Opinión

Demasiado humano

Viña de comezar 1899. Máis en concreto, era 3 de xaneiro. Friedrich Nietzsche, de 56 anos e inmortal mostacho, pasara o fin de ano en Turín e esa mañá erguérase coma sempre con ganas de tocar o piano. Sentou e púxose cunha peza de Wagner, o seu inimigo íntimo, antes marchou dar un paseo

Friedrich Nietzsche.TR
photo_camera Friedrich Nietzsche.TR

SENTOU E púxose cunha peza de Wagner, o seu inimigo íntimo, antes marchou dar un paseo. Ao saír, diante do monumental Palazzo Carignano, na praza Carlo Alberto, viu un cocheiro castigar coa fusta un cabalo. Impactado, lanzouse a impedir a agresión. Cando estaba a chegar onde a besta, esvaeceu. Recollido polo seu caseiro, Davide Fino, levárono ao seu aloxamento e sentárono de novo ao piano: comezou a aporrear o marfil sen sentido algún. Aínda foi quen de escribir nos días seguintes. Un dos seus correspondentes foi o famoso historiador do Renacemento Jakob Burckhardt, quen recibiu unha misiva demente na que se falaba de Caifás, da crucifixión e de Bismarck, todo nunha sintaxe incoherente. A sífile rematara coa saúde mental do grande filósofo finisecular: catro días despois ingresou nun psiquiátrico en Basilea e morreu de pneumonía once anos despois sen chegar a recuperar a razón nin por un intre.

O feito é que, con episodios como o relatado, a vida de Nietzsche ten atraído máis atención por parte de intérpretes do seu pensamento, novelistas de grande importancia, psiquiatras e demais fauna intelectual ca do filósofo medio. De feito as interpretacións sesgadas de practicamente todos os aspectos da súa existencia son cruciais á hora de explicar unhas ideas revolucionarias onte e hoxe. Todo isto viuse esaxerado durante os anos posteriores ao pasamento do filósofo ‘grazas’ á perversa tarefa levada a cabo por Elisabeth Förster-Nietzsche.

A irmá do xenio de Röcken casara en 1885 con Bernhard Förster, un fanático antisemita que decidiu crear un asentamento ario «puro» en Paraguai. O asunto non foi ben —a raza superior morría de fame por non ser quen de facer algo tan sinxelo como sementar e colleitar— e Förster suicidouse. Aquilo non fixo que a súa viúva se arrepentise. Anos despois regresou a Alemaña, mantivo fortes pelexas cun irmán que non aceptaba as súas ideas e cando este caeu na demencia utilizou de xeito infame os seus —cada vez máis famosos— escritos como aval para o antisemitismo e posteriormente para o ascenso do partido nazi. Chegou ver o triunfo de Hitler antes de finar en 1935 e o mesmo ditador acudiu ao seu funeral.

Tan afectado quedou o legado de Nietzsche na súa patria de orixe que foron dous italianos, Colli e Montinari, os que, xa a finais dos anos cincuenta, afrontaron a tarefa de realizar unha edición definitiva dos seus escritos. Nese traballo demostraron que ‘A vontade de poder’, o libro que conectaba ao filósofo co nazismo, era unha total invención que en absoluto se axustaba ás intencións do seu autor. O renacemento do pensador viuse completado a partir dos anos 80 coa edición dos seus papeis póstumos —atopados nun comprensíbel desorde— e da súa correspondencia.

De todas as sombras da vida de Nietzsche a que máis atracción segue a xerar nos lectores é a súa caída no abismo

Grazas a todo este novo material os investigadores foron quen de debuxar cun trazo máis fino a figura nietzschiana. En España contamos con Miguel Morey, que xa a principios dos 90 publicou o imprescindíbel ‘Nietzsche, una biografía’. Case que trinta anos despois reescribe esta obra, que conserva os presupostos básicos, engade todo aquilo que permite contextualizar mellor o personaxe e transforma o seu título en ‘Vidas de Nietzsche’. Son tantas as facianas do noso protagonista que o uso do plural está perfectamente xustificado.

De todas as sombras da vida de Nietzsche, a que máis atracción segue a xerar nos lectores contemporáneos é a súpeta caída nas tebras da tolemia. Quíxose ver nela algo xenético, xa que ao pai se lle diagnosticara unha demencia precoz por «cerebro mol», pero os estudos médicos desacreditaron a teoría. Os seus permanentes problemas de saúde —cegueira, dores gástricas, migrañas— fixeron pensar nalgún tipo de síndrome complexo, pero nada se puido confirmar. Ante a falla de respostas, nin Morey nin nós podemos fuxir do engado que creou Thomas Mann no seu ‘Doktor Faustus’. Xa saben da capacidade da literatura para encher os baleiros da historia.

Adrian Leverkühn, o protagonista da novela de Mann, é moitos homes nun; segundo testemuña o diario da composición do libro que levou o propio autor. A súa teoría musical é a de Theodor Adorno, a súa práctica musical a de Arnold Schönberg... e a súa enfermidade a de Friedrich Nietzsche. O asceta Leverkühn non precisa máis ca unha soa visita ao bordel da Hetaira Esmeralda para se contaxiar do ‘mal du siècle’, a sífile que destrúe o seu cerebro no marco dun pacto diabólico no que sacrifica amor humano a cambio de talento sobrehumano. Con este relato consagrou Mann a historia apócrifa da precipitada chegada de Nietzsche a un establecemento de mala catadura en Colonia, onde tivo unha experiencia sexual que marcou o seu futuro. A falla dunha explicación boa, abonda cunha literaria.

Na vida do filósofo aparecen ademais con papeis estelares dous grandes persoeiros da cultura centroeuropea da época. Richard Wagner pasou de referente artístico a adversario ao afastarse o rapaz Friedrich das ideas desenvolvidas no círculo de Bayreuth. Lou Salomé foi a namorada de Nietzsche denantes de ser a musa de Rilke: aínda non engadira o apelido Andreas co que remataría por pasar á historia da cultura. Fíxoo xusto despois do estraño fin da súa relación co filósofo, do que nin o epistolario exhumado dá unha idea precisa.

A relación de Nietzsche coa modernidade é dunha grande complexidade. Tentou mergullarse nela Dorian Astor en ‘-). Trátase dun texto de ton moi distinto ao de Morey, máis centrado en conceptos filosóficos e para cuxa interpretación precisamos centrarnos no paradigma das ideas da posmodernidade. Debería o noso protagonista ser a referencia dunha certa cosmovisión arestora pola súa combinación de rexeitamento ao culto científico da obxectividade e tamén á figura divina, á que destruíu co seu martelo. O mesmo cós románticos, el cría que un pode crear a súa propia vida e os seus propios valores... o que non deixa de coincidir coas visións relativistas e individualistas que nos rodean. Por último, e como desenvolve Astor, o desacougo é o síntoma principal tanto da modernidade como da filosofía nietzschiana e as súas críticas á sociedade que o rodeaba seguen vixentes en certo modo nas nosas.

E é que, como ben anuncia o autor no limiar da súa análise, é determinante para a relación de Nietzsche co presente a existencia de distintos tipos de lectores. Un servidor, verbigracia, esgotou os seus esforzos de cara á proba de Selectividade, cando estaba convencido de que caería ao terse cumprido un século do seu pasamento. Atopárao en primeira instancia en ‘El árbol de la ciencia’ de Baroja e aínda hoxe quedo estarrecido co faladoiro entre Andrés e Iturrioz, e supoño que non se poden ter ideas subversivas sen ser nietzschiano dalgún xeito. Algúns regresan unha e outra vez aos seus escritos. Outros, a maioría en realidade, ou renegan polas súas dificultades e escuridades ou simplemente non puxeron un pé nel.

E malia todo... os esforzos de Astor non deixan de constituír un certo fracaso. A decadencia das Humanidades —explicitada hai ben pouco nun infausto proxecto para a eliminación da materia de Filosofía da educación española— afasta mesmo as persoas cultas de todo aquelo que ten que ver co mundo das ideas, en moitas ocasións para sempre e de xeito inevitábel. Friedrich Nietzsche non pode ser alleo a isto. Se temos que elixir unhas palabras que o representen son aquelas coas que titulou unha obra culminada en 1880: ‘Humano, demasiado humano’. A brutal humanidade do filósofo e o seu vitalismo golpéannos coma o seu martelo e, combinadas co desgraciado e inxusto estigma do nazismo, afástano en realidade do mundo das ideas actuais, a pesares da súa innegábel influencia en certos pensadores de hoxe en día.

Vidas de Nietzsche Miguel Morey

Editorial Alianza.

Páxinas 464

Prezo 14,50 €

Medrado da semente de 'Nietzshce, una biografía (1990), benefíciase da contextualización que posibilita o novo material traducido.

La zozobra del presente, Dorian Astor

Editorial Acantilado

Páxinas 576

Prezo 29,00 €

Para Nietze, a zozobra era o síntoma por excelencia do seu presente, unha forma de pensar e sentir mórbida e desencantada.

 

Comentarios