A epopea intercontinental

Emigrantes gallegos. AEP

O meu pai naceu en Barcelona, miña nai en Cantabria. Parte da miña familia materna está aínda en Venezuela e grazas a ela miña nai tivo un teito definitivo na Galiza. Parte da miña familia paterna está en Brasil e algunha persoa andou por Suíza xa nos sesenta. A miña dona aporta a esta xeografía familiar Cuba e Alemaña. Xente que me coñece di que ando moi pendente do móbil e eu sempre retruco que xa me gustaría, pero que os meus mellores amigos andan por León, Barcelona, Escocia ou Bélxica —son os novos emigrados xa— e síntoos máis preto ca outra xente coa que partillo moito máis tempo.

Supoño que esta que veño de describir é a realidade dunha altísima porcentaxe de lectores desta peza: ensínenme un galego que non teña esta conexión coa emigración e estarán a me ensinar un marciano. Aínda arestora Bos Aires é a meirande cidade galega. En América naceu Castelao e viviron nun ou noutro intre as principais plumas do país. O himno galego de Pascual Veiga non se estreou en Mondoñedo, senón na Habana. E por iso precisábase un libro que recollese a historia desa epopea entre dous continentes.

Non é atrevido afirmar que agora si temos ese libro, con todos os respectos para o moito que se leva escrito sobre a migración na Galiza en todos os xéneros. Trátase de O país invisible, do xornalista coruñés —e despois tamén arxentino, segundo el mesmo conta nun dos capítulos máis apaixonantes da súa obra— Arturo Lezcano, subtitulado como A epopea atlántica da diáspora galega. Difícil dicir máis con menos. Publica Libros del K.O., algo insólito sen dúbida: selos madrileños a publicar en galego non abondan. Teño para min que a experiencia de Fariña de Nacho Carretero algo tivo que ver coa decisión.

O país invisible é unha mestura de historia académica —sen notas a rodapé, que non son necesarias, pero si co rigor necesario—, xornalismo de investigación, autobiografía, libro de viaxes e historia oral. Como é lóxico, hai unha xerarquía en todo isto, pois a base está na voz narradora de Lezcano e a súa experiencia persoal como viaxeiro e habitante por toda a América galega: sen os doce anos que botou do outro lado do océano como correspondente de prensa, tal libro tería sido imposíbel de escribir. É a voz narradora dun xornalista con evidente facilidade para a historia, o que fai que un pase as páxinas con toda facilidade.

Outro trazo que, pensamos, converterá este libro nun deses clásicos que, ademais, terá longo percorrido en canto a vendas é a capacidade de Lezcano para seleccionar historias entre os millóns que podería relatar. Centrado nas capitais e cidades máis importantes da diáspora —Montevideo ou Caracas, pero tamén Bahia ou os territorios da Canle de Panamá—, o autor é quen de mesturar con paixón as experiencias de Fidel Castro e a súa familia coas dun paisaniño que sobreviviu á malaria e á febre amarela para construír a canle marítima máis importante do mundo, un futbolista manco campión do mundo con Uruguai en 1930 cun socio de Lucky Luciano. E cando chegamos ao final das pouco máis de seiscentas páxinas, fenómeno pouco frecuente, preguntámonos por que o noso autor non escribiría o dobre... ou se desexaría facer unha segunda parte dedicada á diáspora europea dos sesenta. Por pedir, que non quede.