Opinión

Cara a onde imos

NON É A MIÑA intención poñerme aquí apocalíptico con respecto á educación. Semella evidente que estamos ás portas da aprobación dunha nova lei en España e na Galiza, outra norma que probabelmente non arranxará demasiado porque, para comezar, creo que non se consultou cos docentes. E tamén semella evidente para calquera que estea nas escolas e institutos que hai dúas afirmacións aparentemente contraditorias pero certas: que os mozos de agora son a xeración con máis posibilidades de todos os tempos… e que a súa aprendizaxe vai cada vez a peor.
p25_cambridge-don-1

Dentro de todas as declaracións que houbo nestes meses a causa dos sucesivos procesos electorais escoitei falar da posibilidade de introducir varias materias novas, pero non escoitei a ninguén —nin sequera a Pedro Duque— falar da necesidade de reforzar os coñecementos científicos históricos. Pode parecer unha parvada pero resulta fundamental no mundo da posverdade e os fluxos infindos de información. Pensemos en que existe unha corrente de terraplanistas, ou o que é o mesmo: hai millóns de persoas que non están en disposición de saber o que Eratóstenes de Alexandría sabía hai vinte e tres séculos.

Namentres imos arranxando o que deben e non deben estudar os homes e mulleres do futuro outra posibilidade é ensinar aos adultos mediante a lectura, por exemplo con Los orígenes de la ciencia moderna, un clásico da historia científica obra de Herbert Butterfield, un historiador británico que paradoxalmente non tiña moito que ver coa ciencia, pero que, quizais por iso mesmo, fixo unha obra mestra sobre a cuestión. Publica Taurus na valiosa colección de Clásicos Radicais, que está a recuperar libros descatalogados que, na súa maior parte, pagan a pena e moito.

A proposta é sinxela e non difire moito doutras similares levadas a cabo por autores coma Thomas S. Kuhn ou, máis recentemente, David Wootton: situarse na obra de Copérnico e analizar como o que sucedeu durante os dous séculos seguintes cambiou os paradigmas de pensamento até converter a nosa sociedade no que é agora mesmo. A perspectiva é un chisco diferente, xa que Butterfield céntrase nos obstáculos que tiveron que superar as novas ideas dentro da mesma ciencia e non tanto fóra dela. É un asunto tratado con frecuencia cando se analizan, por exemplo, as relacións entre Igrexa e ciencia; co caso de Galileo como bandeira.

A idea de método científico está hoxe asentada mesmo nalgunhas ciencias humanas. Filólogos e historiadores reclamamos o estatus científico das nosas disciplinas. Esa idea transformou radicalmente o mundo renacentista, pero non naceu sen dificultades. A máis grande tivo que ver co paradigma creado por Aristóteles. Butterfield demostra con grande acerto por que a revolución copernicana que outros afirman non foi tal. Máis ca un troco radical o que ocorreu foi unha transformación paso a paso, na que cada xenio (Brache, Kepler, Galileo, Descartes…) cambiaba unha peza illada do quebracabezas sen rematar de comprender que debía deixar de modificar aquel sistema, tiralo ao lixo e comezar un novo por completo. O heroe, coma case que sempre nestas historias e máis aínda nas anglosaxonas, é Isaac Newton, quen rachou definitivamente co mundo antigo e medieval.

Básico para entender onde estamos e cara onde imos é onde estivemos hai uns séculos. Endexamais dispuxeron as persoas e os estudantes dun volume maior de información co que traballar e o problema resulta cada día máis evidente: para dixerir ese banquete precisamos guías, ferramentas que nos axuden a traballar con criterio. O libro de Butterfield, por curto e claro, é unha delas e non das menos valiosas.

Comentarios