miércoles. 01.04.2020 |
El tiempo
miércoles. 01.04.2020
El tiempo

Decepcións

Nesta columna teño expresado en máis dunha ocasión a miña admiración pola cultura xudía nas súas máis diversas manifestacións: o amor pola lectura, o feito polos científicos nos enormes avances científicos do século XX —en especial na física cuántica—, a presenza en España tal e como a recolleu Yitzhak Baer na súa obra mestra, as particularidades da cultura yiddish de Isaac B. Singer ou Der Nister, a figura inabarcábel de Kafka…

E NON PENSEN que isto é algo pouco arriscado no terreo cultural, xa que é corrente que estas gabanzas teñan a resposta de trazo groso que confunde cultura xudía, hebrea e sionista ou, peor aínda, que xogan perigosamente cun antisemitismo renacido.

Por iso cando atopei na libraría Cuando Einstein encontró a Kafka, do historiador e xornalista Diego Moldes, galego ademais, non dubidei en facerme con el e lanzarme á lectura con ilusión, algo pouco frecuente nos críticos. A proposta era do máis atractiva: un repaso ás contribucións dos xudeus ao mundo moderno. E no principio pensei que non me enganara. Moldes, coñecido no eido intelectual ante todo coma historiador do cinema, debuxaba nun moi longo capítulo inicial un magnífico estado da cuestión sobre o tema xudeu, culto e cheo de matices, informado dende todos os puntos de vista.

E a partir de entón chegou a decepción, cando a reflexión deixou paso a un ensaio mal construído, baseado en exclusiva nunha ringleira de datos sen maior análise. Suponse que un ensaio literario debe ter un carácter interpretativo, comunicar co lector de xeito persoal, mesturar con habilidade a unidade estrutural e a posibilidade de facer digresións de interese e ter unha certa vontade de estilo. Todo isto, tan presente nas primeiras páxinas, desaparece dende entón. Mesmo se chegan a integrar no libro pezas de tipo xornalístico inevitabelmente colocadas a machado. A falla de profundidade leva a certas imprecisións —colocarlle ao meu adorado Oppenheimer a invención da bomba atómica, por exemplo—, pecado mortal en calquera obra que pretenda ser referencia nun terreo que debería tratarse con perspectiva científica. Por último, non aparecen demasiado xustificadas as escollas deste ou aquel personaxe o que se lle dedican dúas ou tres páxinas, máis alá do gusto do autor.

E dito todo isto agroma un feixe de preguntas. Unha editorial senlleira como Galaxia Gutenberg deixa pasar un libro así? Con que filtros? E en segundo lugar, como é posíbel que a obra reciba unhas unánimes críticas positivas en medios especializados? Ninguén coñece a Baer? Os libros de Howard Sachar? A Encyclopaedia Judaica —de consulta en liña, por certo—, O século xudeu de Slezkine, que aparece coma un dos grandes libros das últimas décadas e non só no terreo dos estudos sobre a cultura xudea?

Na cacharela das vaidades que son os sistemas literarios na época das redes sociais isto pode aparecer coma unha mostra de odio ou desprezo persoal a Diego Moldes. E xa que a tarefa do crítico é tomar partido, fagámolo: o amor ao obxecto do estudo e os coñecementos do autor son innegábeis.

As primeiras ducias de páxinas son excelentes… por que non seguir nese camiño? Por que non converter as listas nun longo apéndice e usar ese material para crear unha narración que cumpra coas regras da divulgación? Un pensa en Gonzalo Pontón ou Jorge Herralde, os dous referentes indiscutíbeis da edición en España, e constata que dificilmente isto tería pasado co seu ollo clínico na supervisión da obra. O caso é que semella que o amante da cultura do pobo elixido ou o simple curioso perderon a oportunidade de ter nas mans un libro verdadeiramente excepcional sen que a ninguén no mundo cultural español pareza importarlle ren.

Decepcións
Comentarios