El tiempo
viernes. 01.07.2022
El tiempo

O derrubo das estatuas

Decote cando se fala de xenocidios e cataclismos a nosa mente vai cara as guerras. Son explosivas, ocorren nuns poucos anos e, ao sermos europeos, representan un fenómeno "familiar". Non nos podemos alienar, poño por caso, das guerras napoleónicas aínda que estean lonxe no tempo porque, por exemplo, John Moore segue enterrado no Xardín de San Carlos na Coruña

Porén un dos meirandes dramas da historia da humanidade foi unha pingueira e quizais por iso o ignoramos ou infravaloramos. É o comercio de escravos no Atlántico, que se calcula custou a vida a uns dezaseis millóns de persoas nada menos ca entre 1452 e 1807 —e aínda máis se ampliamos as datas para acoller países coma Brasil ou a Cuba española, onde esa institución foi legal durante varias décadas máis—.

Non ocorre o mesmo en Estados Unidos, onde si hai descendentes de escravos a manchea. Non é estraño polo tanto que alí se publicasen obras como a de Sven Beckert sobre o algodón —un ensaio seminal que xa pasou por estas páxinas— e Barco de esclavos de Marcus Rediker, que agora, cun certo atraso xa que o orixinal é do ano 2008, aparece en España da man de Capitán Swing, mestra do ensaio que poderiamos chamar progresista en canto a temática.

O libro de Rediker podía analizar moitos aspectos da institución da escravitude —por exemplo, os relacionados coa vida nas plantacións— pero queda co máis sinistro quizais: o proceso polo que os habitantes de Ashanti, Dahomey, Kongo ou Lunda eran secuestrados, introducidos á forza en barcos de moi diverso tipo e trasladados a aqueles lugares nos que traballarían até a morte... se alí chegaban.

Os escravos ían encadeados en parellas, pechados como en lata de sardiña e estaban cheos de merda

A dureza da viaxe transatlántica pódese resumir nun só dato: calcúlase que arredor de dous millóns de persoas pereceron nela. As descricións de Rediker, baseadas nos testemuños deixados por centos de raptores e raptados e en particular de Olaudah Equiano, escravo sobrevivinte, son estarrecedoras. 

Os escravos ían encadeados en parellas, pechados como en lata de sardiña —a portada da edición española está chea de esquemas sobre isto— e estaban cheos de merda pola falla de retretes. Aínda que os alimentasen ben, non por humanidade senón porque o éxito económico da expedición dependía de que sobrevivisen moitos e non se amotinasen, cando nas bodegas entraban a disentería, a varíola ou o escorbuto as consecuencias eran terríbeis. Os mortos guindábanse pola borda sen ningunha cerimonia e ás veces eran tantos que os tiburóns xa non se separaban dos barcos posto que sabían que se os seguían tiñan o xantar asegurado.
Rediker aporta ademais unha visión nada romántica nin compracente dos comerciantes de escravos. Centrados no negocio e algúns deles moi responsábeis nese sentido, adoitaban rodearse de mariñeiros que en realidade eran pouco máis afortunados cós mesmos escravos —algúns mesmo remataban naquelas expedicións por débedas. O resultado era un ambiente desapiadado que contribuía á crueldade en todo aquel proceso triangular entre Inglaterra, as costas africanas e a rexión do Caribe—.

Nos últimos anos as polémicas historiográficas en Estados Unidos xiraron arredor do Proxecto 1619 —data de chegada dos primeiros escravos ao país, é dicir, denantes de que arribase o Mayflower cos colonos puritanos- e o derrubo ou maltrato de estatuas que homenaxean a escravistas coma Robert E. Lee. As voces da cultura conservadora e tradicional clamaron contra isto e as máis construtivas delas pediron que se "resignificasen" eses monumentos. A lectura do libro de Rediker, co seu rigor e os seus detalles, axuda a entender que hai traxedias que non admiten trocos de significado senón unha vergoñenta asunción de responsabilidades por parte dos que foron verdugos de vítimas que se contan por millóns.

O derrubo das estatuas
Comentarios