fixo un estraño e marchou contra un plátano. Camus morreu instantaneamente e Gallimard tras unha agonía que tivo en vilo a toda Francia cinco días.

Remataban así con só corenta e seis anos a vida e a carreira literaria do máis grande escritor francés da posguerra, aquel que recollera ao seu modo a antorcha dos Balzac, Flaubert e Gide, o home destinado a tender unha ponte cultural entre a Francia colonial e a potencia en decadencia que aínda arestora procura o seu lugar xeopolítico e intelectual sen ser quen de conectar nin co pasado revolucionario nin coa Resistencia que representa Moulin.

Hai uns anos o meu director de tese díxome que tiña que aprender francés de cara ao camiño que tiña por diante. A intuición levoume cara a Albert Camus, coa súa prosa limpa e os seus acenos ao lector. Resultaba curioso que a mellor narrativa na lingua de Racine ou Proust quedase nas mans dun home que segundo os criterios por entón manexados pola daquela emerxente —agora consolidada— Fronte Nacional nin sequera era francés. Nado en 1913 en Mondovi, actualmente Dréan, unha pequena cidade arxelina, era fillo dun traballador do viño e unha dona de orixe menorquina que aínda conservaba a lingua española.

Un par de semanas atrás o presidente do goberno Pedro Sánchez deixaba unha desas perlas que de cando en vez soltan os políticos españois cando se teñen que mergullar no "duro" mundo da cultura e falaba do noso autor como "vello poeta arxelino". Axiña lle saltou ao lombo a dereita mediática lembrando a súa condición francesa. Craso erro dos cipotudos comentadores, xa que Camus non se identificou nunca nin como unha cousa nin como a outra senón coma pied-noir. Os pés negros eran os franceses que se instalaran en Arxelia como colonos dende metade do século XIX.

Ao principio o termo era pexorativo e probabelmente fixese referencia á pobreza coa que se chegaba ao norte de África, pero co paso das décadas agromou unha cultura propia representada na súa idiosincrasia máis pura por Camus, quen nunca renegou das súas orixes e de feito elixiu como xornalista ser corresponsal na terra natal e contar como a FLN (Fronte de Liberación Nacional) de Ahmed Ben Bella sementaba o terror para conseguir unha independencia que chegaría en 1962, dous anos despois do pasamento do escritor. Camus sabía ben o que era a pobreza: os seus primeiros estudos leváranse a cabo con dificultade e na metrópole tivera que sobrevivir como puidera con pequenos traballos como actor e xornalista.

Estamos en abril de 194... e as ratas comezan estrañamente a morrer nas rúas de Orán

En plena Guerra Mundial Albert Camus publicou O estranxeiro. En 1943 saltou á fama con A peste, agora traducida ao galego, novela na que acertadamente moitos viron unha alegoría da Francia pechada e en mans dunha terríbel enfermidade, a do nazismo. Estamos en abril de 194... e as ratas comezan estrañamente a morrer nas rúas de Orán. O doutor Rieux trata uns cantos pacientes e pon en marcha o diagnóstico dun andazo de peste bubónica, a terríbel enfermidade medieval que se cría erradicaba do Occidente civilizado. As autoridades deciden pechar a cidade sen excepción —a pesares dos tenros intentos do xornalista Rambert— e o que se podería presentar como unha traxedia tórnase nun canto aos mellores valores da humanidade.

Aqueles que procuran unha distracción ou están inmobilizados polo mal aproveitan a súa difícil situación para se enriquecer persoalmente e comezar unha loita chea de coraxe. Paseniño descende a incidencia do mal —todo un símbolo do que ía suceder finalmente coa epidemia do nazismo en Europa e en particular na Francia metropolitana—, a epidemia remata, a cidade recupera a liberdade e os seus habitantes entréganse de novo ao sono da inconsciencia, a esa paisaxe arxelina de calores, mares escintilantes coma un espello e soles que cegan a homes coma Meursault, o protagonista de O estranxeiro. Só Rieux, narrador e símbolo do humanismo, permanece en garda permanente para que o bacilo da peste non retorne endexamais.

Á marxe das súas mellores obras, Albert Camus non é un persoeiro estraño no noso contexto. Ten unha estraña e forte relación coa cultura galega a través de dous persoeiros ben distintos. Xosé Manuel Beiras venérao e traduciu esa obra mestra da relación entre o absurdo e a violencia que é Calígula: ten declarado en numerosas ocasións que el unha das súas inspiracións en canto á actitude ética de solidariedade fronte á opresión de todo tipo e tamén en canto ao concepto da creación artística.
María Casares merece comentario á parte. A pesares de que os premios de teatro galegos leven o seu nome, trátase dunha figura que non recibe recoñecemento abondo nunha sociedade que vive en xeral de costas á cultura. A actriz era coruñesa e filla de Santiago Casares Quiroga, o político e primeiro ministro republicano que tivera que se exiliar a París tras o golpe de estado franquista. Coñeceu a Camus en casa doutro escritor, Michel Leiris, e axiña se fixeron amantes. A relación durou quince anos e quedou recollida nun longuísimo epistolario, de case que 1.300 páxinas, que hai uns poucos anos publicou Gallimard despois de que René Char entregase as que Camus gardaba de Casares.

Eu coñecín á actriz na magnífica entrevista que lle fixo Joaquín Soler Serrano en 1981 e que se pode atopar en rede. Fuma un cigarro tras outro nunha sucesión que sorprende ao espectador actual, que xa non é quen de recordar a relación de tabaco e televisión. Xa ao final da conversa aparece a figura de Albert Camus: o amor, a amizade, a educación... A vida con el era unha cousa e sen el outra moi distinta, di María Casares. Non semella que haxa mellores definicións do amoroso.

Con ou sen o amor de María Casares, na base da obra camusiana está sempre o problema do absurdo, agora asolagado no medio da nosa modernidade líquida. Os seus personaxes procuran unha razón para a existencia e ao non atopala rematan por se converter en estraños para eles mesmos. A alegoría do nazismo en A peste é poderosa, pero mingua ao se comparar cunha aínda maior: a da mesma condición humana. Mesmo nas circunstancias máis extremas e desesperadas pode agromar o heroísmo, sempre que se vivan a vida e a condición humana con lucidez e plena conciencia de que o mundo é un absurdo no que, como afirmou o existencialismo, a única certeza que posuímos e a da fin.

Camus: de Arxelia ao absurdo
Comentarios