Opinión

Creadores do noso mundo

Karl Popper. INTERNET
photo_camera Karl Popper. INTERNET
Grande éxito literario de Stefan Zweig en España, un pouco incomprensíbel para os coñecedores da literatura austríaca do século XX, baséase sobre todo en El mundo de ayer, un libro que máis dunha década despois da súa primeira edición española continúa entre os mil máis vendidos no xénero da ‘Ficción Contemporánea’ nas plataformas de venda en liña. E El mundo de ayer é á súa vez a base da existencia dunha certa idea de Viena, a grande capital do centro de Europa, cos seus cafés, a Ringstrasse, as súas óperas, os cadros de Klimt e Schiele, as clases de ciencia de Mach e Boltzmann... En resumo, a Viena de El genio austrohúngaro de William Johnston, verdadeira obra mestra sobre o asunto. O caso é que xa moitos tiñan sinalado que a visión de Zweig era ideal e, en esencia, falsa —ou polo menos estreita de máis—, mais faltaba un libro que abordase de xeito definitivo e dende o punto de vista da Historia máis neutral non só a Viena da primeira década do século XX senón a capital de Austria até o Anschluss, a incorporación do país a Alemaña nazi, despois do cal nada volveu ser o mesmo. Chega agora a España, no selo Pasado & Presente, este necesario libro baixo o título Viena. La ciudad de las ideas que creó el mundo moderno, da pluma de Richard Cockett, editor dunha das revistas máis prestixiosas do mundo, The Economist.

Non renuncia Cockett ao relato ao que faciamos referencia no principio deste artigo, pero xa dende o limiar denuncia que é incompleto porque, na práctica, se detén en 1916, co pasamento do emperador Francisco Xosé II, ou, como moito, no final da Primeira Guerra Mundial, que trouxo consigo a fin do Imperio. Isto deixa fóra o que resultan ser as outras dúas partes do seu estudo: ‘a Viena Vermella’ e a contribución dos emigrados austríacos ás sociedades estadounidense e británica.

En canto ao primeiro, esquécese con frecuencia —e é magnífico que Cockett o reivindique— que despois da derrota austríaca na Grande Guerra non se produciu unha apocalipse ou un diluvio. De feito desenvolveuse o coñecido coma "Círculo de Viena", ao que pertenceron estudosos coma Karl Popper, e instalouse unha república que tomou toda unha serie de medidas sociais lideradas por Otto Neurath. Malia que este filósofo e político dirixira a efémera República Soviética de Baviera, en Viena non tomou medidas revolucionarias senón asociadas ao que agora chamariamos "estado de benestar", en especial coa vivenda, en urbanizacións que seguen a se usar arestora.

Rebeldes contra as ideas "socialistas" de Neurath, un grupo de economistas e filósofos lanzaron un programa liberal e libertario que, tal e como asenta e expón Cockett, aínda marca o paso das nosas ideas económicas. A pesares do valor dos estudos de von Mises ou Schumpeter, a figura salientábel na obra é a de Friedrich Hayek, quen aparece baixo unha positiva luz —lóxico se temos en conta que The Economist é a principal defensora do liberalismo económico na prensa europea e case que mundial—que ignora os máis recentes feitos, relacionados coa importancia da economía planificada defendida por outros científicos austríacos para a solución da pandemia de covid 19. En poucas palabras, é Viena un dos grandes ensaios da temporada de primavera, unha peza necesaria para completar o crebacabezas intelectual da Austria de preguerra e a súa influencia nas nosas vidas tamén, e por certo, cunha atención moi necesaria á aportación das mulleres e da minoría étnica dos xudeus, permanentemente discriminada no Imperio e despois asasinada nos campos de concentración impulsados por outro personaxe daquela Viena, o sinistro pintor Hitler.

Comentarios