Opinión

Decrecer

nubes cielo

Despois das eleccións municipais e autonómicas houbo milleiros de análises. Unha das mensaxes que máis me impactou foi a que sinalaba que, coma noutros lugares en Europa e América, parte do poder político queda agora en man de forzas políticas negacionistas do cambio climático ou reticentes a aplicar medidas para o que se deu en chamar transición ecolóxica, o que chegado o caso –ninguén pode ver o futuro– pode resultar catastrófico para todos nós.

Coincidiron estes comicios coa miña lectura do ensaio Menos es más de Jason Hickel, unha obra que vai ao que considera o cerne do problema: a idea do capitalismo está indisolubelmente unida á de crecemento económico e non podemos medrar sen consumir unha enorme cantidade de recursos e, polo tanto, continuar a destruír o noso planeta e contribuír ao quecemento global. Cal é a alternativa? Medrar menos en termos económicos, distribuír mellor e de xeito máis igualitario os recursos e concentrarse no benestar dos pobos, en particular nos sistemas de educación e sanidade, que, como se sabe, son chaves para unha vida feliz.

Non é sinxelo impugnar a tese central de Hickel, mais si os seus argumentos dende o principio. A súa historia do capitalismo é, como pouco, cuestionábel, pois se centra nunha crítica ao mecanicismo de Descartes como base para unha cousificación da natureza, o que supón na nosa opinión un gran salto conceptual. É difícil pensar nos economistas liberais a pensar cartesianamente naquilo que os rodeaba e todo o relato resulta feble se se coñecen os escritos do filósofo francés.

Un segundo elemento co que o lector atopará certos atrancos é o escepticismo do autor respecto ás solucións tecnolóxicas a estes problemas. De novo, fai uso dun salto conceptual arriscado: analiza unhas tecnoloxías concretas, argumenta a súa inutilidade para loitar verdadeiramente contra o cambio climático,... e dá un chimpo da parte ao todo para rematar por afirmar que toda tecnoloxía é inútil e non nos salvará da catástrofe. Por último e relacionado con isto, o libro de Hickel é o último elo –até o de agora, claro– nunha longa cadea de libros sobre a catástrofe que nos vén enriba. Todos teñen algo en común que xoga contra a credibilidade do autor: fracasaron nos seus prognósticos. Ben é verdade que Hickel, polo menos, non cae na trampa de anunciar o final das materias primas e os recursos.

Mesmo a boa análise que fai do funcionamento do capitalismo actual e o que chama crecentismo remata en mal lugar. É pouco cuestionábel, cos datos na man, que o ritmo de crecemento das sociedades occidentais leva a extremos económicos e ecolóxicos e difícil de controlar –coma na fábula dos grans de arroz e o xadrez– e que, como xa dixemos, máis prudente sería rematar coa desigualdade e reforzar os estados de benestar. O asunto ponse máis dubidoso cando Hickel usa como países modelo para as súas ideas Costa Rica ou Cuba. Non semella un plan moi realista para os países europeos.

En poucas palabras, o libro de Hickel semella unha boa idea mal executada. Isto non impide que haxa elementos positivos dentro do libro, sobre todo nunha serie de propostas finais que, malia non ser exclusivamente propias das teorías do decrecemento, si poderían mellorar as nosas sociedades. Tampouco convén esquecer que o núcleo mesmo do pensamento é incuestionábel: vivimos unha emerxencia climática de primeira magnitude e, de non tomar medidas –moitas das propostas polo autor e outras non mencionadas no libro–, os nosos modos de vida estarán seriamente ameazados e, o que é peor, millóns de persoas estarán mesmo en risco de perder a vida.

Comentarios