Opinión

Co lapis na man

Jürgen Habermas. JESÚS DIGES (EFE)
photo_camera Jürgen Habermas. JESÚS DIGES (EFE)

Jürgen Habermas é o último grande filósofo, un clásico que se mantén en activo namentres se cita en libros de Historia da Filosofía ou temarios de oposición coma se levase medio século morto. Tamén é un xigante intelectual cunha lonxevidade que se achega arestora ao territorio do mítico, xa que, con 92 anos vén de publicar en español o primeiro volume da súa definitiva Una historia de la Filosofía, dedicado ao que el chama A constelación occidental de fe e saber.

O orixinal alemán apareceu hai catro anos, cando Habermas só contaba con 88 anos. Un raparigo. Publica, coma sempre no caso do filósofo nacido en 1929 en Düsseldorf, a editorial Trotta, nun esforzo inxente, posto que cando se complete a obra co segundo tomo estaremos preto das dúas mil páxinas, un volume impresionante para estes tempos de edición turbulenta.

Habermas é o grande representante da segunda xeración da coñecida Escola de Frankfurt, fortemente influída en orixe polo marxismo. Porén, a súa visión da historia da filosofía afástase deses postulados para se centrar en tres conceptos básicos: o de pensamento postmetafísico –aquel que se desenvolve nas sociedades seculares actuais e que, en xeral, superou as visións dun Hegel ou, máis preto de nós, un Heidegger– e os de fe e saber, fortemente interrelacionados segundo se indica no subtítulo. Non atoparemos, polo tanto, unha acumulación de biografías, obras e ideas principais, senón un libro de filosofía cuxas ideas quedan comparadas e en permanente tensión coas dos pensadores anteriores ao autor.

Isto provoca que teñamos que facer unha lectura demorada no volume. Non Habermas autor de consumir a velocidade de best seller, senón de ler co lapis na man. Aínda que non use esquemas, utiliza con frecuencia a división en puntos numerados que se desenvolven por extenso; dá por sabidos conceptos coma o de era axial, creado por Karl Jaspers e con pouco percorrido na historiografía española e mesmo anglosaxoa; a prosa é de gran calidade pero moi densa, a pesares da axuda das continuas cursivas, que permiten detectar a golpe de ollo os conceptos que, necesariamente, hai que comprender para avanzar na lectura.

O desafío lector paga a pena mesmo no caso de que se estea en desacordo coas ideas básicas de Habermas, como é o noso caso. Aínda dende unha perspectiva materialista e que rexeita o papel activo das relixións e a espiritualidade relixiosa nesta era postmetafísica, só se pode eloxiar os esforzos do filósofo alemán para explicar de que xeito as ideas espirituais e a relixión se transformaron en saberes sometidos a unha xustificación racional. A análise deste proceso parte do pensamento mítico –ao que se dedican unhas 250 páxinas que se poden considerar introdución á historiografía propiamente dita– e continúa pola creación das grandes relixións ata o platonismo, que ocupa un lugar senlleiro.

A xenialidade de Habermas esténdese ata o punto de formular el mesmo a crítica principal que merece a súa obra: ao conectar fe e saber, a presenza da filosofía de Platón e os seus sucesores intelectuais resulta abafante, ata o punto de case que ignorar ata ben entrado o ensaio a Aristóteles. Quizais sexa unha falla menor neste primeiro volume, pero nun segundo volume que terá que tratar da secularización das sociedades dende a Revolución Industrial e as súas consecuencias científicas e ideolóxicas pode lastrar o resultado global. É probable que non ocorra, pois é ben sabido que o noso autor é unha das grandes luces dos séculos XX e XXI, e máis consciente foi el do camiño que quería percorrer do que somos os seus lectores e críticos.

Comentarios