Opinión

Deconstruír Maio do 68

O Maio Francés foi unha revolta atípica. Dende unha perspectiva histórica é difícil soster que fora unha revolución. Non se pode afirmar que provocase un cambio violento nas estruturas políticas, sociais ou económicas. Porén, supuxo a actualización das declaracións ilustradas.

UN HOME BAIXIÑO que leva alzas para deixar ben claros os seus complexos sube ao escenario para pechar un mitin decisivo na carreira pola presidencia de Francia. París, Pazo de Bercy; máis coñecido polos eventos deportivos. A súa rival, a socialista Sego Royal, semella ir en cabeza nas enquisas, aínda que por pouco. É Nicolas Sarkozy, fillo de húngaro e xudía grega. Na calor do discurso axita unha pantasma familiar para todos os espectadores: "Hai que liquidar a herdanza de Maio do 68". Dende a ringleira de diante, a poucos metros, mírao André Glucksmann, presentador do acto, antigo comunista e pope desde movemento. Ninguén pode negar o simbolismo do instante. Semanas despois Sarko vencerá: un chanzo máis na contrarrevolución conservadora europea... e malia todo un consolo xa que Marianne —símbolo de Francia– está preto de quedar en mans de Marine (Le Pen).

Para entender a urxente necesidade de matar o 68, hai dez anos e arestora, temos que nos preguntar: Que foi? E que é? Son as cuestións que presenta Raphaël Glucksmann no seu Mayo del 68. Por la subversión permanente (Editorial Taurus), escrito breve e panfletario composto orixinalmente para o corenta aniversario dos sucesos. André, o presentador de Sarkozy e pai de Raphaël, non puido actualizar as súas achegas á luz da depresión económica ou os movementos de indignados: finou en 2015.

Na Europa Occidental estendíase unha insatisfacción pola escasa entidade das conquistas sociais acadadas

GLUKSMANN. Josep Fontana asegura que a Segunda Guerra Mundial se fixera en nome da democracia, a liberdade dos pobos e unha mellora das condicións de vida xerais. Vinte anos despois e á luz do que sucedía en todo o mundo, estaba claro que non se acadaran os dous primeiros obxectivos. En canto ao terceiro, na Europa Occidental estendíase unha insatisfacción pola escasa entidade das conquistas sociais acadadas —como sinala Glucksmann, as estudantes que abortaban nos baños da Universidade— no nome dunha socialdemocracia que tiña pouco de ‘socio’ e non estaba disposta a chegar máis lonxe do que o sistema concedera ata eses intres.


A semente do 68 estivo na Universidade. Ata aqueles intres actuara como ascensor social e ao mesmo conservadora do particular statu quo francés, pero a masificación que sufría estaba a cambiar as cousas. A folga estudiantil naceu da lei Fouquet, que restrinxía o acceso á educación superior. Algo tan cotián —ao cabo os estudantes pasamos a vida rosmando— rematou por facer saír a luz pública a debilidade do goberno do heroe Charles de Gaulle. Tras os disturbios do 11 de maio, convocouse unha folga xeral que durou un par de semanas e chegou a deixar París desabastecida.

Os situacionistas tomaron por entón o mando. Dende a óptica actual custa explicar que demo é un situacionista, pero quedemos con que se trataba dun grupo de intelectuais que recoñecía a análise do marxismo e, polo tanto, a necesidade de rematar coa sociedade de clase mo marco dun "momento construído concreta e deliberadamente para a organización colectiva dun ambiente unitario e un xogo de acontecemento". Ou sexa, un grupo de teóricos cos que moi dificilmente se podía identificar un só francés de a pé.

O vello xeneral tomou entón unha decisión digna do mesmo Mariano Rajoy: non facer nada e desaparecer. Cando regresou á escena pública os medios afíns xa convenceran á poboación burguesa de que «a revolución» era algo que temer. Baixo cantos que pedían o envío de Cohn-Bendit, xudeu e líder do movemento estudantil, a Beijing, centos de miles de persoas da maioría silenciosa invadiron os Campos Elíseos. Xa era xuño.

O thatcherismo axitou o 68 cada vez que un gobernante da dereita europea estivo en risco de perder a súa cadeira

THATCHER. Dende unha perspectiva histórica é difícil soster que o Maio francés foi unha revolución. Ula guillotina? Ulo cambio violento da forma de goberno? Ula transformación económica ou social? Abonda para falar de revolución que se produzan trocos culturais no longo prazo? Ningún historiador actual sostén esta visión, tampouco os Glucksmann. Xa que logo... por que insistir na etiqueta? A resposta volve a estar en Fontana: París foi o limiar que deu paso a que se coñece como «a grande diverxencia», que concluíu na Depresión do 2008. Os neoconservadores precisaban un tótem, un monicreque ao que recorrer para lembrarlle ás masas a importancia da orde e a seguridade. E alí estaba París: o "Prohibido prohibir", a praia debaixo do pavés (pavimento), os comunistas que tomaban as rúas... Dende o thatcherismo cada vez que un gobernante da dereita europea estivo en risco de perder a súa cadeira axitou se o 68 para recuperarse. Lembro que tamén o fixo Aznar nunha visita a eses individuos tan simpáticos da Liga Norte, dignos herdeiros de Mussolini. Maio do 68 é o demo para a dereita europea...

...E tamén para a esquerda dese «cabo de Asia», como dicía Paul Valery e lembran os Glucksmann. Nunha das primeiras concentracións esquerdistas daquel mes pediu a palabra Louis Aragon, o grande poeta, o patriarca das letras francesas, o comunista lendario. Daniel Cohn Bendit espetoulle que había sangue nas súas canas e lembroulle as odas a Stalin e ao gulag. Foi un momento simbólico: a esquerda francesa renegaba da SFIO, Thorez, Triolet, Aragon... Pero o barranco da incoherencia agardaba moi preto. Mao pasou a ser o referente e a Rote Armee Fraktion decidiu que a mellor idea para lembrar o aniversario da Noite dos Cristais Rotos era poñer unha bomba.... nunha sinagoga. Todos os capitalistas son iguais.

O signo das novas revolucións non é a violencia senón a "incompletitude". Tomar as rúas e agardar, agardar, agardar...

 

MITERRAND. No horizonte de París aparecen Ruanda e Ucraína. Agora o protagonista non é André senón Raphaël Glucksmann. Dende os outeiros do país africano, lembra o narrador o xenocidio tutsi consentido por forzas francesas. A Francáfrica está de moda porque tamén o está a non integración dos pobos africanos na metrópole. O caso é que quen enviou aos soldados franceses a Kigali foi François Mitterrand, votado como socialista, e a quen o autor dirixe un longo e apaixonado apóstrofe que enumera as súas traizóns. A modo de epílogo figura a Revolución de 2004 en Kiev. Glucksmann queda asombrado ao ver como miles de milicianos atravesan un mar laranxa sen un só acto violento. O signo das novas revolucións non é a violencia senón a "incompletitude". Tomar as rúas e agardar, agardar, agardar... o sistema debería ceder, non si?

E España? Andan algúns agora a reescribir a historia e procurar heroes que non existiron. Había tres anos que Aranguren e Tierno Galván foran separados das súas cátedras e namentres en París levantaban as rúas en España a nova da hora era a victoria de Massiel en Eurovisión e que un tipo gañara moitos cartos cunha quiniela de catorce.

Non ten unha lección unívoca, nin un significado único e non deu paso a un destino idéntico para todos os seus protagonistas.

SARKOZY. Din os Glucksmann na frase chave do ensaio que Maio do 68 é unha aventura incómoda. Non ten unha lección unívoca, nin un significado único e non deu paso a un destino idéntico para todos os seus protagonistas. Tampouco a un destino singular que fale cunha voz única para cada un. Todo o mundo cambiou, non son posíbeis os balances colectivos nin tampouco os retratos definitivos. A realidade francesa é que un dos seus grandes beneficiados foi... Nicolas Sarkozy, alguén que endexamais podería ter chegado á presidencia no réxime gaullista e baixo o dominio das Écoles e a Sorbona.

Todos somos fillos do 68 e os seus éxitos resúmense en dúas verbas: liberdade individual. Daqueles meses sacamos a liberdade sexual da muller —a pílula anticonceptiva—, o establecemento da maioría de idade en Europa nos 18 anos, a abolición da censura ata hai ben pouco, a reorganización da educación e os medios de comunicación, a crecente igualdade da comunidade negra nos Estados Unidos —con todos os pasos que quedan por dar—, o rexeitamento dos crimes comunistas e o nacemento dunha nova esquerda... pero como fillos que somos non só temos o dereito senón o deber de cuestionar o legado.

E esa cuestión ten que pasar por riba do relativismo e os complexos. A obra dos Glucksmann é polifónica e mesmo cacofónica. Con tanto ruído o lector e o pensador corren o risco de esquecer que o 68 foi bo a un custo mínimo, o agromar dun cambio pacífico. Contra os seus beneficios levan erguéndose décadas os reaccionarios dos dous lados do charco. E malas novas: gañan por moito.

Comentarios