Opinión

Crise no sistema

CALQUERA teórico sabe que nos sistemas literarios prodúcense momentos de crise. Os galegos tendemos a analizar os que corresponden á nosa literatura e non miramos moito alén Pedrafita. Porén, é posíbel que esteamos a deixar pasar unha boa oportunidade de minguar os nosos dramas por non atender ás relacións entre o sistema literario español e un aínda máis grande: o inglés.

Benjamín Labatut. EFE
Benjamín Labatut. EFE

Nos últimos meses dous autores latinoamericanos, o arxentino Hernán Díaz e o chileno Benjamín Labatut, tomaron a decisión de publicar as súas novelas directamente en inglés e non en español. Pode que non sexa casualidade, no caso de Díaz, o feito de que cambiasen os criterios do Pulitzer, un dos premios máis prestixiosos do panorama internacional, para que agora poda premiarse a autores non estadounidenses sempre e cando vivan no país das barras e estrelas. Labatut, que foi finalista do Booker Internacional —outro premio de grande importancia— con Un verdor terrible, conta coa particularidade de ser bilingüe dende o berce, posto que naceu en Países Baixos e só chegou a Chile, o país da súa familia, na adolescencia. En calquera caso, a súa última novela, Maniac, está destinada a ser a grande sensación do Nadal literario en español... a pesares de ser unha autotradución do inglés —mellorábel, por certo, xa que non é sinxelo ver a científicos de orixe centroeuropea usar verbas e expresións populares chilenas, ou españolas para o caso—.

Os tradicionalistas da novela cremos no valor da ficción. Se está vostede no noso bando, o daqueles que procuran a creación dun mundo posíbel, conectado á nosa realidade pero cun funcionamento autónomo, Labatut non é o seu autor e Maniac non é a súa novela. Como xa fixera no seu anterior éxito, o autor chileno xoga ao experimento posmoderno da mestura de novela e ensaio, con moito do segundo e pouco do primeiro. Non obstante, e para ser xustos, hai que sinalar que o uso do multiperspectivismo e diversas voces narradoras funciona moito mellor aquí ca en Un verdor terrible, o que fai o texto máis lexíbel e completo dende o punto de vista narratolóxico, ademais de máis convencional para o lector medio.

A fortaleza da obra de Labatut atópase na súa temática, moi traballada no mundo anglosaxón —como demostra o Oppenheimer de Nolan— e non tanto no mundo cultural do castelán, posto que este estivo á marxe dos grandes avances científicos do século XX, en especial os relacionados coa matemática e a física cuántica. Xira a novela arredor de dous xenios moi distintos: o matemático Johnny von Neumann —vello coñecido desta sección e, probabelmente, o home máis intelixente de todos os tempos— e o xogador de go Lee Sedol —cun breve limiar dedicado á triste historia de Paul Ehrenfest, xenio matemático que se suicidou despois de asasinar o seu propio fillo—.

A conexión entre o húngaro Neumann e o surcoreano Sedol atópase en que un invento do primeiro –as computadoras e os cálculos que levasen a unha intelixencia artificial autónoma– permitiu a derrota do segundo no go, o complicadísimo xogo asiático que consiste en colocar pedras e brancas nun taboleiro con interseccións entre 19 liñas horizontais e verticais. 

Non deixa Labatut moita marxe a que o lector saque conclusións orixinais. Estamos nos tempos do cuestionamento ético da intelixencia artificial e o autor chileno demostra co seu relato, case carente de elementos ficcionais aínda que non de dramatismo, que é posíbel que as máquinas excedan con moito as nosas capacidades, ata superar as dun von Neumann a quen os distintos narradores consideran alguén case extraterrestre.

Comentarios